Rexistramos dúas preguntas parlamentarias dirixidas á CE denunciando a depauperización das condicións das traballadoras/es e do servizo. O acceso ao servizo postal é un Dereito Universal. Correos recorta en dereitos e calidade malia a obter 48 millóns de € de beneficio no 2013.
Bruxelas, 20 Xullo 2015. Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe) rexistrou hoxe a través da europarlamentaria Lídia Senra dúas preguntas parlamentarias dirixidas á Comisión Europea (CE) ao respecto da precariedade laboral das traballadoras/es de Correos, así como do deterioro na calidade do servizo, nomeadamente nas zonas rurais. Ámbalas dúas interpelacións á Comisión foron motivadas pola xuntanza mantida entre a Senra e representantes das carteiras/os que participaron o pasado mes de xuño nun encontro no Parlamento Europeo (Bruxelas) co obxectivo de visibilizar a súa situación.
O proceso continuado de precarización das condicións laborais das traballadoras/es de Correos, así como o sensíbel empeoramento do servizo proporcionado, enmárcase no proceso de privatización a nivel europeo iniciado na década dos anos ’90.
Nos seus escritos a eurodeputada galega alerta á Comisión de que, inda que no ano 2013 Correos obtivo 48.000.000€ de beneficio, “o servizo xeral está totalmente precarizado, e máis o rural: as carteiras/os rurais padecen abusos como ter que aportar vehículo propio para repartir, en ocasións tamén teñen que aportar o local de atención ao público e afrontar zonas de reparto imposibles de realizar nunha xornada laboral, xa que poden chegar a ter 100 ou 150km. para repartir en 7 horas e media, co que a moitos domicilios non chega o correo os 5 días laborais estipulados.”
Esta situación afecta de xeito totalmente directo ao noso país, tanto a nivel das traballadoras/es como das usuarias/os, xa que das aproximadamente 2.000 persoas que traballan no reparto postal rural no Estado español, a metade delas fano na Galiza, que conta cun 35% da poboación habitando no rural, é dicir, no 86% do noso territorio.
Todo este proceso de supresión de postos de traballo, denuncia a eurodeputada galega, aliás de redundar no empeoramento das condicións laborais das carteiras/os, “provoca vulnerabilidade na cidadanía” debido ás continuas acumulacións e retrasos da correspondencia que poden afectar a notificacións, citacións médicas, recibos de seguros, recibos con ameaza de corte dun subministro…
Neste senso, cómpre lembrar que, a nivel xeral, Correos pasou de 66.367 empregados/as no ano 2009 a 50.668 no ano 2014, é dicir, 15.699 persoas menos en cinco anos, un 25% aproximadamente. Esta redución baseouse en grande parte na non incorporación de persoal novo cando hai xubilacións e traslados a outros ministerios, situación que foi identificada polos traballadores/as desprazados a Bruxelas o mes pasado como de “ERE encuberto”.
Aliás, a empresa optou por reducir toda a contratación que antes se realizaba para cubrir permisos, baixas e vacacións do persoal fixo, a pesares de ter feito anteriormente reformas que xa deixaran as zonas cunha carga de traballo moi axustada á súa xornada laboral. Esta situación fai practicamente imposible que ningún traballador/a poda asumir carga engadida de traballo provinte doutra zona distinta. Todo este proceso de supresión de postos de traballo fomenta inda máis as continuas acumulacións e retrasos da correspondencia.