-
A eurodeputada alerta á Comisión Europea sobre o uso de fondos FEDER en intervencións na PO-308 que non respectan a área protexida en Rede Natura
-
Reclama outro tipo de programas contra a uña de gato e a herba da pampa e tamén que cesen as agresións medioambientais no paseo peonil e novas vías
Santiago, 12 de abril de 2019. A eurodeputada Lídia Senra, membro do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) e candidata de En Marea ás eleccións europeas de finais de maio, ven de denunciar ante a Comisión Europea (CE) as aberracións medioambientais que se están a dar na contorna da praia da Lanzada, no concello de Sanxenxo. Senra presentou dous escritos dirixidos ao ente comunitario, para alertalo sobre as agresións que se están dando nesta área, incluída como zona de protección ZEC e ZEPA na Rede Natura 2000. Concretamente, un dos escritos está centrado na proliferación de plantas invasora e outro nas obras levadas a cabo na PO-308, afectando seriamente ás dunas. Os escritos presentados esta semana en Bruxelas son froito da visita que a eurodeputada realizou á Lanzada no pasado mes de febreiro, acompañada por Mary Camiña, candidata á Alcaldía de Sanxenxo por Somos En Marea Sanxenxo e candidata ao Senado de En Marea pola provincia de Pontevedra, e por membros da Plataforma Veciñal de Sanxenxo.
Así, Lídia Senra dá conta á CE de que na Lanzada leváronse a cabo dúas fases de rexeneración dunar, quedando pendente de execución desde o 2009 unha terceira, que suprimiría parte do trazado da estrada PO-308, para rexenerar as dunas existentes, ampliar a zona de praia e aumentar a seguriade vial. Non obstante, no 2016 comezou unha obra na dita PO-308, con fondos FEDER, para abrir un sendeiro peonil e ciclista (este último segue sen facerse), que conlevou que as dunas pasaron a ser removidas e usadas como zona de almacenaxe de escombro e como aparcadoiro de maquinaria pesada nas inmediacións, ademais, do conxunto megalítico Con do Cormorán, que se viu afectado. Neste tempo tamén, o entablado de madeira do paseo saiu voando tres veces, chegando a impactar no colexio que hai nas proximidades, ao facerse as obras sen ter en conta os estudos xeolóxicos, e incluso colocaron unha base de cemento.
A europarlamentaria pregunta á CE se ten constancia a Comisión dos fondos europeos empregados neste sendeiro ciclista non construído e en todas as obras daninas para as dunas na Lanzada e pídelle que se posicione sobre se considera que son compatibles estas actuacións coas medidas de protección natural desta zona.
Por outra parte, a eurodeputada tamén explica á Comisión Europea que a uña de gato (Carpobrotus edulis) e a Herba da pampa (Cortaderia selloana) son plantas que, polo seu potencial colonizador, constitúen unha ameaza grave na Galiza, motivo polo cal foron incluídas no Catálogo Español de Especies Exóticas Invasoras polo Real Decreto 630/2013 de 2 de agosto. Sen embargo, os programas impulsados para a súa erradicación non están funcionando e un claro exemplo é o concello de Sanxenxo, e máis concretamente a praia da Lanzada, que se encontra rodeada por unha bela contorna natural de dunas protexida dentro da Rede Natura 2000, con hábitats especiais, dunha gran diversidade tanto en flora como en fauna, pero as plantas invasoras mencionadas propician que as autóctonas vexan reducida a área xeográfica de crecemento. As invasoras proliferan de forma profusa por dunas e accesos a praias e os produtos químicos cos que se intentan queimar esas plantas, ao aplicarse en lugares en contacto directo co mar, constitúen un risco alto de contaminar as augas, denuncia Senra, que pide á CE que inclúa a uña de gato e a herba da pampa na Lista de especies exóticas preocupantes para a UE e tamén que se posicione sobre que protocolos se deberían de seguir contra as invasoras en Rede Natura como é a Lanzada.
Para Lídia Senra, respectar de forma escrupulosa e coidar os espazos naturais protexidos é fundamental. Así, acusa ás Administracións públicas de facer a vista gorda ante agresións tan preocupantes como as mencionadas e chama a exercer con responsabilidade os deberes de control, non promocionando obras nin intervencións que están a danar a nosa costa.