- A falta de control das Administracións, a contaminación verquida por empresas ou a lentitude da Xustiza, algúns dos principais problemas
- Valorouse a posibilidade de levar adiante accións conxuntas a nivel nacional e AGEe rexistrará preguntas ao respeito dos distintos casos
Bruxelas, 02 Decembro 2015. Integrantes do Comité de Emerxencia da Ría de Ferrol, a Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra, a Plataforma de Defensa do Río Baa, SOS Río Miño, Agrupación de Mariscadoras a Pé da Confraría de Pescadores de San Telmo de Pontevedra, Plataforma Sarriana polo Río, Plataforma de Cospeito, Asociación pola Defensa do Parque Rosalía de Lugo , Asociación Xentes de Mar Viva, Comunidade de Montes en Man Común de Lourizán, Umia Vivo, Asociación polo Saneamento da Ría de Pontevedra, Plataforma pola Defensa dos Camiños, Plataforma Praceres e representantes do sector acuícola de Burela e artes menores de Narón, expuxeron hoxe no Parlamento Europeo (Bruxelas) as súas experiencias de loita e denuncia da contaminación das rías e ríos galegos.
De 9.30 a 12.00hrs. as 18 persoas integrantes desta delegación galega mantiveron unha xuntanza ca eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), Lídia Senra, na que procederon a realizar unha primeira posta en común das problemáticas derivadas da contaminación das rías e ríos galegos, “unha cuestión de importante impacto para o noso País, tanto a nivel medioambiental como social e produtivo”, valora a eurodeputada galega, “unha información que para AGEe é moi importante coñecer de primeira man de cara a poder levar esta problemática ao Parlamento Europeo, por exemplo a través de preguntas parlamentarias”.
Senra salientou tamén “a importancia de ter compartido esta información entre todas as organizacións e crear sinerxias de unidade”, e destacou como especialmente interesante que ao longo da primera xuntanza “se valorara a posibilidade de realizar iniciativas conxuntas a nivel galego contra as agresións ao medioambiente”.
A primeira hora da tarde, os representantes dos distintos colectivos trasladáronlle a Jose Manuel Servert, pertencente á Dirección Xeral de Medioambiente da CE na unidade adicada ao seguimento de infraccións e cuestións xurídicas, as reivindicacións principais de cada unha das organizacións.
O Comité de Emerxencia da Ría de Ferrol, -plataforma que agrupa a máis de medio centenar de entidades galegas e que naceu para denunciar a problemática derivada da localización da planta de gas de Reganosa en Punta Promontorio (Mugardos), no interior da ría de Ferrol-, leva anos organizando accións de protesta contra a entrada de gaseiros na ría e desde o inicio esixiu que Reganosa non se instalase na ría ferrolá debido aos riscos que supón para a zona e que afectan tanto á veciñanza como á actividade marisqueira, ademais, acúsana de estar empregando “un sistema de regasificación de xeito fraudulento”.
Durante a súa exposición diante da DX de Medioambiente salientaron tamén outras fontes de contaminación que está a padecer a ría, como por exemplo á “canalización dos verquidos urbanos e industriais dos cinco concellos da ribeira, cunha poboación conxunta en torno aos 140.0000 habitantes -que acadan unhas 100.000 Tons/día sen ningún tipo de depuración previa-, pero tamén as pontes do Ferrocarril e As Pías, que actúan a modo de barreiras, impedindo a circulación das fortes correntes e provocando a acumulación dos lodos cun metro de espesor nalgunhas zonas”. Lembraron tamén o procedemento de instalación na ría da empresa “Forestal del Atlántico”, que “realizou uns enormes recheos de máis de 120.000 m² no interior da Ría de Ferrol”. O desmedido crecemento que se produciu neste complexo industrial entre as anos 1990 e o ano 2004, relataron, “realízouse coa conivencia e o apoio interesado da Administración presidida por Fraga Iribarne, dándose o caso de que conselleiros como José Antonio Orza Fernández integraron o Consello de Administración de “Forestal del Atlántico” ata o seu nomeamento como Conselleiro, e con posterioridade e durante toda a súa etapa de goberno, seguiu como socio desta empresa”.
