- Organiza a xornada ‘Acceso aos servizos básicos: Un dereito impresdincible para un rural vivo en Europa’ o sábado en Santa Cruz de Ribadulla (Vedra)
- Haberá varios debates nos que participarán concelleiros/as de Boqueixón, Vedra e Santiago, o alcalde de Manzaneda e expertas da USC e de Suecia
Santiago, 22 de maio de 2018. A eurodeputada galega Lídia Senra quere realizar un chamamento a toda a sociedade para animar a que se reclame como dereito imprescindible poder ter un acceso óptimo aos servizos básicos no rural galego. “Todas as persoas que viven no rural galego deberían poder ter un transporte público de calidade que as conecte con outros lugares, así como acceso de calidade óptima a internet, servizo de Correos en condicións, etc”, defende a europarlamentaria, quen este próximo sábado, 26 de maio, organiza na Casa da Cultura de Santa Cruz de Ribadulla (Concello de Vedra) unha xornada baixo o título “Acceso aos serivos básicos: Un dereito imprescindible para un rural vivo en Europa”. A xornada, aberta a todas as persoas interesadas, estruturarase en varias mesas de intercambio de información e debate e prolongarase durante todo o día, entre as 10:00 e as 14:00 horas da mañá, e entre as 16:30 e as 18:30 horas da tarde.
Na sesión da mañá, levarase a cabo unha mesa que abordará “O acceso a servizos básicos como poden ser o transporte público, internet e Correos. Análise da deficiente situación actual nos concellos de Vedra e Boqueixón. Como organizarse para defendelos e recuperalos”. Nela intervirán como relatores, ademais da propia Lídia Senra, que ademais é veciña do concello de Vedra, o concelleiro Non Adscrito en Vedra Roberto Castro Rocamonde, e o concelleiro da Agrupación Veciñ@s de Boqueixón Xabier Canabal Fernández. María del Carmen Soutullo Carolo, concelleira en Boqueixón tamén, será a encargada de moderar o debate e de introducir esta parte da xornada.
A continuación, ás 12:30 horas, terá lugar un relatorio a cargo de Jorge Duarte, concelleiro de Santiago responsable de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda, Mobilidade e Relacións Veciñais, que explicará “O novo plan de transporte para Santiago e comarca”. A concelleira na Estrada polo Movemento Veciñal Estradense (MÓVETE), Mar Blanco Casais, será a moderadora nesta parte.
E xa na sesión da tarde, desenvolverase a mesa “O rural vivo é posible. Exemplos de interese na xestión de servizos básicos de concellos galegos e doutras partes de Europa”, na que intervirán o alcalde de Manzaneda, Félix Domínguez; María Ángeles López Agüera, directora do máster de Enerxías Renovables e Sustentabilidade Enerxéitca da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e deseñadora do Plan de Actuación de Enerxía Sustentable (PAES) do concello de Vedra; e Maja Gilbert, membro do Partido da Esquerda sueca e do Consello do Condado na rexión de Dalarma, en Suecia, onde está en marcha o proxecto Fibre to the Village, que estimula ás comunidades a establecer as súas propias redes de internet nos municipios. O profesor na Universidade de Vigo e xornada David Formoso moderará esta parte.