-
Avoga por recuperar a soberanía das persoas sobre os datos e información, para evitar ser materia prima da acumulación de grandes capitais privados
-
Conclúen en Santiago, con Ekaitz Cancela e Paul Cockshott, as xornadas de Economía no século XXI, organizadas en colaboración con Xabier P. Davila
Santiago, 06 de abril de 2019. A eurodeputada Lídia Senra, membro do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) e candidata de En Marea ás próximas eleccións europeas de finais de maio, avogou esta mañá por profundizar sen demora no debate social sobre os sistemas económicos e sociais alternativos ao capitalista, e sobre a transición a unha sociedade verdadeiramente socialista na práctica, feminista e ecoloxista, baseada na propiedade social e na democracia radical. Así o defendeu en Santiago, na Facultade de Filosofía, durante o segundo e último día das xornadas Finanzas, Enerxía, Terra, Coidados, Datos. Privados? Sociais? A economía no século XXI organizadas pola propia Senra, en colaboración co economista e membro do Consello das Mareas Xabier Pérez Davila.
Senra chamou a introducir con máis forza na esquerda este tipo de debates, nos que falar de como facerlle fronte de forma efectiva ao neoliberalismo. A europarlamentaria foi o encargada de presentar nas xornadas ao xornalista e autor do libro Despertar del sueño tecnológico, Ekaitz Cancela, que fixo un relatorio centrado na propiedade e comercialización dos datos. “Debemos recuperar a soberanía das persoas sobre a información e os datos que xeran. Os datos e a información deben ser un ben común, e non a materia prima da acumulación de grandes capitais privados. É imprescindible pór a información e os datos ao servizo de investigacións útiles en aforro enerxético, saúde, optimización das redes de transporte, investigación sobre crise ecolóxica e mudanza climática agroecolóxica”, defenderon Lídia Senra e tamén Pérez Davila, que se encargou de presentar nas xornadas a William Paul Cockshott, profesor de Computing Science da Universidade de Glasgow.
Cos coloquios de hoxe, rematan estas xornadas, que se desenvolveron durante o sábado pasado e este mesmo. Dos dous días de debates, Lídia Senra e Pérez Davila como organizadores tiran unha serie de amplas conclusións [CONSULTAR COMPLETAS PINCHANDO AQUÍ], destinadas a como se debería levar a cabo unha planificación económica para unha economía máis social e alternativa ao capitalismo.