Os efectos perniciosos dos recheos, dos verquidos químicos de Forestal e agora do sistema de regasificación, “non só afectan directamente aos bancos marisqueiros de Sta. Lucia, A Barca e Noville”, quixeron deixar claro, “senón ao conxunto dun ecosistema como o da Ría de Ferrol”.
A Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) naceu a finais de 1987 como resposta ecoloxista diante da grave situación de deterioro ambiental que sofre o medio natural desa zona. A loita pola recuperación dos espazos naturais non degradados e pola desaparición dos principais focos contaminantes da ría de Pontevedra, a fábrica de taboleiros TAFISA na beira do Lérez –hoxe trasladada- e o complexo CELULOSAS-ELNOSA en Lourizán, sempre foron as súas principais loitas. Hoxe en día teñen activas diferentes campañas en defensa dos bancos marisqueiros, dos montes, contra os recheos do Porto de Marín ou pola recuperación do entorno da Barosa, por exemplo.
Durante o seu encontro ca DX de Medioambiente reivindicaron a necesidade de eliminar o principal foco de contaminación da ría, é dicir, “o complexo ENCE-Elnosa, que o goberno do PP pretende consolidar no seu actual emprazamento en Lourizán mais aló do 2018, ano no que vence a actual concesión administrativa”. Dende a APDR subliñaron que “se queremos acadar o saneamento e recuperación da Ría de Pontevedra para a explotación racional dos recursos naturais e a creación de postos de traballo, o camiño é a eliminación definitiva dos verquidos de ENCE e a depuración eficaz das augas de verquido domésticas”. Aliás, reiteraron a importancia de tomar medidas reais e contundentes contra a contaminación, debotando a aplicación de medidas que unicamente funcionan como “parches”, e que “levan inevitablemente ao deterioro total da ría e á perda definitiva da calidade de vida da veciñanza”.
A Plataforma de Defensa do Río Baa está integrada pola Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), as asociacións ecoloxistas Adega e Verdegaia e a Plataforma de Defensa dos Camiños e a de Afectados polo Polígono Industrial de Vilar do Colo. Levan tempo denunciando que a auga do río que comparten os concellos de Fene e Cabanasestá contaminada por culpa dos refugallos altamente tóxicos depositados ilegalmente no monte dos Cocidos, na Parroquia de Laraxe. AGE ten presentado iniciativas no Parlamento galego a este respecto, atopándose sempre co voto en contra do PP.
Ao representante da Comisión Europea exemplificáronlle a situación con datos concretos, tales como a desecación realizada no río nun tramo de máis dun kilómetro, a alteración da capa freática pola construcción da autovía a Lavandeira, o aumento de vertedoiros incontrolados en Cabanas e Fene, a tala indiscriminada de vexetación e a acumulación de residuos asfálticos contaminantes. “A día de hoxe residuos procedenes de Holanda seguen depositados nun terreo forestal de Cabanas”, ilustraron. As asociacións integrantes da Plataforma esixen o inmediato subsanamento destas agresións ao río Baa e que se proceda “á recuperación integral dun espazo de extraordinario valor patrimonial”.
A plataforma SOS Río Miño leva tempo denunciando os moitos ataques que recibe de forma continuada o Miño, dende verquidos incontrolados procedentes das actividades industriais e gandeiras, sistemas de depuracións de vilas e cidades pouco eficientes, talas incontroladas de árbores de ribeira, abandono sistemático de muíños e caneiros, destrución do ecosistema, desaparicións de especies animais e vexetais…
Puxeron en coñecemento da DX de Medioambiente que “as Administracións están a consentir actuacións e obras que danan seriamente o río”, como son, ultimamente, as da Fábrica da Luz, polo que “un dos maiores agresores ao ecosistema das concas fluviais sona as propias administracións, en particular a Confederación Hidrográfica do Miño Sil, xa que adoitan ser estes axentes públicos os causantes activos, ou por omisión, das agresións sufridas polos ríos galegos”.
