- A eurodeputada de AGEe inaugurou este venres en Ourense as xornadas “O feminismo, imprescindible para construír outra Europa
- Amosa a súa preocupación polo sesgo machista co que actúan até compañeiros que din defender os dereitos e a presenza das mulleres
Ourense, 18 novembro 2016. Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), inaugurou este venres pola tarde no Centro Cívico A Ponte, en Ourense, as xornadas internacionais de formación para mulleres “O feminismo, imprescindible para construír outra Europa”.
Na súa intervención inicial, ante unha trintena de participantes no evento, Lídia Senra amosou a súa preocupación polo escaso papel que seguen a ter as mulleres, mesmo na esquerda que se está a construír, e chamou a realizar unha reflexión colectiva. Neste sentido, asegurou que estas xornadas servirán como punto de encontro e intercambio para poder avanzar e facer unha valoración da situación actual.
Cando faltan poucos días para conmemorar un ano máis o 25 de novembro, Día Mundial de Loita contra a Violencia sobre as Mulleres, Senra fixo referencia á enquisa realizada recentemente pola Axencia dos Dereitos Fundamentais da UE, que descobre os “arrepiantes datos” de que 1 de cada 3 mulleres ten sufrido agresións físicas ou sexuais desde os 15 anos e que un 12% foi violada por un adulto antes de cumprir os 15 anos. “Son datos que arrepían e que nos teñen que dar coraxe para seguir na loita fronte a ese temor continuo a ser atacadas que padecemos”, asegurou.
Máis alá da violencia física, a eurodeputada tamén denunciou que na UE seguimos atopándonos cunha “enorme brecha salarial e nas pensións entre homes e mulleres”. e chamou a debater “sobre o que está pasando na esquerda que se está construíndo”. “As delegacións para negociar están formadas case sempre por homes, os representantes dos partidos políticos son homes case sempre e todo se presenta cun verniz de moverse no politicamente correcto”, denunciou. “Todos eles din estar de acordo coas lexislacións de protección dos dereitos das mulleres e a favor da participación das mulleres na vida política, sindical e social, pero sen embargo, e á vez, os nosos propios compañeiros que din estar comprometidos co feminismo actúan de xeito totalmente contrario ao que din e non posibilitan para nada a nosa participación en cargos de decisión”, dixo, para engadir que “isto estame preocupando moitísimo”. “Avanzamos en lexislacións ou políticas no papel de defensa das mulleres e sen embargo, seguen a aplicarse con sesgo machista porque a maioría de quen está en cargos de dirección e decisión son homes e faise un baleiro total ás mulleres feministas nas institucións”, afirmou. “Onde estamos as mulleres no eido político e sindical, para participar nas mesas de negociación en pe de igualdade? En case ningunha parte. Preocúpame moito, preocúpame moitísimo”, insistiu. “Agardo que estas xornadas sirvan para fortalecernos, facer novas propostas, poñerlle fin a esta situción e seguir avanzando”, concluiu.
Nas xornadas participan máis dunha docena de relatoras, en diferentes debates, como o celebrado na tarde deste venres baixo o título “Teoría de redes de acción: Introdución aos feminismos”, da man da doutora en Filosofía e Semiótica, profesora da Universidade de Vigo, Saleta de Salvador Agra, que foi introducida pola deputada de En Marea no Parlamento galego Paula Verao.
A segunda charla impártea a filósofa ecofeminista Alicia Puleo sobre “Ecofeminismo para outro mundo posible”, unha conferencia que se encarga de presentar Marga López Barreiro, concelleira en Vigo e membro de Anova.
Xa o sábado, as sesións comezarán ás 10 da mañá, cunha palestra de Eliane de Moura Martins, militante do Projeto Popular para o Brasil e doutoranda en Socioloxía pola Universidade Federal do Río Grande do Sul (Porto Alegre), sobre “Concibindo e construíndo o feminismo popular para facerlle fronte á colonialidade, ao capitalismo depredador e a todas as formas de neomachismos”.
A membro de Anova Ourense Tania Bouzo será a encargada de presentar este primeiro debate da mañá, antes de dar paso, a partir das 12:00 horas, a Rosa Álvarez, decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galiza, que falará sobre “Micromachismo: Cimentando o patriarcado”, e que será presentada por Sandra Pesqueira, concelleira en Marín e tamén membro de Anova.
O sábado pola tarde, terá lugar o último debate, que baixo o título de “Acción social desde o feminismo. Exemplos de experiencias de traballo desde diferentes organizacións”, reunirá a Isabel Vilalba, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), Eva Bastón e Tania Merelas, de Fiadeiras, grupos de traballo en igualdade de xénero dentro do Colexio Profesional de Educadoras e Educadores Sociais de Galiza, e Eva Gutiérrez, da Plataforma ProCAPD, en defensa dun centro público de atención a persoas con diversidade funcional para a provincia de Ourense. Nerea Conde, membro de Anova Ourense, encargarase de moderar esta última parte das xornadas.