-
Unha delegación de 15 persoas trasládase esta semana ao Parlamento Europeo para demostrarlle a responsables da CE que se están incumprindo normativas medioambientais na xestión de lixo, minaría, depuradoras, transición enerxética e proxectos non respectuosos
-
A iniciativa da eurodeputada Lídia Senra, manterán reunións na Eurocámara co equipo xurídico da Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea e farán un pase público do documental ‘Redes contra a política do espolio’ no Centro Galego de Bruxelas La Tentation
Santiago, 18 de marzo de 2018. Aire, auga e terra limpas, para Galiza e para toda Europa. Ou o que é o mesmo, pero para que o entendan na capital europea: Clean air, water and land, for Galiza and for all Europe. Isto é o que reclamarán esta semana no Parlamento Europeo unha delegación formada por 15 persoas representantes de colectivos cidadáns galegos que se desprazarán á Eurocámara, a iniciativa da eurodeputada Lídia Senra, membro do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) e candidata de En Marea ás eleccións europeas de finais de maio. O obxectivo da viaxe é denunciar que na nosa terra se están a incumprir as normativas medioambientais na xestión do lixo, na minaría, na depuración das augas, nos proxectos relacionados coa transición enerxética e por parte de moitas empresas que priorizan a rapiña dos recursos naturais e os beneficios económicos fronte aos respecto polo medio, pola saúde e polo futuro de vida da maioría da poboación.
A delegación partirá este martes do aeroporto de Lavacolla cara a Bruxelas, e estará integrada por representantes dos seguintes colectivos: Plataforma Non á ampliación da depuradora de Lourizán (Pontevedra), Plataforma Veciñal de Sanxenxo, Plataforma Casalonga Limpa de Residuos (Teo), Plataforma Salvemos Catasós (Lalín), Plataforma Mina Touro-O Pino Non, Plataforma pola recuperación do río Sar, Plataforma Non Eólicos Bustelo-Campelo-Monte Toural (Coristanco), Asociación de Afectados polo Vertedoiro de Lesta, Plataforma Salvemos a Comarca de Ordes, Comisión de Seguimento da minaría e defensa do rural de Mesía-Frades, Plataforma de afectados pola destilería de Contimunde (Rois), Sindicato Labrego Galego (SLG) e ContraMINAcción. Irán acompañados ademais pola deputada de En Marea no Parlamento Galego Paula Vázquez Verao.
O groso das actividades de denuncia levaranse a cabo na xornada do mércores. A partir das 9:30 horas da mañá e até as 13:30 horas, manterase unha xornada de intercambio e exposición de información no Parlamento Europeo. Ao encontro está previsto que asistan membros do equipo xurídico da Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea, da Unidade de Implementación do Dereito Medioambiental Europeo. Así, ao longo da mañá, a delegación galega acompañada por Lídia Senra en todo momento, irá explicándolles aos responsables europeos as preocupantes situacións que se están a dar na Galiza relacionadas cos proxectos contra os que están a loitar por considerar que carecen de planificación axeitada e son contrarios aos intereses da maioría social.
Xa pola tardiña, o mesmo mércores, a partir das 19:00 horas, a delegación galega congregarase no Centro Galego de Bruxelas La Tentation (Rue de Laeken, 28, Bruxelas), onde terá lugar a proxección da reportaxe documental ‘Redes contra a política do espolio. Aire, auga e terra limpas’, realizada por Xosé Bocixa e subtitulada ao inglés especialmente para a ocasión e para a súa mellor difusión internacional. Tras a proxección, que será aberta a todas as persoas interesadas que se atopen na capital europea, terá lugar un micro aberto e debate sobre as situacións que se relatan e que inclúen todas as problemáticas da Rede de Plataformas Compostela-Ulla-Tambre, referidas á mina de Touro-O Pino, ao vertedoiro de Miramontes en Santiago, á canteira da Casalonga que pretenden converter nun novo espazo de xestión de residuos, aos cheiros e molestias que produce a destilería de Rois, aos vertedoiros de Sogama en Cerceda e que pretenden ampliar cara a Ordes, aos eólicos proxectados tamén na comarca ordense, á minaría que afecta a Mesía e Frades, ou á loita contra as liñas de alta tensión nas fragas de Catasós.
O xoves, está previsto que a delegación galega asista á convocatoria da sesión da Comisión de Peticións do Parlamento Europeo, na que algúns dos colectivos galegos teñen presentadas solicitudes.
A eurodeputada Lídia Senra considera que a visita desta semana da delegación medioambiental galega a Bruxelas será unha boa oportunidade para visibilizar a nivel internacional os problemas que se están a dar na nosa terra e que as diferentes plataformas poidan explicar directamente a responsables da Comisión Europea que na Galiza non hai unha planificación e ordenación do territorio axeitada, que os nosos ríos están en perigo, que moitos fondos europeos non se utilizan axeitadamente, que a Administración galega non exerce a vixilancia medioambiental que debería, que a economía circular da que tanto presume a UE na súa aplicación directa acolle en moitas ocasións proxectos que están a converter o noso rural en auténticos vertedoiros e que se guían pola máxima do negocio do lixo sen cumprir as promesas de reciclaxe sustentable nin de respecto ao medio, que a enerxía eólica non é tan verde nin limpa como se pinta cando a pretenden instalar en lugares próximos ás casas ou protexidos sen contar coa poboación e unicamente para beneficio das grandes multinacionais, que Galiza é unha mina de recursos naturais e que non podemos acabar con eles a costa de megaproxectos mineiros moi agresivos e destrutivos que poñen en perigo o futuro da agricultura e da gandeiría, da saúde da poboación, incluso do Camiño de Santiago e do marisqueo das nosas rías.