AGE en Europa
  • Inicio
  • Actualidade
  • Xornadas
  • Publicacións
  • Videos
  • Contacto
  • Inicio
  • /
  • ACTUALIDADE
  • /

Cargos municipais analizan como fomentar o emprego e protexer os dereitos sociais fronte á austeridade neoliberal

9 Febreiro, 2017 alcaldes, concelleiros, concellos, esquerda europeo, GUE/NGL, Lidia Senra, municipios, REALPE
  • Alcaldes e concelleiras/os galegos, desprazados esta semana ao Parlamento Europeo a iniciativa de Lídia Senra, toman a palabra no encontro REALPE da esquerda europea 
  • A eurodeputada valora positivamente este encontro de dous días, por permitir intercambiar e coñecer experiencias que se están a levar a cabo nos concellos da UE

 Lidia Senra, moderando a mesa de ponentes do encontro Realpe este xoves Alcaldes e concelleiros galegos, no encontro Realpe no Parlamento Europeo Alcaldes e concelleiros galegos, no encontro Realpe 3 Alcaldes e concelleiros galegos, no encontro Realpe 2Bruxelas, 9 de febreiro de 2017. A trintena de alcaldes e concelleiras e concelleiros galegos desprazados estama semana a Bruxelas a iniciativa da eurodeputada Lídia Senra participaron este mércores e xoves no encontro anual REALPE de representantes locais electos, que organizou o Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) baixo o título de “Emprego, dereitos sociais e solidariedade desde os municipios”.

Ao rematar, Lídia Senra, que foi a encargada de moderar o debate do xoves pola mañá sobre “Boas prácticas na recepción de refuxiadas. Que cooperación ten que ser desenvolvida entre concellos?”, valorou positivamente este encontro, que permite intercambiar e coñecer experiencias que se están a levar á práctica nos concellos da UE por parte de alcaldes, alcaldesas, concelleiros e concelleiras da esquerda. “É de destacar a sensibilidade e a loita que se están a levar a cabo desde moitos municipios para acoller e instalar en condicións axeitadas a refuxiados e refuxiadas, tendo que pelexar moitas veces coa falta de vontade dos gobernos dos Estados e combater o racismo e a xenofobia da extrema dereita”, dixo a eurodeputada. “Cómpre tamén salientar a posición forte pedindo ás potencias occidentais a fin da intervención nos países de orixe, así como a fin da espoliación dos recursos dos países subdesenvolvidos”, dixo. Destacou igualmente a necesidade de ter presente o aumento de persoas refuxiadas como consecuencia do cambio climático, xa que segundo datos da ONU, no 2050 o cambio climático provocará que ascendan a 250 os millóns de persoas refuxiadas.

O primeiro día do evento, o mércores, o debate xirou sobre o tema “Que accións se poden desenvolver desde os municipios para fomentar o emprego, a industria e a defensa dos dereitos sociais” e a el asistiron, ademais dos cargos municipais galegos, políticos locais chegados de diferentes países da UE. Nesta primeira parte do encontro tomou a palabra Óscar Carrete, concelleiro de C@urel Vivo de Folgoso do Courel, quen denunciou que as explotacións gandeiras na Galiza se están vendo obrigadas a pechar polo prezo baixo da venda da carne, “tamén polo minifundismo e a pouca consideración da UE, da Xunta e do Estado español coas zonas de alta montaña”. “É indignante que en España, moitas das subvencións que proveñen da UE, como a PAC ou os FEDER, acaben en empresas de terratenentes e de familiares de políticos ou mesmo lobbies que pouco axudan ao medio rural. Gustaríame que desde a UE se vixiase que esas axudas foran para o que foron aprobadas, para desenvolver as áreas pequenas, non só as de gran dimensión”, reclamou o edil galego.

Carrete tamén explicou que malia que no concello do Courel se producen castañas de gran calidade, os produtores e produtoras non teñen “axudan algunha” e amosou o seu temor de que de saír adiante na UE tratados internacionais como o TTIP ou o CETA, será aínda peor. “Este concello ten o 80% das reservas de fauna e flora de toda Galiza e unha gran potencialidade turística. Nin a Xunta nin o Estado fan nada para crear un Parque Natural que dea unha inxección económica e oportunidade a esta zona. Perdemos poboación por unhas políticas erróneas de todas as administracións, perdendo servizos sanitarios, educativos e mesmo sociais”, engadiu, para rematar insistindo en que se atenda ás zonas rurais galegas.

Xa hoxe pola mañá, no debate sobre refuxiadas que moderou Lídia Senra, os cargos electos galegos aproveitaron para criticar o pouco compromiso do Estado español na acollida aos refuxiados malia a boa disposición de moitos municipios galegos. “Dado que temos unha pirámide de poboación invertida precisamos o recurso máis básico, as persoas, e vexo desidia por parte das administracións á hora de establecer unha planificación para articular a axuda de xeito sistemático e vinculada ás nosas necesidades, persoas para darlle vida á nosa terra”, explicou Jorge González Lamas, concelleiro en Pereiro de Aguiar, durante a quenda de debate. “Non podo falar da experiencia de acollida de refuxiados no noso Concello, pero non podo porque non temos ningún acollido. O Estado español ten un compromiso moi escaso e non está cumprindo cos refuxiados que ten comprometido acoller. Obviamente isto tradúcese na política de refuxiados dos pequenos municipios de Galiza”, engadiu Carlos Lorenzo, concelleiro no municipio ourensán de Toén.

