AGE en Europa
  • Inicio
  • Actualidade
  • Xornadas
  • Publicacións
  • Videos
  • Contacto
  • Inicio
  • /
  • ACTUALIDADE
  • /

Lídia Senra: “A chantaxe á que a CE está sometendo ao Estado español coa escusa do déficit é inadmisible”

3 Outubro, 2016 AGEe, Comisión Europea, déficit, Estado español, Fondos Estruturais e de Investimento, Lidia Senra
  •  A eurodeputada de AGEe estará esta tarde na reunión en Estrasburgo sobre a conxelación dos Fondos Estruturais e de Investimento 
  • Advirte que as clases populares serán as principais vítimas do neoliberalismo europeo e acusa aos gobernos do PP de ser cómplices

 vonk-structural-fonds_0

Santiago, 3 outubro 2016.  A eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), Lídia Senra, estará presente esta tarde en Estrasburgo na reunión conxunta da Comisión de Desenvolvemento Rexional e da Comisión de Asuntos Económicos e Monetarios na que está previsto que se aborde a suspensión dunha parte dos Fondos Estruturais e de Investimento comprometidos para o ano 2017 para o Estado español e o portugués por ter incumprido ambos os países o obxectivo de déficit do ano pasado. Na liña do que leva denunciando desde antes do verán, a eurodeputada galega advirte este luns, á espera de ver o que acontece na reunión desta tarde, que “a chantaxe á que a Comisión Europea (CE) pretende someter ao Estado español coa escusa do déficit é inadmisible, materialícese ou non a conxelación dos fondos”. Segundo a valoración de Lídia Senra, de non mudar, as principais vítimas das políticas impostas pola troika  serán unha vez máis “as clases populares, que sufriremos directamente a imposición de novos recortes nos servizos públicos para poder cumprir co esixido por Bruxelas”. Neste sentido, e unha vez máis, Senra reclama “valentía por parte do Goberno do Estado español e tamén do galego fronte á ditadura da UE” e chámaos a deixar de actuar como “verdadeiros cómplices” desta situación.

Para a eurodeputada galega, decídase ou non cancelar parte dos Fondos Estruturais e de Investimento, o Estado español e tamén Galiza sairán perdendo desta situación de imposición europea ao non ter o PP “a valentía suficiente” para plantarse ante a chantaxe. En efecto, xa no último pleno do Parlamento Europeo, a mediados de setembro, o vicepresidente do grupo do PPE, Esteban González Pons, xustificou en resposta oral á propia Lídia Senra, que o Estado español cumprirá cos seus sócios e levará a cabo os recortes demandados.

A reunión desta tarde será retransmitida por vídeo en directo a partir das 18:00 horas, e a previsión é que se prolongue durante dúas horas. A ameaza de conxelación parcial dos Fondos Estruturais e de Investimento ven xa desde antes do verán, cando a Comisión Europea advertiu de que o Estado español debía ter pechado 2015 cun desvío do 4,2% nas súas contas públicas, pero rexistrou un déficit do 5% (5,1% se se teñen en conta as axudas ao sistema financeiro).  A situación do Estado español podería supoñer a conxelación de até aproximadamente 1.300 millóns de euros, segundo estimou o propio ministro de Economía en funcións, Luis de Guindos, no Congreso dos Deputados. Enriba da mesa estivo tamén antes do verán a ameaza dunha sanción do 0,2% do Produto Interior Bruto (PIB), que finalmente foi cancelada daquela.

Lonxe deste xogo da chantaxe na que, segundo considera Lídia Senra, o Goberno en funcións do PP está a actuar como “cómplice”, a eurodeputada galega ten feito unha proposta de medidas necesarias para afrontar a crise provocada polas políticas de austeridade impostas para reducir o déficit. Lembramos que serían:

  1. O primeiro paso debería ir no camiño deque sexan os bancos e as grandes empresas responsables da débeda pública quen asuma a parte que lle corresponde dos xuros da débeda -nos orzamentos de 2016 adícanse 34.000 millóns de euros só para pagar os xuros da débeda-. Lexislar para poñer fin á elusión e á evasión fiscal, obrigando ás grandes empresas a pagar os seus impostos. Cómpre recordar que o Ibex-35 triplicou a súa presenza en paraísos fiscais durante a crise. E que, segundo un informe de Oxfam Intermon e o ORCS, o Banco de Santander é o principal beneficiario da elusión fiscal con 235 filiais ubicadas en territorios con vantaxes fiscais.
  2. Negarse a que sexa Bruxelas quen marque os obxectivos de déficit do Estado e as regras para reducilo, xa que isto impide facer políticas sociais, provoca o desmantelamento dos servizos públicos básicos como sanidade, ensino ou os servizos sociais, ameaza as pensións, obriga a privatizar todo o que nos queda público, provoca unha enorme destrución de emprego  e impón “reformas” para arrebatar os dereitos laborais conquistados polas loitas das e dos traballadores.
  3. Facer fronte ás imposicións que significa o actual proxecto de integración neoliberal e autoritaria, mediante actuacións que permitana recuperación da Soberanía Popular e o dereito a decidir dos pobos. Neste sentido esiximos a retirada do denominado “documento dos cinco presidentes” sobre como avanzar na construción dunha unión económica e monetaria, por canto supón afondar aínda máis nestas políticas neoliberais que nos están destruíndo.
  4. Eliminar da Constitución Española a obriga de priorizar o pago da débeda.

Na reunión desta tarde en Estrasburgo, está previsto que interveñan no debate o vicepresidente da Comisión Europea responsable de Emprego e Crecemento, Jyrki Katainen, e a comisaria de Política Rexional, Corina Cretu. Tras a audiencia, os presidentes, vicepresidentes e coordinadores das dúas Comisións reuniranse a porta pechada para decidir se convocan á CE a unha nova audiencia. A conferencia de presidentes da Eurocámara decidirá este xoves, 6 de outubro, os pasos a seguir.

anterior seguinte

Artigos relacionados

Lidia Senra no banco mais fedento do mundo con vistas ao vertedoiro de sogama

Lídia Senra: “Na Galiza urxe un modelo de xestión de residuos público 100%, descentralizado e baseado na redución, reciclaxe, reutilización e protección do medio ”

14 Maio, 2019
Comprobando o estado da contorna da Lanzada_2656x1494

Lídia Senra denuncia ante a CE a invasión de especies exóticas na Lanzada e as obras que danan as dunas

12 Abril, 2019
VdMRXGtM

Lídia Senra reclama na CE solucións para que unha muller poida acceder sen barreiras á súa casa en Abadín

9 Abril, 2019

Últimas novas

  • Lidia votando hoxe en San Miguel de Sarandon, Vedra
    Lídia Senra votou ás 10:30 no seu colexio electoral en Vedra, e anima a participar nunhas Europeas nas que todas as persoas nos xogamos moito 26 Maio, 2019
  • Lidia Senra comprando no mercado de teo
    Lídia Senra acude ao Mercado do Alimento Labrego na xornada de reflexión electoral para apoiar o comercio local, que é “con quen sempre estiven e estarei” 25 Maio, 2019
  • Vista xeral_2592x1460
    Lídia Senra pide o voto para seguir defendendo outros 5 anos os salarios dignos, o medio ambiente e a igualdade 24 Maio, 2019

Etiquetas

acordos comerciais actividades AGEe agricultura bruxelas Comisión Europea comité de emerxencia da Ría de Ferrol compromiso por europa contaminación crise agrícola europea crise de dereitos dereito a decidir dereitos humanos economía rural eleccions europeas emerxencia social En Marea estafa bancaria estafa financieira feminismo GUE/NGL leite liberalización liberalización comercial liberalización sector lácteo libre mercado Lidia Senra marisqueo mariñeiros mulleres OMC Organización Mundial do Comercio PAC Parlamento Europeo pensións pesca pesca artesanal pleno políticas públicas rural soberanía alimentaria sustentabilidade transxénicos UE Unión Europea

Calendario

Maio 2025
M T W T F S S
« Mai    
 1234
567891011
12131415161718
19202122232425
262728293031  
Aviso legal

Este sitio web utiliza cookies para dar unha mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das cookies mencionadas e a aceptación da nosa política de cookies, faga clic na ligazón para obter máis información. .

ACEPTAR
Aviso de cookies