- Primeiras reaccións de Lídia Senra á intervención da Comisión Europea esta tarde durante a sesión plenaria do Parlamento Europeo
- Críticas ao desvío de orzamento público a favor da industria militar e aos recortes da PAC e dos fondos de cohesión para o periodo 2020-2027
Bruxelas, 02 de Maio de 2018. Logo da comparecencia do Presidente da Comisión Europea (CE), Jean Claude Juncker, e do Comisario de Programación Financieira e Orzamentos, Günther Oettinger, para presentar durante o inicio da sesión plenaria do Parlamento Europeo algunhas das claves do Marco Financieiro Plurianual (MFP) da UE para o período 2021-2027, a eurodeputada galega do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), Lídia Senra, reiterou as súas críticas a unha proposta orzamentaria que “visibiliza a tendencia da UE a reforzar a industria militar e a inaceptábel actual política de migración, en detrimento do fortalecemento dunha Europa social, tanto a nivel interno como de política exterior”.
O feito de que as dúas novas categorías orzamentarias creadas se correspondan precisamente cos epígrafes “Seguridade e Defensa” e “Migración e Protección de Fronteiras”, vén corroborar, xunto ca proposta da CE de aumentar o gasto en industria armamentística até os 2.000 millóns de euros e as tropas da axencia FRONTEX de 1.200 a 10.000 efectivos, a utilización dos cartos da cidadanía europea para dar unha resposta militar ás graves consecuencias que as políticas económicas neoliberais están a ter para a cidadanía e o medioambiente a nivel global. “É un cruel despilfarro de cartos públicos regalar millóns de euros á industria armamentística baixo a desculpa de facer fronte a supostas ameazas que en realidade son consecuencia da agresividade neoliberal que caracteriza as políticas da UE. O cambio climático ou a destrución das capacidades produtivas dos países e, de paso, a súa estabilidade e seguridade en termos xerais, son algúns dos principais motivos polos que as persoas tentan emigrar aos Estados membro. E ámbolos dous aspectos están estreitamente relacionados cas políticas inxerencistas e depredadoras, social e medioambientalmente, que está a desenvolver a UE. Abonda xa de empregar os cartos da cidadanía para machacar precisamente a quenes son vítimas das súas políticas económicas, tanto dentro coma fóra da UE”.
Con respecto aos recortes de até un 5% no orzamento destinado á Política Agraria Común (PAC) e do 7% nos Fondos de Cohesión, a eurodeputada galega criticou o “cinismo” co que o Presidente Juncker tentou “vender” hoxe unha proposta orzamentaria que, segundo as propias palabras do Presidente da CE, “pretende dar resposta aos retos da UE”. “Que reto maior e máis importante pode haber que o de garantir a toda a cidadanía da UE, non só unha alimentación sa e de calidade que redunde ademais nunha mellor calidade medioambiental, senón suficientes labregas e labregos no medio rural europeo como para garantir o control sobre as políticas e a produción con vistas a alcanzar a Soberanía Alimentarias para os pobos? Non é compatíbel reducir os pagos directos aos labregos e labregas sen falar de prezos que cubran os costes e o traballo de produción”.
Na primeira valoración realizada hoxe Senra tamén lamentou que, unha vez máis, á hora de pór sobre a mesa a configuración do orzamento comunitario non se deixaran claras cuestións de fondo que historicamente teñen distorsionado a percepción que a cidadanía ten con respecto á contribución por parte dos Estados membro. “Hai que aclarar aspectos como que os países chamados “contribuíntes netos” son precisamente os máis beneficiados, e as persoas que tributan neles deberían saber que os seus impostos son empregados en seguir potenciando as multinacionais e reforzando a lóxica capitalista de concentración da riqueza da que é partícipe a UE”.