- A eurodeputada de AGEe plantexa unha batería de medidas a aplicar para facer fronte ao déficit, incluída unha posíbel saída do Euro
- Salienta a necesidade dun Goberno disposto a “dar pasos” para recuperar a Soberanía Popular e facer fronte á ditadura de Bruxelas
Bruxelas, 28 Xullo 2016. O feito de que o Estado español e Portugal, non sexan multados por incumprir os obxectivos de déficit do 2015 é positivo, xa que o contrario, no caso do Estado Español, suporía sacar das arcas públicas uns 2.200 millóns de euros, tendo como consecuencia un incremento dos xa asfixiantes recortes que vimos sufrindo nos últimos tempos.
Agora ben, esta “non aplicación” da sanción non é gratuíta. O Goberno en funcións comprometeuse a aplicar un duro axuste para o ano 2017, para reducir o déficit do 5,2% -en 2015- ao 4,6% no 2016, para situarse en 2018 no 2,2%, é dicir, por embaixo do 3% que establece o Pacto de Estabilidade. A Comisión Europea xa puxo en marcha a chantaxe conxelando, polo momento, os fondos estruturais que recibe o Estado até saber cales son as medidas concretas que vai acometer o Goberno español para levar adiante os recortes comprometidos.
Diante deste novo contexto, “o primeiro que debería facer o Goberno español é explicar claramente que accións vai emprender para chegar aos obxectivos de déficit aos que se comprometeron”, esixiu a eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda (AGEe), Lídia Senra. Tendo en conta que a data límite para tomar medidas é o 15 de outubro de 2016, “é máis que urxente que este Goberno en funcións explique os compromisos asumidos”, apremiou.
Ademais disto, “cómpre esixir con contundencia que calquera compromiso para reducir o déficit debe pasar por incrementar os ingresos para o erario público sen acudir a privatizacións de ningún tipo nin cargar os impostos indirectos”, evitando que recaian novamente sobre as clases populares.
Estas son algunhas das medidas que a eurodeputada de AGEe identifica como necesarias para afrontar a crise provocada polas políticas de austeridade impostas para reducir o déficit:
- O primeiro paso debería ir no camiño de que sexan os bancos e as grandes empresas responsábeis da débeda pública quen asuma a parte que lle corresponde dos xuros da débeda -nos orzamentos de 2016 adícanse 34.000 millóns de euros so para pagar os xuros da débeda-. Lexislar para poñer fin á elusión e á evasión fiscal, obrigando ás grandes empresas a pagar os seus impostos. Cómpre recordar que o Ibex-35 triplicou a súa presenza en paraísos fiscais durante a crise. E que, segundo un informe de Oxfam Intermon e o ORCS, o Banco de Santander é o principal beneficiario da elusión fiscal con 235 filiais ubicadas en territorios con vantaxes fiscais.
- Negarse a que sexa Bruxelas quen marque os obxectivos de déficit do Estado e as regras para reducilo, xa que isto impide facer políticas sociais, provoca o desmantelamento dos servizos públicos básicos como sanidade, ensino ou os servizos sociais, ameaza as pensións, obriga a privatizar todo o que nos queda público, provoca unha enorme destrución de emprego e impón “reformas” para arrebatar os dereitos laborais conquistados polas loitas das e dos traballadores.
- Facer fronte ás imposicións que significa o actual proxecto de integración neoliberal e autoritaria, mediante actuacións que permitan a recuperación da Soberanía Popular e o dereito a decidir dos pobos. Neste sentido esiximos a retirada do denominado “documento dos cinco presidentes” sobre como avanzar na construción dunha unión económica e monetaria, por canto supón afondar aínda máis nestas políticas neoliberais que nos están destruíndo.
- Eliminar da Constitución Española a obriga de priorizar o pago da débeda.
“A Comisión Europea utiliza a chantaxe para lograr os seus obxectivos sabendo que as súas imposicións supoñen aumentar aínda máis o noso empobrecemento e a precarización das clases populares”, advertiu a eurodeputada galega.
Por iso “cómpre un Goberno disposto a dar pasos”, reivindicou, “os pasos necesarios para recuperar a capacidade de decidir sobre os orzamentos e sobre o nivel de déficit en función dos intereses da maioría. Os pasos necesarios para priorizar políticas para manter os servizos públicos e os bens comúns a salvo das privatizacións, chegando mesmo ao abandono da moeda única se fora preciso para garantir os dereitos das persoas. Os pasos necesarios para crear emprego e recuperar a capacidade de desenvolver todos os nosos sectores produtivos e para que o respecto aos dereitos humanos, entre eles a saúde, a educación, ou o dereito á folga… estean por enriba dos intereses do capital”.