- Alternativa Galega de Esquerda en Europa vén de rexistrar unha pregunta parlamentaria dirixida á Comisión Europea
- Unha explosión en Reganosa superaría en 85.000 veces a potencia da explosión máis forte rexistrada en Tianjin no mes de agosto
Bruxelas, 25 Setembro 2015. O pasado mes de agosto producíronse na área portuaria da cidade china de Tianjin dúas grandes explosións que tiveron como consecuencia o falecemento de 50 persoas e 700 feridas.
Como sinala o Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, este feito deberíanos facer reflexionar sobre os riscos derivados da planta de gas que Reganosa ten instalada en Ferrolterra, unha instalación que, ademais, foi declarada ilegal polo Tribunal Supremo no ano 2012.
No día de onte, a eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), Lídia Senra, rexistrou unha pregunta parlamentaria[1] dirixida á Comisión Europea poñéndoa en coñecemento da indignantemente neglixente ubicación desta planta, -localizada a menos de 200m do centro urbano de Meha, a 800m do arsenal militar, a 900m do núcleo de Mugardos, e xunto ao complexo petroquímico de Forestal do Atlántico-. Unha instalación que actualmente almacena perto de 300.000m³ de combustíbel e produtos químicos, “superando en 85.000 veces a potencia da explosión máis forte das acontecidas en Tianjin”.
Malia esta obxectiva perigosidade para a poboación, que en numerosas ocasións ten visibilizado a súa oposición a Reganosa, nomeadamente tentando impedir a entrada de gaseiros na ría, “estase promovendo a súa ampliación co apoio do Goberno da Xunta”, denuncia Senra diante da Comisión.
Dado que parte desta ampliación sería realizada con financiamento europeo, a eurodeputada galega solicitou saber se a Comisión é coñecedora de que estaría “financiando e lexitimando” as actividades de buques transportadores de Gas Natural Liquado (GNL) na Ría, “aumentando as operacións con GNL na Ría e da actividade dunha fábrica de gas que ameaza a poboación da comarca de Ferrolterra”.
“Dende Alternativa Galega de Esquerda témolo claro: PLANTA DE GAS, FÓRA DA RÍA!”, sentenciou Senra, “e dende os espazos políticos onde estamos presentes faremos todo o que estea nas nosas mans para denunciar a grave ameaza baixo a que vive a cidadanía de Ferrolterra, así como a connivencia política que permite que, malia ter sido declarada ilegal no ano 2012, non só se estea barallando a súa ampliación, se non que para poñer inda en máis risco as nosas vidas, van gastar orzamento público. Resulta perverso que, nunha situación de emerxencia social como a que estamos a vivir, a Xunta prefira gastar cartos en reforzar unha industria lesiva para o medioambiente e perigosa para a cidadanía, en lugar de afrontar as necesidades que están abafando á poboación, unha situación da que a comarca de Ferrolterra, lamentábelmente, é claro exemplo.”
1] Adxunta