- Dende onte e durante todo o día de hoxe están a ter lugar as reunións de traballo da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo
- Senra esixiu a prohibición da minaría submarina, o saneamento das rías e a aplicación de criterios socioeconómicos no reparto de cotas
Bruxelas, 19 Abril 2016. Dende onte e durante todo o día de hoxe están a ter lugar as sesións de traballo da Comisión de Pesca. Esta mañá a orde do día incluía un intercambio de opinións co Comisario de Pesca, Karmenu Vella, ao respeito dos criterios de sostenibilidade da actividade pesqueira europea.
A eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), Lídia Senra, sinalou en relación ao obxectivo xeral de desenvolver un modelo pesqueiro sostíbel e traballar pola recuperación e mantemento da calidade das augas, que para poder acadar estes obxectivos “vostede, Comisario, debe velar para que as actividades relacionadas ca proposta da denominada Economía ou Crecemento Azul, que máis ben parece tratarse dun “Capitalismo Azul“, non destrúan o marisqueo, a pesca artesanal, a pesca de baixura e a acuicultura a pequena escala, que son as actividades que realmente xeran emprego e manteñen vivas as zonas costeiras”.
Senra fixo fincapé ademais na preocupante proposta da minaría submarina[1] -contemplada dentro da estratexia do Crecemento Azul que está a impulsar a Comisión Europea-, que “debe quedar totalmente prohibida, ao igual que calquera infraestrutura que conleve a contaminación das augas, cambios nas correntes mariñas ou calquera outra repercusión que poda implicar a destrución dos recursos pesqueiros, da biodiversidade ou mesmo acelerar o cambio climático”.
A continuación, recollendo a petición enunciada por Vella incidindo na importancia de que as eurodeputadas/os “axuden a manter a voz dos pescadores na Eurocámara”, a eurodeputada galega asumiu esta responsabilidade transmitíndolle que dende o País pesqueiro máis importante da UE, Galiza, “as persoas que traballan no sector están a pedir que se empregue todos os recursos ao alcance para a limpeza e rexeneración das rías e poñer dunha vez fin á contaminación”. Ademais, proseguiu, “urxe que se realice inmediatamente unha revisión fonda dos criterios de asignación e reparto de cotas garantindo que se aplican os criterios socioeconómicos, para deste xeito poñer fin á discriminación que o sector sufre na Galiza”.
Por último, a eurodeputada galega pediu ao Comisario Karmenu Vella que “garanta que non se vai hipotecar nin a pesca artesanal, nin a de baixura, nin o marisqueo nin a acuicultura a pequena escala por mor da acuicultura industrial”.
[1]Máis información sobre esta práctica e as súas consecuencias para o medioambiente global: http://www.academia.edu/1026523/Miner%C3%ADa_submarina_se_inicia_la_explotaci%C3%B3n_de_los_fondos_oce%C3%A1nicos; https://www.scribd.com/doc/112257316/Physical-Oceanographic-Assessment-of-the-Nautilus-Environmental-Impact-Statement-for-the-Solwara-1-Project-An-Independent-Review. Informe do Banco Mundial que supón un dos máis claros antecedentes da estratexia de esquilmamento dos recursos naturais submariños, “Os millóns afundidos” (2009): http://siteresources.worldbank.org/EXTARD/Resources/336681-1224775570533/SunkenBillionsFinal.pdf