- O acto público será no edificio do Cuartel Vello, coa eurodeputada Lídia Senra e o coordinador de Rianxo en Común Julio Alcalde
- A parlamentaria informará das pretensións da CE para endurecer os mecanismos de control e o aumento a 50 mm da malla para a sardiña
Santiago, 04 de outubro de 2018. Rianxo acollerá este venres, 5 de outubro, ás 20:00 horas, no edificio do Cuartel Vello (Praza Castelao, s/n), un coloquio sobre ‘O futuro do xeito e da pesca artesanal galega na Unión Europea’, no que intervirán a eurodeputada galega, membro do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), Lídia Senra; e o coordinador de Rianxo en Común, Julio Alcalde.
A eurodeputada anima a acudir a todas as persoas interesadas na situación do sector pesqueiro. Alí, informará das negociacións que se están levando a cabo nas institucións europeas e que poden poñer en perigo a arte pesqueira do xeito, que a Comisión Europea xa intentou prohibir no ano 2014 e que agora, cando se está tratando o novo Regulamento sobre a Conservación dos recursos pesqueiros e a protección dos ecosistemas mariños con medidas técnicas, non está garantido que se vaia manter a dimensión da malla actual. “A proposta da Comisión é que a dimensión da malla para pescar especies peláxidas pequenas con redes de deriva como é o xeito sexa 50 milímetros e a nosa emenda para modificar isto non foi aprobada, igual que tampouco o foron as doutros eurodeputados no mesmo sentido”, asegura. Senra leva tempo loitando para que se inclúa a especificación do uso de mallas de menos de 40 mm para a pesca da sardiña e chama a todo o sector a informarse e a mobilizarse na Galiza para facer forza e poder blindar esta exixencia, pois, do contrario, o sector podería verse moi afectado.
No coloquio tamén se abordará a modificación do Regulamento de Control da Pesca na UE que está a debate no Parlamento Europeo e que pretende aumentar a fiscalización ao sector e as medidas burocráticas e de control, algo que preocupa e moito, pois podería repercutir no futuro da flota galega. Durante o acto tamén se tratarán outras Resolucións aprobadas polo Parlamento Europeo como a que inclúe que en augas interiores a pesca accidental artesanal quede fora de cotas. Así, abordaranse medidas para que a Comisión e o Consello leven a cabo esta recomendación.
Co acto deste venres en Rianxo, a eurodeputada conclúe unha serie de coloquios sobre o sector pesqueiro que a levaron nas últimas semanas a protagonizar actos similares en Cangas e Cambados.