- A eurodeputada de AGEe denuncia que a débeda do Estado español ascendeu no 2015 a máis de 23.000 euros por persoa
- Defende que o goberno resultante dos comicios do 26 de xuño realice unha auditoría da débeda para poder determinar que parte é ilexítima
Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), demanda que as forzas políticas de esquerda galegas e estatais coloquen o problema da débeda pública no centro do debate da próxima campaña electoral xa que, ao seu entender, “será dificil facer políticas reais de esquerda nun hipotético Goberno futuro se non se coloca como meta facerlle fronte á situación de débeda actual e non se presentan alternativas claras ao respecto”.
Senra deu este mércores unha rolda de prensa en Santiago de Compostela, para presentar unha xornada sobre a “A débeda pública. O impacto do memorando da Unión Europea”, que se celebrará este próximo sábado, 21 de maio, na Facultade de Filosofía da capital galega organizada polo propio GUE/NGL e por AGEe, na que intervirán destacadas persoas expertas na materia non só galegas, senón tamén do resto do Estado e a nivel internacional, como o referente Éric Toussaint, que será a primeira vez que poida escoitarse na Galiza, e impartirá unha conferencia sobre a diferenza entre legalidade e lexitimidade da débeda pública.
Na rolda de prensa, Lídia Senra ofreceu algúns datos alarmantes ao respecto da situación na que se atopa o Estado español a día de hoxe en canto á débeda pública. Se no ano 2007, a débeda pública por persoa ascendía a 8.404 euros e supoñía o 36,3% do Produto Interior Bruto (PIB), no ano 2015 ascende a 23.045 euros por persoa e supón o 99,2% do PIB. “Isto significa que cada nena ou neno que nace no Estado español a día de hoxe xa ven cunha débeda ao lombo de máis de 23.000 euros que terá que pagarlle ao Estado ao longo da súa vida, e pensar iso é máis que tremendo”, denunciou a eurodeputada, quen dixo que a crise da débeda é un dos principais motivos das reformas políticas antisociais que estamos a vivir e que están levando a serios recortes de gasto en materia de servizos públicos como a sanidade, a educación ou a dependencia, e a subas de impostos que en lugar de levar a que pague máis quen máis ten, afectan de maneira moi negativa ás clases populares.
Ante esta situación, Senra ve “fundamental” para “calquera forza política da esquerda e para a sociedade en xeral entender e debater sobre a débeda e buscar propostas para facerlle fronte a todas as reformas antisociais que están poñendo en marcha os gobernos neoliberais tanto no Estado español como na Xunta como consecuencia de ter que pagar semellante débeda”. Lídia Senra explicou que nos últimos anos, por parte do PP, sempre se nos intentou facer crer que “gastabamos máis do que tiñamos”. “O que queremos é que nos preguntemos todas e todos por que temos máis gastos que ingresos e a resposta témola na débeda pública que se está pagando e nas políticas neoliberais que nestes últimos anos levaron á deslocalización da produción, á eliminación de postos de traballo e á merma de persoas que cotizan aquí, á privatización de empresas públicas e a políticas fiscais regresivas que fan que o Estado ingrese menos”. “Hai que poñer dunha vez por todas enriba da mesa por que o Estado non ten ingresos”, dixo.
A eurodeputada defendeu que a crise da débeda pública é o eixe central das reformas antisociais realizadas polos Gobernos nos últimos anos e, ante iso, chamou a buscar propostas concretas que lle fagan fronte e a facer deste un tema “clave” na campaña electoral dos comicios estatais do próximo 26 de xuño. “No ano 2013, pagar os intereses da débeda supuxo o 25% do Orzamento do Estado español”, afirmou, algo que, dixo, “é moi grave”, xa que “se seguimos con esta liña, poderanse facer moi poucas políticas públicas porque todo o noso diñeiro irá destinado a pagar a débeda, tendo en conta a reforma da Constitución levada a cabo que obriga a priorizar o pago da débeda por riba das outras políticas”, enfatizou.
Fronte a isto, Senra defendeu que “hai alternativas que se poden poñer en marcha” e “hai que afrontalas canto antes”. Unha delas, e urxente, sería que o Goberno resultante das vindeiras eleccións no Estado español encargue e realice unha auditoría da débeda pública, algo que se fixo no seu día, por exemplo, en Ecuador, e que levou a que declarasen ilegal parte da súa débeda e a dispor novamente de recursos para facer políticas de apoio á cidadanía e aos dereitos sociais de todas e todos. A deputada galega no Parlamento Europeo tamén chamou a dar a batalla social e institucional, para que a recadación non se realice como ata o de agora, “presionando sobre os sectores máis débiles da poboación, as clases populares, senón definindo unha política fiscal para que pague máis quen ten máis”. Non obstante, alertou de que a solución á débeda pública que barallan a día de hoxe os partidos políticos neoliberais é seguir coas privatizacións e cos recortes para os servizos públicos e con políticas fiscais regresivas. “Ese é o futuro que nos propoñen e hai que facerlles fronte, temos que ir a políticas que poñan os dereitos da maioría das persoas por riba dos intereses dunha minoría”, insistiu.
Senra espera que as xornadas do sábado 21 de maio en Santiago sirvan para aclarar propostas concretas a presentar nesta materia e para poñer “os puntos sobre as ies fronte á brutal débeda que nos endosaron a toda a cidadanía”. A xornada na Facultade de Filosofía é aberta a todos os públicos, sen necesidade de inscrición previa, e prolongarase durante todo o día. Nela intervirán ademais da propia Lídia Senra e de Éric Toussaint, o economista e voceiro do Grupo Parlamentario de AGE, Xosé Manuel Beiras; o tamén deputado de AGE no Parlamento Galego Antón Sánchez; a membro da Plataforma Auditoría Cidadá da Débeda Iolanda Fresnillo; o integrante da Plataforma Saír do Euro Joan Tafalla; a economista galega e responsable de Organización de Anova, Esther Duro; o economista catalán Ramón Franquesa; o activista galego Miguel Quinteiro; María Luisa Lores, de SOS Sanidade Pública; a concelleira de Políticas Sociais de Santiago, Concha Fernández; a concelleira da Estrada Mar Blanco; o autor do blog O Funambulista Coxo, David Rodríguez; e o profesor da USC Xoan Carlos Carreira.