Para este colectivo, “un dos problemas máis importantes que sofren os ríos galegos, ignorado polas administracións e descoñecido pola sociedade, é o da calidade da auga”. E un dos principais factores que causan esta situación, “a contaminación por nitratos procedentes sobre todo da actividade gandeira e industrial”.
Desde que a finais de 1995 se fai público por parte da Xunta de Galiza o proxecto para construír o Encoro do Umia alegando a súa necesidade de urxencia para abastecer de auga a Comarca do Salnés e evitar as enchentes do río Umia ao seu paso por Caldas, a oposición da veciñanza foi continua e canalizada por Umia Vivo, plataforma que leva moitos anos denunciando o perxudicial da explotación hidroeléctrica do río a costa da degradación da zona. Continúan a esixir a demolición do encoro, que non evita as inundacións que se utilizaron como escusa.
A Plataforma Umia Vivo deu conta da afección sobre o río derivada da construcción do encoro, que entrou en funcionamento no ano 2001, “adicado á producción lucrativa de enerxía eléctrica por unha empresa privada e tampouco resolveu o problema das periódicas inundacións da vila de Caldas de Reis polos desbordamentos do río”. Dende entón “a saúde do río vese cuestionada e agravada pola xestión privada do encoro pola empresa concesionaria do aproveitamento hidroeléctrico, incumprindo os caudais ecolóxicos mínimos coa conseguinte degradación dos ecosistemas do río”. A este problema “engádense as obras ilegais ou autorizadas no tramo do río Umia situado augas abaixo do encoro, provocando inundacións periódicas e afectando negativamente á calidade das zonas de cría de marisco”. Dende o colectivo perciben “unha situación de indefensión e risco para a saúde ante a falta de información, transparencia e publicidade sobre o estado da calidade da auga, moitas veces hai retrasos no publicación dos resultados e noutros casos mesmo van na contra das recomendacións da propia Organización Mundial da Saúde”.
A Agrupación de Mariscadoras a Pé da Confraría de Pescadores de San Telmo de Pontevedra adícase á extracción, comercialización e xestión dos bancos de acuicultura desa zona, centrada principalmente en bivalvos como as ameixas, berberechos e ostras. Os fecais da ría, as toxinas e a falta de produción son os seus principais inimigos e gran parte das praias están afectadas pola contaminación, o que fai que pasen boa parte do ano sen poder case traballar. “Na actualidade a ría está catalogada como Zona C por culpa da contaminación de ENCE, pero claro, o saneamento é unha cousa que non se ve, que non dá votos…”, explicaron, “para a ría foron seis millóns de euros de orzamentos europeos, gustaríanos saber onde están…”. Para as mariscadoras, a contaminación das rías poñen directamente en risco o substento das súas familias, “con tanta contaminación que hai na ría, alí case non hai animal que viva, os verquidos fecais son o que máis nos afecta”.
Explicáronlle tamén ao representante da Comisión Europea que hai xa 3 anos que as mariscadoras de Pontevedra non meten berberecho e que a ameixa tamén está morrendo. Esta situación provocou que a día de hoxe practicamente so podan traballar en Ameixal e Combarro. “Temos moitas praias afectadas e as bateas do fondo da ría tamén o están”, polo que non poden vender produto fresco. “Non podemos vivir así, gañamos no verán e no Nadal e o resto son todo meses mortos, hai xente que non pode afrontar pagar o seguro”, lamentou.
A Plataforma Sarriana polo Río naceu no 2013 para plantexar unha alternativa ó encanamento do Sarria. Chegaron a recoller case 8.000 sinaturas contra este proxecto, que está a destrozar o patrimonio, non respecta o medio, supón un despilfarro de cartos e tampouco evita as inundacións. En febreiro do 2014 levaron a cabo unha das súas accións máis contundentes encadeándose ás árbores do Malecón, cheo de freixos e ameneiros e hábitat prioritario de interés comunitario. Intentaban paralizar a tala masiva, non obstante, as autoridades seguiron o seu proxecto facendo caso omiso mais enchéndoos de multas.
