- ENCE e a Xunta protagonizan unha indignante alianza que destrúe a saúde da poboación, dos ecosistemas e até o propio patrimonio galego
- Con esta, son tres as denuncias realizadas por AGEe diante da Comisión Europea en relación ao cultivo intensivo de eucalipto no noso territorio
Bruxelas, 01 Xuño 2016. Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe) vén de denunciar diante da Comisión Europea a grave desfeita que está a afectar a aproximadamente 500 xacementos arqueolóxicos da provincia de Lugo.
A través dunha pregunta parlamentaria[1] remitida pola eurodeputada Lídia Senra, puxemos en coñecemento da Unión Europea a denuncia levada adiante por organizacións como Mariña-Patrimonio e ADEGA dando conta da destrución sistemática deste patrimonio cultural por mor da “ditadura do eucalipto” que está a acabar non só ca biodiversidade dos montes galegos, senón mesmo tamén ca riqueza patrimonial colectiva do noso País.
A eurodeputada galega concreta á Comisión Europea a magnitude deste dano no patrimonio achegando información en relación á “afección directa sobre 250 destes xacementos lugueses, ao que se engade que, dos 250 restantes, perto de 150 máis estanse vendo danados pola expansión do eucalipto Nitens”. Estas plantacións intensivas de eucaliptos remiten ás pautas de interese das empresas madeireiras, “vulnerando a responsabilidade colectiva de protexer estes asentamentos paleolíticos, monumentos megalíticos, restos romanos e medievais, etc. que están a sucumbir ao modelo esquilmador da produción de pasta de papel liderada por ENCE na Galiza”, alertamos.
No texto rexistrado, chamamos a atención sobre o feito de que esta situación contradí tanto a Comunicación da Comisión Europea Rumbo a unha abordaxe integrada do patrimonio cultural europeo (Xullo, 2014) como as Conclusións do Consello sobre a gobernanza participativa do patrimonio cultural (Decembro 2014), que avogan por reforzar a importancia da participación da sociedade civil para unha xestión democrática e avanzada do patrimonio, obiviamente moi lonxe de ser cumprida neste caso.
“A existencia dunha propagación salvaxe do monocultivo do eucalipto”, afondou Senra, “non só reflicte a irresponsabilidade da Xunta de Galicia na súa laboura de coidado e promoción da biodiversidade do noso país, senón que constitúe un dos exemplos máis claros de connivencia ca explotación empresarial a costa dos bens comúns, neste caso indentificada claramente pola cidadanía galega na empresa ENCE”. “Logo do comportamento vergoñento do Goberno central do PP aprobando a imposición desta lacra social durante 60 anos na Ría de Pontevedra, pouca confirmación máis precisamos para tomar conciencia de que esta empresa é un nicho de enriquecemento protexido polo Partido Popular”, salienta.
A día de hoxe ENCE caracterízase por ser unha das empresas que máis dano están a causar aos ecosistemas galegos -ao que se engade tamén esta destrución do patrimonio colectivo-, e son xa varias as ocasións nas que as súas nefastas prácticas foron denunciadas dende o Parlamento Europeo por AGEe.
Ás denuncias presentadas directamente á Comisión por parte de organizacións como a Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) ou a Agrupación de Mariscadoras a Pé de San Telmo de Pontevedra durante o encontro de organizacións que loitan pola recuperación e coidado das rías e ríos galegos celebrado en Bruxelas a iniciativa de AGEe en decembro de 2015, engádese a alerta polos métodos de produción lesivos para a saúde e a natureza empregados impunemente por esta empresa.
Este é o caso da utilización do pesticida canceceríxeno glifosato nas fumigacións masivas levadas adiante por ENCE no noso territorio, e que motivaron as preguntas parlamentarias Fumigacións na Galiza en setembro de 2014 e Fumigacións de Glifosato pola empresa ENCE en xuño de 2015, rexistradas pola eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa.