- Senra alerta de que a posición sobre a PAC 2021-2027 aprobada hoxe polo pleno do PE mesmo empeora a proposta da Comisión Europea
- Demanda prezos que cubran custos e traballo de produción, regulación dos mercados, agroecoloxía e rematar ca discriminación das labregas
Estrasburgo, 30 de Maio de 2018. O Parlamento Europeo vén de aprobar en sesión plenaria o informe proposto dende a Comisión de Agricultura e Desenvolvemento como posición a adoptar pola Eurocámara no proceso de reformulación da Política Agraria Común (PAC) para o período 2021-2027.
A coordenadora nesta comisión para o Grupo da Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), Lídia Senra, que xa no seu momento amosou a súa preocupación por un texto que “mesmo empeora a posición inicial da Comisión Europea”, votou novamente en contra deste informe e interveu no debate previo para condenar a estratexia de destrución paulatina do medio rural europeo da que están a ser cómplices as institucións comunitarias. “Os graves problemas que están a afrontar os labregos e labregas a nivel da Unión Europea require máis ca un reparto de axudas, require de decisións políticas e dunha política agrícola pública e forte”.
Senra criticou as “grandes lagoas” tanto da comunicación da Comisión como do Parlamento, resaltando como “totalmente imprescindíbel” abordar dende a PAC, canto menos, tres aspectos fundamentais, “se realmente a UE quere apostar por un medio rural labrego vivo, e non por extensións de terra ao servizo da grande agroindustria, é necesario garantir que as persoas que traballan producindo alimentos teñan prezos que cubran custos e traballo de produción”.
En segundo lugar, incidiu unha vez máis na “irresponsabilidade política” ca que están a actuar as institucións comunitarias ao obviar a súa laboura de precisamente elaborar políticas que regulen os mercados e a produción, un aspecto esencial e determinante “que non pode quedar única e exclusivamente nunha cuestión de voluntariedade”.
Neste sentido, advertiu, unha proposta de políticas agrarias que realmente se corresponda co discurso ecoloxista do que tan a miúdo se gaba a UE, “ten que situar claramente medidas que leven a un modelo de produción respectuoso co medio ambiente, a preservación das augas, do aire e dos solos”.
Aliás, a eurodeputada galega non quixo deixar de aproveitar a oportunidade da súa intervención para recriminar á Comisión Europea que unha vez máis estea a eludir admitir a situación de discriminación que está a afectar de xeito específico ás mulleres labregas. “Non quería rematar esta intervención sen facer referencia a outro aspecto esquecido nesta Comunicación: a da igualdade entre mulleres e homes no agro. Necesitamos que a PAC recoñeza a titularidade compartida e que reparta as axudas ao 50 % entre ámbolos dous membros da parella”.
Intervención da eurodeputada galega Lídia Senra (GUE/NGL) durante o debate sobre o informe “O futuro dos alimentos e da agricultura” celebrado en sesión plenaria do Parlamento Europeo o 28 de maio de 2018 en Estrasburgo.