-
A eurodeputada explica a Bruxelas que o proxecto, que se faría con recheos, afectaría ás 1.500 persoas que viven da pesca e ao marisqueo na zona
-
Defende no seu escrito que o tráfico marítimo que acollerían estas instalacións pode realizarse sen problema no propio porto de Vigo actual
Santiago, 28 de marzo de 2019. A eurodeputada Lídia Senra, membro do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) e candidata de En Marea ás eleccións europeas de finais de maio, ven de denunciar na Comisión Europea (CE) o proxecto do Porto de Vigo para transformar varias instalacións portuarias obsoletas nunha nova terminal mediante recheos de gran calado en plena Enseada de San Simón, é dicir, en pleno espazo marítimo incluído na Rede Natura.
Senra rexistrou esta semana unha pregunta parlamentaria por escrito dirixida á CE, na que lle explica ao organismo comunitario que estas instalacións novas se levarían a cabo nunha área “especialmente sensible por tratarse dunha zona de estuario”, sendo ademais “unha zona marítima de explotación tradicional que acolle mais de 1.500 postos de traballo en pesca artesanal, marisqueo e bateas de mexillón”.
A eurodeputada valora que o Porto de Vigo presenta uns índices de utilización dos seus peiraos actuais inferior ao 50 por cento, polo que é obvio e defende que “o tráfico que se pretende desviar á Enseada de San Simón podería realizarse nas instalacións que xa hai no propio porto, sen necesidade destas novas”. Ante esta situación, Lídia Senra pídelle á CE que se posicione sobre se cre que o obxectivo do Porto de Vigo de aumentar as infraestruturas ten fundamento e sobre se o proxecto dunha nova terminal portuaria en plena Rede Natura, como é o caso, é posible. A parlamentaria lembra que o Porto de Vigo non dispón da ferramenta fundamental de planificación da actividade, é dicir, de Delimitación dos Espazos e Usos Portuarios (DEUP) porque foi anulado por sentenza do 4 de decembro de 2017 da Audiencia Nacional.