AGE en Europa
  • Inicio
  • Actualidade
  • Xornadas
  • Publicacións
  • Videos
  • Contacto
  • Inicio
  • /
  • ACTUALIDADE
  • /

Esiximos o dereito a decidir como pobo galego sobre o CETA e opoñémonos á súa aplicación provisional

8 Xullo, 2016 Comisión Europea, dereitos humanos, emerxencia social, liberalización, libre mercado, Lidia Senra, Organización Mundial do Comercio, Parlamento Europeo, políticas públicas, soberanía alimentaria, sustentabilidade, transxénicos
Sánchez_Senra_RdPCETA1
Antón Sánchez e Lídia Senra en rolda de prensa no Parlamento Galego

 

  • Lídia Senra e Antón Sánchez advertiron en rolda de prensa na mañá de hoxe das perigosas repercusións que tería a aprobación do CETA
  • Ábrese un calendario no que dende a cidadanía e as organizacións sociais cómpre presionar aos Estados para parar o acordo UE-Canadá

Compostela, 08 de Xullo 2016. A eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), Lídia Senra, e o coordinador nacional de Anova e vicevoceiro de AGE no Parlamento Galego, Antón Sánchez, ofreceron na  mañá de hoxe unha rolda de prensa no Parlamento Galego para abordar a repercusión que unha aprobación definitiva do CETA (Comprehensive Economic and Trade Agreement/Tratado de libre comercio entre a Unión Europea e Canadá) conlevaría para Galiza.

Renunciando en parte á pretensión inicial da Comisión Europea (CE) de que este negocio de liberalización comercial entre a UE e Canadá entrase en vigor contando tan só ca aprobación do Consello e o Parlamento Europeo, a Comisaria de Comercio, Cecilia Malmström anunciou este martes 5 de xullo que o texto do mesmo pasará a votación nos Estados membro.

Esta “adecuación” da CE ás circunstancias, responde ás protestas levadas adiante dende as organizacións sociais, políticas e colectivos de xuristas europeos que esixían que o CETA fora considerado un tratado mixto, ao tratarse dun texto que obriga á modificación de importantes leis estatais.

Sen embargo, como denunciou hoxe a eurodeputada galega, “non podemos afirmar que se estea a respectar o procedemento codecisorio do acordo mixto cando pretenden aprobalo primeiro a través do Parlamento Europeo e outorgarlle unha vixencia provisional previa ao pronunciamento dos Estados. Isto é unha tomadura de pelo á democracia, unha estratexia argallada pola Comisión para gañar algo de tempo co seguir avanzando no seu plan de neoliberalización comercial.”

O calendario previsto para levar adiante este proceso de ratificación comezará o vindeiro 22 de setembro no Consello informal de Ministras/os de Comercio que vai ter lugar en Bratislava. Seguidamente, o 18 de outubro o Consello deberá valorar autorizar a sinatura do acordo e, no caso de pronunciarse positivamente, o 27 de outubro os xefes/as de Estado asinaríano. O seguinte paso sería a ratificación por parte do Parlamento Europeo, previsíbelmente no pleno de febreiro de 2017.

“Ábrese agora unha batalla importante que dar a nivel social”, salientou hoxe Lídia Senra.  Cómpre acadar que os Gobernos se opoñan ao CETA na reunión do Consello o 22 de setembro e conseguir que as eurodeputadas/os manifesten unha opinión contraria a este tratado no caso de que chegue ao Parlamento Europeo -para o que esta mesma semana foi posta en marcha a campaña CETA Check dende as organizacións sociais-, apostando polo sometemento a votación en cada un dos Estados membros.

Aliás, para Senra “Galiza, como nación sen Estado dentro do contexto español, ten que ter dereito a decidir sobre o CETA ou calquera outro tratado de libre comercio a través do seu Parlamento ou ben a través dun referendo ao pobo galego”. Esta é unha situación que se dá xa en Estados coma o belga, onde se algunha das súas rexións manifesta oposición a este tipo de negocios de liberalización comercial Bélxica vese na obriga de respectala. “Se hai que modificar algunha estrutura ou lexislación para que isto sexa posíbel, que se faga”, reclamou a eurodeputada de AGEe.

Negociado dende o ano 2009 até o ano 2014 con total opacidade, “o CETA (UE-Canadá) é considerado un cabalo de Troya que facilitaría a entrada ao TTIP (UE-EEUU)”, lembrou Senra,  a día de hoxe en pleno proceso de negociación –a 14ª ronda do TTIP terá lugar o vindeiro mércores 13 de xullo en Bruxelas– no medio dun clima de fortísima contestación social.

O CETA, ao igual que o TTIP, é un tratado “pensado para darlle todo o poder ás corporacións transnacionais por riba das lexislacións, indo totalmente en contra da soberanía dos pobos”, reiterou. Así, ao igual que o TTIP co ISDS[1], o CETA incorpora o ICS, un mecanismo a través do cal unha empresa pode demandar a un Estado por aquel lucro cesante que entenda deixe de gañar debido á oposición dun Goberno[2].

