- A eurodeputada reuniuse esta mañá con unha das responsábeis da redacción da proposta do novo Regulamento de Control da Pesca da CE
- Senra é poñente alternativa en representación do GUE/NGL no informe que está elaborando a Comisión de Pesca do Parlamento Europeo
Bruxelas, 29 de Xaneiro de 2019. A deputada Lídia Senra, representante do Grupo da Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nórdica na Comisión de Pesca do Parlamento Europeo (PE), mantivo na mañá de hoxe un encontro con Laurence Cordier, asesora legal da Unidade de Control da Pesca e Inspeccións da Comisión Europea, co obxectivo de intercambiar opinións ao respecto da proposta de modificación do Regulamento de Control da Pesca presentado pola CE e trasladarlle a súa opinión ao respecto.
Actualmente, as medidas polas que se establece o Réxime de Control da Pesca (RCP) da Unión Europea para garantir o cumprimento das normas da PPC están recollidas en catro actos lexislativos distintos: o Regulamento de control da pesca; o Regulamento polo que se crea a Axencia Europea de Control da Pesca (AECP); o Regulamento polo que se establece un sistema comunitario para previr, desalentar e eliminar a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada (Regulamento INDNR) e o Regulamento sobre a xestión sostíbel das flotas pesqueiras exteriores. A proposta da CE sobre a que está a traballar arestora o PE ten por obxecto revisar o RCP, a excepción do Regulamento sobre a xestión sostíbel das flotas pesqueiras exteriores, revisado recentemente. O informe elaborado pola Comisión de Pesca do PE, vinculado á proposta de modificación do Regulamento de control da pesca realizada pola Comisión -neste caso emendas ao Regulamento-, será previsibelmente votado polo pleno do Parlamento Europeo do mes de abril, e xa o vindeiro 5 de febreiro remata o prazo de achega de emendas
Senra, que é precisamente a responsábel para o GUE/NGL do seguimento do informe da Comisión de Pesca da Eurocámara, explicou hoxe á representante da CE que a proposta de Regulamento sobre o que se está a traballar “non está adaptado en absoluto á pesca artesanal. Entre outros aspectos, que presentaremos como emendas ao texto, a aplicación das medidas técnicas tal e como están recollidas a día de hoxe na proposta de modificación do Regulamento conlevan inda unha maior burocratización, moi dificilmente asumíbel polos barcos pequenos. Ese é o caso tamén de certas incorporacións tecnolóxicas”.
“A conclusión é clara. Só hai dúas opcións: ou retirar a pesca artesanal desta proposta de modificación do Regulamento de Control ou incluír nel medidas específicas, traballadas co sector, que teñan en conta a realidade da pesca artesanal. Porque, tal e como está a día de hoxe a proposta de modificación do Regulamento, so poderiamos apoialo se a pesca artesanal e de pequena escala quedan excluídas da súa aplicación”.