- A eurodeputada recolle a preocupación manifestada polo mal uso dos Fondos FEDER e dos préstamos do IGAPE, con financiación do Banco Europeo de Inversións (BEI)
- Alvaher 98, S.L. foi fortemente apoiada polas distintas administracións públicas.
Santiago, 04 de agosto de 2017. Lídia Senra, eurodeputada galega integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), ven de denunciar ante a Comisión Europea que a empresa Alvaher 98, S.L., promotora dun hotel de “gran luxo” no Concello de Sober (Lugo), entrou en concurso de acredores fai máis dun ano e non consta información sobre se esta empresa devolveu as subvencións e o préstamo concedido ao erario público. Senra presentou esta semana un escrito dirixido á CE dando conta desta situación.
No seu escrito, Senra dá conta das subvencións que percibiu esta empresa segundo os propios informes da Xunta de Galiza. Resalta que non é sinxelo saber exactamente todas as subvencións que cobrou Alvaher porque en algún caso houbo gasto descertificado pola propia administración e noutros (a Estatal) non se chegou a pagar porque non se cumpriron os requisitos. En calquera caso, consta unha subvención de 887.619, 98 euros con cargo ao Programa Operativo FEDER de Galiza 2007-2013, entre outras, e un préstamo de 2,5 millóns de euros concedidos polo IGAPE coa financiación do Banco Europeo de Inversiós (2007-2010).
Este proxecto foi fortemento apoiado por todas as administracións públicas, falando deste hotel de “gran luxo” coma un revulsivo económico para o Concello de Sober e para a Comarca. Haberá que cuestionarse logo, os estudos que se lle solicitan a estas empresas para demostrar a viabilidade destas grandes inversións.
Ante esta situación, Senra pregúntalle a Comisión se é coñecedora destes feitos e pídelle información sobre a devolución destes fondos . A Comisión Europea debería dar resposta a este escrito nun prazo de entre 4 a 6 semanas.