AGE en Europa
  • Inicio
  • Actualidade
  • Xornadas
  • Publicacións
  • Videos
  • Contacto
  • Inicio
  • /
  • ACTUALIDADE
  • /

Lídia Senra acusa ao Goberno de usar a sentenza europea da estiba para precarizar aos traballadores/as

3 Marzo, 2017 estiba, estibadores, GUE/NGL, Lidia Senra, Marín, marítima, portos
  • A eurodeputada galega reuniuse esta mañá no porto de Marín con representantes sindicais para amosarlles todo o apoio á súa loita 
  • “O que está en xogo son os dereitos conquistados en anos de organización e loita dos traballadores/as. Non son privilexios”, dixo

  20170303_111625_2656x1494 20170303_122848_2656x1494 20170303_124936_2656x1494 20170303_124958_2656x1494 20170303_125101_2656x1494 Reunion de Lidia Senra no porto de Marin cos estibadores

Marín, 3 de marzo de 2017. A eurodeputada galega Lídia Senra, integrada Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), visitou este venres pola mañá o porto de Marín (Pontevedra), onde se reuniu, xunto coa deputada de En Marea no Congreso do Estado Alexandra Fernández, e os concelleiros Aaron Franco e José Manuel González, co representante sindical Eugenio Garrido e varios estibadores desta zona. Senra manifestou todo o seu apoio á loita que están levando a cabo os traballadores e traballadoras da estiba e quixo ante todo “deixar moi claro, alto e rotundo que non estamos falando dunha cuestión de privilexios laborais”. “Xa está ben de que por parte do Goberno estatal se queira atacar os dereitos que levan conseguido os traballadores e traballadoras coa súa organización e loita durante moitos anos, acusándoos de ser privilexiados”, dixo.

Lídia Senra explicou que desde o seu traballo no Parlamento Europeo está intentando que este conflito teña a maior presenza posible e, neste sentido, a eurodeputada galega participou esta semana en varias reunións en Bruxelas con representantes de traballadores e traballadoras da estiba de diferentes países. Como resultado, un grupo de eurodeputados e eurodeputadas do Estado español veñen de rexistrar unha pregunta por escrito dirixida á Comisión Europea, para que a comisaria de Transportes da UE, Violeta Bulc, se pronuncie sobre a compatibilidade entre o recente Real Decreto Lei 4/2017, polo que se modifica o réxime dos estibadores, e a sentenza C-576/13 do Tribunal de Xustiza da Unión Europea. “A sentencia europea pódese cumprir sen atacar os dereitos dos traballadores e traballadoras como pretende o Goberno do Estado español”, defendeu.

A europarlamentaria afirmou que “o dereito á negociación colectiva está recollido na Carta de Dereitos Fundamentais da UE e nós entendemos que o Real Decreto do Goberno español vulnera este dereito”, por iso “seguiremos apoiando esta loita e arroupando con todo o que estea nas nosas mans aos estibadores e estibadoras”, dixo, en defensa dun sector que actualmente emprega a máis de 6.500 persoas en todo o Estado español. Neste sentido, Senra advertiu de que a pretendida liberalización do sector da estiba traducirase en precarización das e dos traballadores , en grandes beneficios para as multinacionais  e nun deterioro das condicións de traballo, sobre todo no que se refire ás normas de saúde e seguridade.

A pregunta rexistrada esta semana por escrito no Parlamento Europeo denuncia que a reforma aprobada polo Goberno do Estado español “modifica elementos á marxe da sentenza europea, elimina o rexistro previsto nas normas da Organización Internacional do Traballo, foi aprobado sen diálogo social e pon en perigo miles de postos de emprego, fomentando unha precarización subvencionada directamente a través das Autoridades Portuarias”.

Así, insta a respectar o dereito de negociación e de acción colectiva establecido na Carta dos Dereitos Fundamentais da UE e, neste marco, pregúntalle á comisaria de Transportes se considera que se podería dar cumprimento á sentenza europea C-576/13 incluíndo a contratación de traballadores e traballadoras desde un rexistro, tal e como establece o acordo asinado entre organizacións sindicais e a Asociación Nacional de Empresas Estibadoras e Consignatarias de Buques (Anesco) e a Convención OIT 137 ratificada polo Estado español.

Lídia Senra e os demais eurodeputados e eurodeputadas que asinan o texto critican que a disposición transitoria primeira do Real Decreto español establece que as Autoridades Portuarias, pertencentes ao sector público, asumirán as indemnizacións por extinción de contrato dos estibadores e instan á CE a posicionarse sobre os principios de competencia comunitarios que vulnera tal práctica. “Pódense establecer mecanismos legais de subrogación para garantir o emprego dos actuais traballadores portuarios, sen que iso sexa incompatible coa execución da sentenza?”, inclúen tamén na pregunta.

A comisaria de Transportes da UE ten agora un prazo de entre 4 e 6 semanas para contestar por escrito á pregunta formulada e asinada ademais de por Lídia Senra, polos eurodeputados Clara Aguilera García, Inés Ayala Sender, Juan Fernando López Aguilar, Paloma López, Javier López, Jordi Solé, Josep-María Terricabras, Ramón Tremosa, Inmaculada Rodríguez Piñeiro e Ernest Urtasun. 

anterior seguinte

Artigos relacionados

Lidia Senra no banco mais fedento do mundo con vistas ao vertedoiro de sogama

Lídia Senra: “Na Galiza urxe un modelo de xestión de residuos público 100%, descentralizado e baseado na redución, reciclaxe, reutilización e protección do medio ”

14 Maio, 2019
Comprobando o estado da contorna da Lanzada_2656x1494

Lídia Senra denuncia ante a CE a invasión de especies exóticas na Lanzada e as obras que danan as dunas

12 Abril, 2019
VdMRXGtM

Lídia Senra reclama na CE solucións para que unha muller poida acceder sen barreiras á súa casa en Abadín

9 Abril, 2019

Últimas novas

  • Lidia votando hoxe en San Miguel de Sarandon, Vedra
    Lídia Senra votou ás 10:30 no seu colexio electoral en Vedra, e anima a participar nunhas Europeas nas que todas as persoas nos xogamos moito 26 Maio, 2019
  • Lidia Senra comprando no mercado de teo
    Lídia Senra acude ao Mercado do Alimento Labrego na xornada de reflexión electoral para apoiar o comercio local, que é “con quen sempre estiven e estarei” 25 Maio, 2019
  • Vista xeral_2592x1460
    Lídia Senra pide o voto para seguir defendendo outros 5 anos os salarios dignos, o medio ambiente e a igualdade 24 Maio, 2019

Etiquetas

acordos comerciais actividades AGEe agricultura bruxelas Comisión Europea comité de emerxencia da Ría de Ferrol compromiso por europa contaminación crise agrícola europea crise de dereitos dereito a decidir dereitos humanos economía rural eleccions europeas emerxencia social En Marea estafa bancaria estafa financieira feminismo GUE/NGL leite liberalización liberalización comercial liberalización sector lácteo libre mercado Lidia Senra marisqueo mariñeiros mulleres OMC Organización Mundial do Comercio PAC Parlamento Europeo pensións pesca pesca artesanal pleno políticas públicas rural soberanía alimentaria sustentabilidade transxénicos UE Unión Europea

Calendario

Maio 2025
M T W T F S S
« Mai    
 1234
567891011
12131415161718
19202122232425
262728293031  
Aviso legal

Este sitio web utiliza cookies para dar unha mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das cookies mencionadas e a aceptación da nosa política de cookies, faga clic na ligazón para obter máis información. .

ACEPTAR
Aviso de cookies