- O documento, que xa se está a distribuír en versión impresa e dixital, é o 1º dunha serie de edicións temáticas coordinadas por Lídia Senra
- Inclúe relatorios de Xoán Doldán, Miguel Pardellas, Alfons Pérez, Rosa Regueiro, Natalia Fabra, e a experiencia de cooperativas enerxéticas
Santiago,22 de decembro do 2016. “Presente e futuro enerxético de Galiza no contexto europeo” é o título do libro que ven de coordinar e de editar a eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), membro do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), Lídia Senra. Trátase dunha publicación que xa está a ser distribuída de forma gratuíta en formato impreso e tamén en versión dixital en PDF pinchando directamente aquí. O libro pretende ser o primeiro dunha serie de documentos temáticos nos que se analice a situación de diferentes sectores e aspectos socio-económicos da actualidade e nos que se recollan os relatorios das persoas expertas nas materias que foron participando nos últimos anos en xornadas de formación e debate organizadas por AGEe.
Cunha tirada inicial de 1.000 exemplares impresos, Lídia Senra agarda que este volume primeiro sirva como recompilación de material de consulta ao redor do actual modelo enerxético e que a súa lectura fomente o debate na sociedade ante unha situación de “insustentabilidade e necesaria transición enerxética”. Tamén pretende achegar os debates que se están dando no Parlamento Europeo sobre esta cuestión, que é unha das prioridades do actual mandato da Comisión Europea. Para iso, a publicación recolle textos de todas as persoas expertas na materia que no pasado mes de abril participaron nas xornadas sobre enerxía organizadas por AGEe na Estrada, nas que tamén participaran a concelleira Mar Blanco Casais e os daquela deputados de AGE no Parlamento Galego Antón Sánchez e Juan Manuel Fajardo, así como a deputada de En Marea nas Cortes do Estado español Alexandra Fernández Gómez.
Lídia Senra quere con este tipo de publicacións facer fincapé en que as decisións que se toman a diario na UE afectan directamente ás galegas e galegos e, neste sentido, alerta sobre a proposta da Unión da Enerxía e a vontade de reformar e reorganizar a política enerxética de Europa lanzada polo presidente da Comisión Europea, Jean Claude Juncker, a finais do 2014 cando iniciou o seu mandato, e xa antes polo presidente do Consello Europeo, Donald Tusk. “As medidas que toman tanto a Comisión como o Consello Europeo teñen como fondo a perspectiva das políticas neoliberais. É dicir, favorecer os intereses das grandes empresas e non ter en consideración que calquera medida seria que se queira desenvolver ten que pasar por ter en conta os límites do planeta, por reducir o consumo de enerxía e por definir unha política enerxética en base ás necesidades reais da sociedade e que poña fin á pobreza enerxética”, denuncia a eurodeputada.
O Documento publicado recolle relatorios do profesor de Economía Aplicada da USC e vicepresidente de Véspera de nada, Xoán Doldán; do investigador da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e membro de Verdegaia, Miguel Pardellas; do enxeñeiro técnico de electricidade e encargado de monitorización das políticas de seguridade enerxética da UE no Observatori del Deute en la Globalització, o catalán Alfons Pérez; da doutora en Economía pola USC e profesora de Economía Aplicada na Universidade da Coruña, Rosa Regueiro; da doutora en Economía e profesora da Universidade Carlos III de Madrid, premio Sabadell-Herrero á investigación económica, Natalia Fabra; e tamén de representantes das directivas de diferentes cooperativas enerxéticas, como Ana Marco e Daniel Espiñeira, de Son Enerxía; Pablo Álvarez de Nosa Enexía; e Santiago Ochoa de Eribe, de Goiener.
O libro “Presente e futuro enerxético de Galiza no contexto europeo” ven ademais a reforzar os instrumentos informativos que Lídia Senra puxo en marcha xa a mediados deste ano, cando publicou o primeiro número do boletín “A nosa voz en Europa”,a revista que con carácter periódico pretende que a poboación galega coñeza de forma directa o labor que está a realizar a parlamentaria nas institucións europeas para defender as loitas das galegas e galegos en todos os sectores.