- A xornada en Ourense sobre o negocio do lume chama a reaccionar fronte á desertización rural, o monocultivo do eucalipto e os recortes
- A eurodeputada Lídia Senra pregúntase quen se lucra dos terreos queimados e insiste en que non se trata dun problema de piromanía
Ourense, 1 outubro 2016. A necesidade de levar a cabo desde as institucións públicas unha política consensuada de país, que mude o actual modelo forestal e de prevención e extinción de incendios e de desertización do rural para poder facerlle fronte a unha realidade que nos leva a que no que vai de 2016 arderon na Galiza 17.676 hectáreas de monte, producíndose novamente a desgraza de todos os anos, está a estar hoxe moi presente na xornada “Os incendios forestais na UE. O negocio do lume”. A xornada, que organiza o Grupo Parlamentario da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) e Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), arrancou na mañá deste sábado no Auditorio Municipal de Ourense cunha mesa de debate internacional na que interviron ademais da propia eurodeputada de AGEe, Lídia Senra, tamén a brasileira membro do MST Bárbara Loureiro Borges, o grego de Alianza Popular Kostas Siampanopoulos, o portugués membro da CNA Alfredo Campos, e o traballador forestal da Consellería de Medio Rural da Xunta Xosé Santos Otero.
Ante un auditorio ao que se achegaron ao redor dun cento de persoas para participar na xornada, Lídia Senra denunciou a situación actual na que nin dende as administracións nin desde nos medios de comunicación se traslada á sociedade o debate sobre cales son as causas que hai detrás do lume. “Hai anos falábase do porqué, de quen se beneficiaba dos incendios forestais, e falábase de especulación urbanística, do prezo da madeira, etc., porque alguén se acababa lucrando dos terreos queimados. Agora, eu teño a impresión de que toda explicación se reduce a que hai un problema de piromanía xeralizada no mundo e iso non é certo. Ou poñemos sobre a mesa as causas reais ou non lograremos nunca acabar coa lacra dos incendios forestais”, advertiu a eurodeputada.
Neste sentido, Lídia Senra chamou a reflexionar sobre “a situación de abandono e as políticas agrarias que baleiran o medio rural”. “Naqueles lugares onde a agricultura aínda está viva e hai homes e mulleres producindo alimentos, aínda que o lume prenda é máis difícil que avance”, defendeu. Tamén asegurou que o modelo forestal actual e o monocultivo do eucalipto favorece que o lume se propague con maior rapidez. E fixo fincapé na importancia de avaliar a concepción dos actuais servizos de extinción e de apostar por un modelo público que non precarice ás traballadoras e traballadores.
Na xornada quedou moi patente a necesidade consensuada de que fronte ao abondono do medio rural é necesario que se fagan políticas que promovan a vida nestas zonas e a instalación de xente na agricultura e na gandeiría en todo o territorio como forma de loita contra o lume.
Xosé Santos Otero aproveitou a súa intervención para avogar por pensar globalmente e actuar localmente ante un problema, o da proliferación dos incendios a nivel mundial, que está a “queimar o futuro das vidas das nosas fillas e fillos”. Santos referiuse aos bosques como lugares beneficiosos para o conxunto da humanidade e alertou sobre a cifra de 17.676 hectáreas de monte que ardeu este 2016 segundo datos da propia Xunta de Galiza, 3.300 delas no Xurés, é dicir, máis do que ardeu en todo o 2014 e o 2015. “Se en Francia tiveran ardido este número de hectáreas, o goberno xa tería dimitido”, exclamou o traballador forestal. “Non é razoable que esteamos ante semellantes cifras de terra queimada”, continuou, para tamén chamar a reflexionar sobre o que se inviste en prevención e en extinción, así como en medios terrestres e aéreos, xa que cada vez a partida para medios aéreos é maior e “probablemente a galega sexa a Administración que máis gasta en extinción”, descoidando a prevención totalmente. Neste sentido, avogou porque outra política forestal é posible e indispensable “se queremos asegurar o futuro noso e o de todo o planeta”. “Agora que ven o inverno é hora de debater, organizarnos, traballar, e que os responsables políticos leven adiante medidas efectivas”, dixo.
Pola súa banda, Bárbara Loureiro realizou unha explicación sobre a situación que vive o Brasil, onde se rexistran unha media de 178.000 focos ao ano e onde no 2015 arderon un millón de quilómetros cadrados. “Isto non pasa por arte de maxia nin por casualidade”, exclamou. Loureiro apuntou a que un 49% dos incendios son causados pola actividade agropecuaria. “Eliminan o bosque para permitir os cultivos de azucre, café, soia, todo para exportación, en grandes extensións”, dixo, e vaticinou que a situación se intensificará aínda máis xa que tras o “golpe encuberto” ao goberno de Dilma Rousseff “o novo ministro é coñecido como o rei da soia, así que xa nos imaxinamos o que ven”. Ante esta situación, a membro do MST defendeu levar a cabo unha educación ambiental crítica co modelo e tamén intentar frear o máximo posible o cambio climático e impulsar a agroecoloxía.