Marcos Besada, alcalde de Salceda de Caselas, tamén tomou a palabra para debullar algunhas das iniciativas en marcha no seu municipio para favorecer “a integración efectiva na vida social, cultural, económica e laboral”, como obradoiros de busca de emprego, programas de alimentos ou roupeiro municipal, que tamén se poderían aplicar aos refuxiados. Maribel García, concelleira de Esperta Monforte, coincide cos seus compañeiros e compañeiras respecto da oportunidade perdida que supón a acollida para moitas zonas do interior de Galiza. “Necesitamos poboación, pero lamento dicir que non chegou ninguén porque o Estado non o está facilitando“, queixouse.

Acompañados por Lídia Senra e a iniciativa dela, até Bruxelas viaxaron, entre outros, os actuais alcaldes de  Salceda de Caselas e A Pobra do Caramiñal, Marcos Besada e Xosé Lois Piñeiro, respectivamente; así como os tenentes de alcalde de Cambados e Ferrol, Constantino Cordal Rodríguez e Álvaro Montes Celeiro. Tamén integran este grupo concelleiros e concelleiras como Fabiola Durán Pedroso, de Arbo; Sonia Vidal e Eladi Cid Babarro, de Xunqueira de Ambía; María Chao Martínez, das Pontes; Antonio Castro, de Rianxo; Mar Blanco Casais, da Estrada; Carlos Lorenzo Simón, de Toén; Ánxela Vizoso, de Cangas; Óscar Carrete, de Folgoso do Courel; Jorge González Lamas, de Pereiro do Aguiar, Jorge Vázquez Rodríguez, de Trives; Santiago Martínez López e Saleta Fernández de la Torre, de Cuntis; Manuel Seixas Caamaño e Noelia Estévez García, de Noia; Gustavo Pita Carballeira, de Ares; Maribel García Díaz, de Monforte; Celsa Oreiro Bermúdez e Óscar Blanco Tasende, de Val do Dubra; Manuel Siverio Miras Liñares, de Oroso; ou Xosé Manuel Pérez Sardiña, de Cabanas.

A iniciativa REALPE reuniu diversas experiencias que municipios de esquerda de toda Europa poñen en práctica para atender á poboación máis vulnerable, como é o caso dos refuxiados, e para fomentar o emprego e defender os dereitos sociais. Foi o caso de Geert Asman, concelleiro en Zelzate (Bélxica); Maximino García Suárez, concelleiro en Morcín (Asturias); Jean-Paul Lecoq, alcalde de Gonfreville l’Orcher (Francia), Knut Mildner-Spindler, concelleiro de Berlín; Linda Fleetwood, membro do parlamento rexional e do goberno rexional de Kalmar Län,Elena Coccia, membro do consello metropolitano de Nápoles (Italia); ou Katopodis Grigorios, alcalde de Vironas (Grecia).

anterior seguinte

Artigos relacionados

Lidia Senra no banco mais fedento do mundo con vistas ao vertedoiro de sogama

Lídia Senra: “Na Galiza urxe un modelo de xestión de residuos público 100%, descentralizado e baseado na redución, reciclaxe, reutilización e protección do medio ”

14 Maio, 2019
Comprobando o estado da contorna da Lanzada_2656x1494

Lídia Senra denuncia ante a CE a invasión de especies exóticas na Lanzada e as obras que danan as dunas

12 Abril, 2019
VdMRXGtM

Lídia Senra reclama na CE solucións para que unha muller poida acceder sen barreiras á súa casa en Abadín

9 Abril, 2019

Últimas novas

  • Lidia votando hoxe en San Miguel de Sarandon, Vedra
    Lídia Senra votou ás 10:30 no seu colexio electoral en Vedra, e anima a participar nunhas Europeas nas que todas as persoas nos xogamos moito 26 Maio, 2019
  • Lidia Senra comprando no mercado de teo
    Lídia Senra acude ao Mercado do Alimento Labrego na xornada de reflexión electoral para apoiar o comercio local, que é “con quen sempre estiven e estarei” 25 Maio, 2019
  • Vista xeral_2592x1460
    Lídia Senra pide o voto para seguir defendendo outros 5 anos os salarios dignos, o medio ambiente e a igualdade 24 Maio, 2019

Etiquetas

acordos comerciais actividades AGEe agricultura bruxelas Comisión Europea comité de emerxencia da Ría de Ferrol compromiso por europa contaminación crise agrícola europea crise de dereitos dereito a decidir dereitos humanos economía rural eleccions europeas emerxencia social En Marea estafa bancaria estafa financieira feminismo GUE/NGL leite liberalización liberalización comercial liberalización sector lácteo libre mercado Lidia Senra marisqueo mariñeiros mulleres OMC Organización Mundial do Comercio PAC Parlamento Europeo pensións pesca pesca artesanal pleno políticas públicas rural soberanía alimentaria sustentabilidade transxénicos UE Unión Europea

Calendario

Maio 2025
M T W T F S S
« Mai    
 1234
567891011
12131415161718
19202122232425
262728293031  
Aviso legal

Este sitio web utiliza cookies para dar unha mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das cookies mencionadas e a aceptación da nosa política de cookies, faga clic na ligazón para obter máis información. .

ACEPTAR
Aviso de cookies