Trasladáronlle ao representante da DX de Mediambiente que a obra, xa en execución, “destruirá esta vía e beira natural do río, de flanco a flanco, eliminado case por completo o corazón do patrimonio cultural, histórico, ambiental e paisaxístico da parte baixa de Sarria”. Enumeraron tamén alguns dos máis importantes aspectos patrimoniais que se verían afectados, como a centenaria ponte do Toleiro e a ponte da rúa Calvo Sotelo, así como un estribo medieval da ponte chamado “Ponte Ribeira”; case todo vestixio do antigo muíño do Toleiro e a parte da illa tocante á socaz do muíño será profundamente alterada, cambiando a súa elevación sobre o río”. Ademais, “o noso río ten unha masa arbórea considerable, en bo estado e con recoñecido valor ambiental e paisaxístico”, e non podemos esquecer que “un bosque é un organismo vivo, un sistema complexo que tarda décadas, ou incluso séculos, en formarse”.
A Asociación Xentes de Mar Viva, agrupación de ámbito estatal constituída aínda este ano, naceu para intentar unir e defender a toda a xente que vive directa ou indirectamente da mar, intentando porlle fin á competencia entre sectores e promovendo a unidade. Entre os seus principios teñen prohibido atacar ou ir en contra de calquera modalidade de pesca. Para dar unha mostra da importancia das rías e ríos no territorio galego, lembraron que “Galiza ten catro veces máis costa fluvial que marítima”. Partindo da experiencia da Mariña Lucense, destacaron a importante fonte de riqueza que supón o marisqueo e a pesca na fachada costeira, así como actividades industriais e do sector servizos. O maior problema nesta zona é a presenza de distintas fábricas contaminantes, “como a fábrica de aluminio, Alcoa, a central térmica nas Pontes de García Rodríguez”. Nesta zona Augas de Galicia ten detectados na comarca 41 puntos de verquido contaminante.
A Plataforma pola Recuperación do Sar é un colectivo que agrupa a veciñas e veciños de Santiago, Ames, Rois, Teo, Brión, Dodro e Padrón que traballan pola recuperación do lamentable estado en que se atopa o río Sar. Os vertidos continuos e os efectos dos embalses son o principal problema deste río que denuncian, “está na UCI”. Levan anos alertando do deficiente funcionamento da depuradora de Santiago.
“O Sar en grande parte do seu percorrido está declarado como Rede Natura. É unha burla á propia lexislación ambiental a situación de contaminación, que se prolonga ano tras ano sen que as nosas autoridades se tomen en serio a súa regularización”, denunciaron. “Os veciños de Ames, Brión, Teo, Rois, Padrón e Dodro sofren a contaminación provocada por Santiago, polo que son sete concellos os afectados, o que dá mostra da importancia desta afección”.
A Asociación pola Defensa do Parque Rosalía naceu no 2006 para preservar ese espazo natural de Lugo fronte aos proxectos de urbanización da zona e edificacións que atacan o seu patrimonio e identidade. Teñen recollidas máis de 11.000 sinaturas e dan a batalla por conservar os sinais paisaxísticos que se divisan dende a Pérgola, como son o meandro do río Miño, as carballeiras e as leiras todas da súa contorna. No ano 2007 a asociación iniciou un proceso contencioso-administrativo denúnciando posibles irregularidades levadas a cabo polo Concello “coa única finalidade de proporcionar na leira dun particular e dun xeito, aparentemente legal, a máxima edificabilidade no sitio máis rendible, obviar o ben social, os intereses da cidadanía á que representa, as leis de protección patrimonial e os trámites legais”.
O obxectivo fundamental da asociación é “preservar o espazo natural do Parque Rosalía e o seu entorno para futuras xeracións”, polo que desenvolveron na súa quenda de intervención a importancia de “harmonizar os tres espazos máis significativos da cidade: a muralla, a zona monumental e as costas do Parque de Rosalía”. Tamén deron conta das “constantes e desacertadas accións urbanísticas levadas a cabo na nosa cidade dende o inicio da urbaniación polo Partido Popular no ano 2001 até os últimos anos, e que levaron á desaparición de grande parte do seu patrimonio e como consecuencia, da súa identidade”.
O representante do colectivo Microalgae Power, adicada á acuicultura, sinalou que “os dous puntos de maior polución e contaminación acuícola son as piscifactorías de engorde de rodaballo Insuiña-Pescanova, en Xove, e Stolt Sea Farm, no polígono industrial de Cervo”. Estes e outros centros de produción e investigación acuícola “están amparados baixo o paraugas da Consellería de Pesca e Acuicultura, que non lles obriga a realizar un control e tratamento dos efluentes que xeneran a partir das súas producións, e onde a Consellaría do Medio Ambiente parece facer a vista gorda”. Un caso paradigmático é o da Stolt Sea Farm, cuxa actividade contaminante “fixo desaparecer as algas no litoral próximo a esta factoría”. Porén, non cabe agardar unha xestión responsábel e consecuente, xa que, en relación á contaminación biolóxica provinte das excrecións, feces e alimento sobrante, “existen parámetros de autorización de verquido para sólidos en suspensión, nitritos, fosfatos,e carbono orgánico total, establecidos polo organismo autónomo Augas de Galicia, que son verquidos ao mar ou ría directamente, sen ningún tipo de filtración nin depuración”.
A Plataforma de Cospeito céntrase na loita pola defensa da lagoa de Cospeito, enclave natural destacado na comarca da Terra Chá polo seu enorme valor medioambiental e ornitolóxico e un dos ecosistemas hídricos más importantes da Galiza. A lagoa forma parte da zona de maior valor de conservación da Reserva da Biosfera Terras do Miño, primeira reserva declarada en Galicia polo programa M&B (Man and Biosphere) da UNESCO no ano 2002.
Reiterando a denuncia dunha actitude totalmente irresponsábel por parte das administracións, puxeron en coñecemento da DX de Medioambiente da CE o feito de que “este mesmo ano a Confederación Hidrográfica Miño-Sil sancionou ao concello de Cospeito por infrinxir a Lei de Augas ao contaminar o Río Guisande con vertidos de augas residuais”, un río que desemboca no espazo protexido da Lagoa grande de Cospeito.
Entre as denuncias realizadas polo colectivo sobresae como principal ameazas da Lagoa a Planta de compostaxe Biocompost do Concello de Cospeito, situada na contorna da Reserva da Biosfera Terras do Miño-Lugo, que alias de desprender uns cheiros que “producen na veciñanza dor de cabeza, náuseas, síntomas de irritabilidade” que mesmo obriga a ficar na casa durante espazos de tempo. Ademais, “realiza verquidos directos ao río e está baixo sospeita de ter realizado fraude de subvencións debido á obtención irregular de fondos públicos da UE concedidos polo IGAPE”. A día de hoxe a planta segue a desenvolver a súa actividade, logo de estar traballando nove anos sen licenza municipal.
A Plataforma en Defensa da Praza dos Praceres é un colectivo veciñal que leva 16 anos en loita. Comezaron no ano 2001 presentando un recurso contencioso-administrativo que derivou en que se declarasen ilegais os recheos do porto de Marín. Grazas ao seu traballo o Tribunal Supremo fallou confirmando a obriga de que se execute esta sentenza do ano 2009, que obrigaba a demoler os recheos do porto e repoñer os 300.000 metros cadrados de terreos gañados ao mar ao seu estado previo. A Sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ditou dous autos o 22 de febreiro e o 11 de abril de 2013, que declaraba que non se executara a sentenza de 2009. Tras ámbalas dúas resolucións, debería terse dado cumprimento á sentenza que declara ilegais as obras de recheo do mar e ordea a “reposición da zona portuaria á anterior situación e estado”.
A presentación da súa problemática veu complementar moi acaidamente a crítica xeralizada ás actuacións das distintas administracións a nivel local, nacional e estatal, abondando na denuncia de que nin a existencia de leis nin de mecanismos xudiciais están a ser abondo para frear a destrución das rías e ríos en particular, nin da nosa Natureza en xeral.