A nivel galego, o recoñecemento deste poder ás empresas transnacionais “tería implicado a posibilidade de que a empresa mineira canadense Edgewater puidera demandar á Xunta de Galicia por ter paralizado a mina de Corcoesto en resposta á demanda social”, lembrou a eurodeputada.

Canda o ICS e os tribunais externos privados construídos ad hoc para estes litixios, o CETA inclúe tamén a posibilidade de que empresas públicas europeas podan ser mercadas por empresas privadas canadenses e viceversa. Asemade, o texto do tratado alberga a denominada Cláusula Trinquete, que faría practicamente imposíbel que un servizo puidera ser remunicipalizado.

A nivel do sector agroalimentario, o CETA e o TTIP poñen en entredito o recoñecemento de estándares de calidade, o que na práctica suporía, por exemplo, que no mercado europeo teríamos carne producida con hormonas permitidas en Canadá e os EEUU pero non na UE, así como unha apertura sen precedentes aos alimentos transxénicos.

Aliás, como ten respostado a Comisión Europea a preguntas rexistradas por Alternativa Galega de Esquerda en Europa, está prevista a apertura dun continxente arancelario de carne de vacún así como un incremento da vulnerabilidade das Denominacións de Orixe e as Indicacións Xeográficas Protexidas. Dentro da listaxe de 145 DO´s e IXP´s protexidas dentro da negociación do CETA, ningunha delas é galega, xa que no seu momento nin o Goberno estatal nin o galego fixeron por protexelas.

“Estamos ante un tratado extremadamente perigoso para a cidadanía de ámbalas dúas partes. Dende o pobo galego non podemos deixalo pasar”, concluíu a eurodeputada de AGEe alentando a esixir que “calquera negocio que se acorde sexa en base a garantir os dereitos das persoas e non os negocios das multinacionais, como está a pasar”.

 

[1] Para máis información consultar artigo El maquillaje del TTIP: del ISDS al ICS e/ou publicación Lucha contra el TTIP, el CETA y el ISDS: lecciones de Canadá .

[2]Entre os casos máis recentes están a demanda interposta pola empresa TransCanadá contra o Goberno dos EEUU por non ter autorizado a construción do oleoducto Keystone XL. Entre os exemplos máis controvertidos por ir claramente contra a saúde pública e por estar considerado un caso co que as multinacionais pretendían “mandar un recado” aos países que non acaten as súas normas, destacan o litixio da tabacalera Philip Morris contra o goberno de Uruguay por implantar medidas restritivas co consumo de tabaco.

anterior seguinte

Artigos relacionados

Lidia Senra no banco mais fedento do mundo con vistas ao vertedoiro de sogama

Lídia Senra: “Na Galiza urxe un modelo de xestión de residuos público 100%, descentralizado e baseado na redución, reciclaxe, reutilización e protección do medio ”

14 Maio, 2019
Comprobando o estado da contorna da Lanzada_2656x1494

Lídia Senra denuncia ante a CE a invasión de especies exóticas na Lanzada e as obras que danan as dunas

12 Abril, 2019
VdMRXGtM

Lídia Senra reclama na CE solucións para que unha muller poida acceder sen barreiras á súa casa en Abadín

9 Abril, 2019

Últimas novas

  • Lidia votando hoxe en San Miguel de Sarandon, Vedra
    Lídia Senra votou ás 10:30 no seu colexio electoral en Vedra, e anima a participar nunhas Europeas nas que todas as persoas nos xogamos moito 26 Maio, 2019
  • Lidia Senra comprando no mercado de teo
    Lídia Senra acude ao Mercado do Alimento Labrego na xornada de reflexión electoral para apoiar o comercio local, que é “con quen sempre estiven e estarei” 25 Maio, 2019
  • Vista xeral_2592x1460
    Lídia Senra pide o voto para seguir defendendo outros 5 anos os salarios dignos, o medio ambiente e a igualdade 24 Maio, 2019

Etiquetas

acordos comerciais actividades AGEe agricultura bruxelas Comisión Europea comité de emerxencia da Ría de Ferrol compromiso por europa contaminación crise agrícola europea crise de dereitos dereito a decidir dereitos humanos economía rural eleccions europeas emerxencia social En Marea estafa bancaria estafa financieira feminismo GUE/NGL leite liberalización liberalización comercial liberalización sector lácteo libre mercado Lidia Senra marisqueo mariñeiros mulleres OMC Organización Mundial do Comercio PAC Parlamento Europeo pensións pesca pesca artesanal pleno políticas públicas rural soberanía alimentaria sustentabilidade transxénicos UE Unión Europea

Calendario

Maio 2025
M T W T F S S
« Mai    
 1234
567891011
12131415161718
19202122232425
262728293031  
Aviso legal

Este sitio web utiliza cookies para dar unha mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das cookies mencionadas e a aceptación da nosa política de cookies, faga clic na ligazón para obter máis información. .

ACEPTAR
Aviso de cookies