AGE en Europa
  • Inicio
  • Actualidade
  • Xornadas
  • Publicacións
  • Videos
  • Contacto
  • Inicio
  • /
  • ACTUALIDADE
  • /

Lídia Senra acusa á UE de perverter coas súas accións o concepto de “desenvolvemento sustentábel”

6 Xullo, 2017 decrecentismo, desenvolvemento sustentábel, GUE/NGL, Lidia Senra, Parlamento Europeo, pleno, sustentabilidade
  • Vota en contra das propostas presentadas no Parlamento Europeo e chama a abandonar de forma urxente o desenvolvemento baseado no crecemento económico e a optar polo decrecemento 
  • A eurodeputada tamén instou no pleno a previr que na Galiza se dea un incendio como o acontecido en Portugal poñendo fin xa ao modelo forestal baseado no monocultivo de piñeiros e eucaliptos

 

Estrasburgo, 6 de xullo de 2017. A eurodeputada galega Lídia Senra, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), decidiu votar estes xoves no pleno do Parlamento Europeo, en Estrasburgo, en contra do Informe presentado pola Comisión de Medio Ambiente, Saúde Pública e Seguridade Alimentaria e da Proposta de Resolución sobre A Acción da UE a favor da sustentabilidade, por considerar que “hai moito tempo que a CE, o Consello Europeo e o Parlamento “veñen falando do desenvolvemento sustentábel, pero os feitos demostran que é so un fermoso concepto de palabra ao que recorren”. “Á hora de definir as políticas para levar a cabo este suposto desenvolvemento sustentábel, pervértese totalmente o concepto porque no fondo o que perseguen desde a doutrina neoliberal que profesan a Comisión, o Consello e o Parlamento, é que nada cambie”, criticou.

Senra tomou a palabra no pleno, durante o debate previo á votación, e considerou que as propostas contidas no informe que aprobou hoxe o Parlamento nesta materia “continúan pecando do mesmo”. “Moitas das proposta que fai son un lavado de cara para que as cousas continúen como están”. Así, Senra avogou por cambiar de verdade e por apostar, non por un suposto desenvolvemento sustentábel que pouco ten de sustentábel, senón directamente polo decrecemento. “Non podemos seguir obviando a preocupante situación na que estamos. Os datos deben activarnos. No ano 2003, debido ao crecemento económico, superouse xa a capacidade de rexeneración do planeta nun 25%. No ano 1960, a fenda entre o 20% da poboación que concentra a riqueza e o 80 % máis pobre era de 1 a 30, mentres que agora supera xa con moito a de 1 a 80. Hai que rachar con isto. Decrecer as persoas ricas para medrar as pobres. Iso é sustentabilidade. E iso só se logrará cambiando as políticas”, considera.

Así, Senra advertiulle ao Parlamento Europeo que se realmente quere avanzar en políticas para o desenvolvemento sustentábel “hai que abandonar de forma urxente e definitivamente o desenvolvemento baseado no crecemento económico e na especulación e no masivo comercio global”. “Promover as Soberanía Alimentaria e enerxética, abandonar a agricultura industrial e marcar obxectivos de redución do consumo global de enerxía e de materiais. Abandonar tamén o uso de combustíbeis fósiles e a enerxía nuclear” son outros dos puntos principais a levar a cabo. Ademais, defendeu a necesidade de promover a relocalización das industrias e da produción. “É unha tarefa urxente, que debe ser concretada en políticas desde agora mesmo”, insistiu.

A parlamentaria chamou ademais a “abandonar a economía azul, porque a minería no fondo do mar, as prospeccións petrolíferas para seguir sacando petróleo do mar e a acuicultura industrial son totalmente contrarias á sustentabilidade”. E reclamou que se poña fin “ao espolio dos recursos dos países en desenvolvemento” e que non se apoie con fondos públicos ningunha iniciativa privada que supoña seguir espoliando recursos e impedindo o aceso dos pobos aos seis propios recursos. “Só poñendo en marcha estas ideas como punto de partida para a unha sustentabilidade real seremos capaces de preservar este planeta e a vida nel, incluída a nosa, a das persoas. O planeta non aguantará o chamado ‘desenvolvemento sustentábel’ proposto polo centro a base de seguir explotando e saqueando á periferia”, dixo. 

