- Lídia Senra e Juan Manuel Fajardo advirten da batalla pola ocupación do espazo mariño na que están as multinacionais contra pescadoras/es
- Na costa galega xa se fixo unha exploración para posibles explotacións mineiras nos fondos mariños, preto de onde está o Prestige
Ferrol, 4 xuño 2016. A Economía Azul no contexto da política da Unión Europea e mundial e a súa repercusión para o sector pesqueiro en Galiza foi o tema que centrou a primeira mesa da tarde deste sábado na xornada “A problemática da contaminación do medio mariño nas pescas e o marisqueo da UE” organizada en Ferrol polo Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) e Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe).
Na mesa, a eurodeputada de AGEe Lídia Senra alertou de que “dicir economía azul pode soar bonito, pero en realidade, non o é e leva novamente a poñer os recursos nas mans das grandes multinacionais e do capital”. Senra afondou na política de acaparamento dos océanos para proxectos de enerxía eólica, mareomotriz e undimotriz, que se está proxectando a nivel mundial e que levará a “apartar aínda máis do mar ás pescadoras e pescadores a pequena escala”.
Con relación a outro eixo da Economía Azul como son as explotacións mineiras nos fondos mariños, sinalou que, se xa coas explotacións mineiras en terra temos gravísimos impactos na saúde e no medio, “imaxinade se comeza a explotación para aproveitar a enerxía das mareas e os minerais dos fondos mariños”.
A eurodeputada lembrou que a Comisión Europea, baseándose na contestación a unha pregunta por escrito que ela mesma lle fixo, considera que na gobernanza dos océanos, “a pesca ten un papel pequeno e subordinado”, abrindo xa a porta directamente a seguir facendo políticas que baleiren a costa, saquen ás pescadoras e pescadores do mar e deixar en mans de grandes multinacionais toda a explotación dos recursos mariños.
Pola súa banda, o deputado de AGE no Parlamento Galego, Juan Manuel Fajardo, puxo o énfase na realidade de que “cada vez as persoas teñen máis dificultades para vivir do sector da pesca en Galiza e iso é porque hai alguén que non sabe o que está facendo cando dirixe a política pesqueira”. Para Fajardo, estamos diante dunha “batalla pola ocupación do espazo mariño”, xa que o pretenden as forzas neoliberais é facer no medio mariño o que xa fixeron na agricultura. “Pretenden que a xente renuncie a ocupar o mar porque non poden vivir del, e para que así sexa ocupado polas multinacionais”, asegurou. “O capitalismo non ten corazón e por iso están condenando á maioría da poboación á pobreza para o enriquecemento duns poucos. A solución non é só electoral senón de conciencia de todo o mundo e de maioría social”, zanxou.
O xeólogo Francisco Canosa Martínez, que se encargou de facer unha explicación ao respecto de como se levan a cabo as explotacións mineiras dos fondos mariños, afirmou que a economía azul terá graves consecuencias ambientais. Na costa galega, preto de onde está o Prestige, realizouse xa unha exploración a entre 700 e 1.500 metros de profundidade e atopáronse costras polimetálicas e fosforitas. “Non sei o que pasará no futuro, pero se están realizando exploracións será con algunha intención”, dixo. Ante o cal, reafirmou que “non me parece axeitado poñerse a explotar recursos mineiros no mar porque se necesitamos eses recursos témolos na terra e no mar xerarían un custe ambiental e enerxético brutal, xa que literalmente falamos de futuras minas no fondo do mar”.
Noutra orde, na última mesa da sesión da mañá da xornada, participaron Manuel Rodríguez Carballeira, Coordinador do Comité de Emerxencia da Ría de Ferrol; Estebo Ameneiro, Presidente da Plataforma en Defensa do Mar da Comarca Muros-Noia (Plademar); e Ángela García Torres, presidenta da agrupación da Confraría de San Telmo de Pontevedra.
Rodríguez Carballeira expuxo o que, ao seu xuízo, debería incluír un programa de mínimos para a recuperación da ría de Ferrol. “A determinación dos colectivos que viven do mar é fundamental”, afirmou. Así, defendeu que entre mariscadoras e mariscadores, Consellería e Concellos, se faga un plan de usos da ría; e se poña en marcha de forma inmediata a depuración integral da ría. “Non pode ir parar á ría un vertido máis nin que a Administración o permita tal e como está pasando”, denunciou.
O coordinador do Comité de Emerxencia da Ría de Ferrol afirmou que en Galiza “hai unha forza política que é perniciosa para o medio e as rías e que se chama Partido Popular” e, fronte a isto, chamou a “pelexar e modificar a situación actual”, xa que senón, preocupante situación da ría “será irreversible”. No mesmo día en que o Comité organizou unha marcha a pé a Mugardos, Rodríguez Carballeira dixo na xornada que “se o Tribunal Supremo dixo, como dixo, que a planta de gas é ilegal, o Goberno ten que paralizala e quitala de aí. Isto non é así e polo tanto estamos falando dunha forza política e dunha Administración que vai contra quen vive das rías e contra todas e todos nós”.
Pola súa banda, Estebo Ameneiro explicou que el, ao igual que toda a xente que vive do mar, “queremos poder ter unha ría ría saneada na que traballar e labrar o noso futuro. A calidade da auga vai a menos e iso repercute en todos nós”. O presidente de Plademar alertou sobre os momentos de debilidade do sector que son aproveitados polo Goberno do PP. “Se estamos débiles é dificil que loitemos, por iso a Xunta aproveitou que estamos asqueados de ir traballar ao mar para non gañar nada, afogados, e lanzou o anteproxecto de Lei de Acuicultura pensando que iamos aceptar a súa limosna”. “Temos que ser conscientes disto”, dixo. Así mesmo, asegurou que as empresas multinacionais están intentando “eliminarnos do mar”. “Somos un estorbo para elas e para algúns gobernos porque elas xeran millóns que van parar aos petos de algúns políticos”, afirmou.
Na mesma mesa, Ángel García Torres fixo un repaso polas zonas da ría de Pontevedra que a día de hoxe están pechadas ao marisqueo por estar catalogadas como Zonas C e explicou a situación de afogamento na que está o sector tamén nese litoral.