O grego Kostas Siampanopoulos explicou como a débeda pública grega e as políticas de austeridade e recortes para poder pagala, así como as privatizacións que se están a levar a cabo, afectan á capacidade do Estado para controlar os incendios. “O Goberno está centrado en pagar a débeda e os seus intereses, así que a sanidade, a xestión ambiental, a educación, etc, son as primeiras vítimas”. O membro de Unidade Popular denunciou que non se invisten cartos para prevención nin para o equipo humano e material contra incendios e, “se non hai prevención nin ordenación forestal, o control dos lumes é moi difícil”. Cuns recortes que chegan ao 80% no servizo, Kostas Siampanopoulos explicou que “estamos nunha situación no país grego na que non podemos nin tan sequera falar diso, a situación é tan deprimente que os bosques non importan”. E denunciou que mentres Grecia si ten diñeiro para mercar aeronaves militares, non o teña para mercar avións para a extinción de lumes, que datan de 1970. Tamén lembrou ás bombeiras e bombeiros que perden a súa vida nas tarefas e criticou que non estea considerada como unha profesión perigosa por lei. O grego atacou o feito de que na UE cada vez “impere un modelo máis neoliberal” e que se estea usando “a débeda como chantaxe”. “Unha débeda pública que en calquera país é cuestionable. Cuestiónase quen a contraeu pero non quen a paga”, dixo. Ademais, denunciou a privatización de todos os servizos e dixo que “os servizos antilumes deben ser públicos, non se poden vender a empresas que se poden beneficiar das desgrazas da xente, non podemos deixar un aspecto así en mans do mercado. Débese actuar conxuntamente e levar a cabo unha loita común polos bens comúns”, concluíu.
O portugués Alfredo Campos instou para que o lume do verán se apague con políticas no inverno e aportou un dato máis que preocupante: En Portugal ardeu este ano o 54% do total de superficie afectada polas lapas en toda Europa. “Portugal non somos unha colonia de psicópatas que se xuntan para plantar lume. Hai que buscar aos responsables das nefastas políticas forestais que favorecen os intereses da industria do lume”, afirmou.
Desde o patio de butacas, Manuel Martínez Méndez, “San”, bombeiro e membro da CIG e da Plataforma Asociativa de Sindicatos de Bombeiros Forestais , na mesma liña do exposto na mesa, advertiu: “Quen crea que este problema é debido a algo de catro pirómanos tolos está moi equivocado e non quere ver a realidade do drama dos incendios forestais a nivel mundial”.
Xa pola tarde, nunha mesa moderada por María Conde de Anova Ourense, Diego Sánchez Agra, coordinador da área de montes do Sindicato Labrego Galego (SLG), avogou por medidas que favorezan a diversificación de plantacións e por unha ordenación do territorio para evitar o abandono do medio rural. Tamén por potenciar a produción de carne e o pastoreo no monte, algo que se perdeu na maior parte de Galiza, e por eliminar as restricións da PAC.
Tamén estivo presente na sesión da tarde Davide Rodríguez Estévez, deputado de En Marea no Parlamento Galego e ex alcalde de Manzaneda. Rodríguez denunciou que “a Lei de Montes foi feita por Ence e pola Finsa, sen contar cos comuneiros nin coa xente que habita as zonas rurais”. “O lume é un negocio e arde por culpa das políticas de privatización. Se houbera un sistema 100% público se lle daría resposta a moitos problemas dos incendios”, dixo tamén. Avogou por volver a un sistema agrario sostible e por poñer en valor a terra e os produtos autóctonos e por frear a despoboación rural. “O 80% do orzamento da Xunta en materia de incendios ten que estar adicado á prevención, e sen embargo este ano, antes do verán, non chegaba nin o 15%, é dicir, que se está traballando case só na extinción, xusto ao contrario do que debería ser”, asegurou.
David Fernández Calviño, enxeñeiro de Montes e doutor pola Universidade de Vigo, nesa mesma mesa da tarde, dixo que a Administración pública debe velar porque todas as actividades que se desenvolvan no monte deben ser sustentables e igualmente asegurou que a Administración debería asesorar para que as e os propietarios dos montes tomen as decisións máis axeitadas en cada sentido. O obxectivo xeral sempre: prevención de lumes.
A xornada pechárona Luís Chaín Galán, representante sindical da CGT en Toledo, Clara Isabel Martínez Jimeno, bombeira, e o bombeiro “San”, nunha mesa na que tamén se contaba coa participación do deputado de En Marea no Parlamento Galego Antón Sánchez.