Rexistro de Declaración escrita sobre os incendios forestais

No que foi o último pleno do Parlamento Europeo deste período de sesións, tamén se abordou, entre moitos outros asuntos, un debate e unha Declaración da CE sobre os “Recentes lumes forestais en Portugal e no Estado español: instrumentos de resposta da UE e procedementos de prevención e protección civil”. Lídia Senra rexistrou por escrito unha declaración propia, na cal defendeu que “tendo en conta a gravidade do acontecido en Portugal e a experiencia galega de anos e anos de padecer a lacra dos fogos, nos que ademais de todos os impactos coñecidos, tamén tivemos que lamentar a perda de vidas humanas durante as tarefas de extinción,” é hora xa de tomar en consideracion a necesidade de poñer fin a un modelo florestal baseado nos piñeiros e na monocultura dos eucaliptos. Así, Senra criticou as plantacións de especies pirófitas na Galiza “sen ruptura ao longo de quilómetros e con núcleos rurais e urbanos e estradas rodeadas”, dixo, “ao que hai que engadir o esgotamento das aguas que provoca o eucalipto”. “Reclamamos que o eucalipto sexa declarado especie invasora e que se as institucións actúen en consecuencia”, insistiu a eurodeputada no último pleno, incidindo nesta cuestión que leva meses defendendo.

Na súa declaración, Lídia Senra tamén fai mención a que outro factor que contribúe aos incendios forestais “son os anos e anos de políticas agrarias que provacan o abandono da agricultura e como consecuencia o do medio rural”. “A experiencia tamén nos di que un territorio ordenado, ben xestionado, con labregas e labregos asentados no territorio, coidando o medio mediante a produción de alimentos é fundamental para que cando un fogo prende non se estenda”, relatou.

Ademais, considerou que outro campo no que actuar é “poñer fin á cultura do negocio do lume; consolidando un servizo público de extinción de incendios. Rematar coa precarización e inseguridade do personal que combate os fogos e dignificar a profesión das bombeiras e dos bombeiros forestais é fundamental”, concluiu.

anterior seguinte

Artigos relacionados

Lidia Senra, cos carteis contra o PEPP, no pleno do Parlamento Europeo hoxe

Lídia Senra vota contra o Produto Paneuropeo de Pensións Individuais: “É un insulto para a maioría social”

4 Abril, 2019
Plenary session - Minimum requirements for water reuse

A reutilización de augas no actual modelo industrial é un risco para as persoas e o medioambiente

12 Febreiro, 2019
150119_AngelaVallina-coordinadora do GUE-NGL en FEMM e Senra--

Temos que conseguir que os avances institucionais en materia de igualdade cheguen á vida real

15 Xaneiro, 2019

Últimas novas

  • Lidia votando hoxe en San Miguel de Sarandon, Vedra
    Lídia Senra votou ás 10:30 no seu colexio electoral en Vedra, e anima a participar nunhas Europeas nas que todas as persoas nos xogamos moito 26 Maio, 2019
  • Lidia Senra comprando no mercado de teo
    Lídia Senra acude ao Mercado do Alimento Labrego na xornada de reflexión electoral para apoiar o comercio local, que é “con quen sempre estiven e estarei” 25 Maio, 2019
  • Vista xeral_2592x1460
    Lídia Senra pide o voto para seguir defendendo outros 5 anos os salarios dignos, o medio ambiente e a igualdade 24 Maio, 2019

Etiquetas

acordos comerciais actividades AGEe agricultura bruxelas Comisión Europea comité de emerxencia da Ría de Ferrol compromiso por europa contaminación crise agrícola europea crise de dereitos dereito a decidir dereitos humanos economía rural eleccions europeas emerxencia social En Marea estafa bancaria estafa financieira feminismo GUE/NGL leite liberalización liberalización comercial liberalización sector lácteo libre mercado Lidia Senra marisqueo mariñeiros mulleres OMC Organización Mundial do Comercio PAC Parlamento Europeo pensións pesca pesca artesanal pleno políticas públicas rural soberanía alimentaria sustentabilidade transxénicos UE Unión Europea

Calendario

Maio 2025
M T W T F S S
« Mai    
 1234
567891011
12131415161718
19202122232425
262728293031  
Aviso legal

Este sitio web utiliza cookies para dar unha mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das cookies mencionadas e a aceptación da nosa política de cookies, faga clic na ligazón para obter máis información. .

ACEPTAR
Aviso de cookies