AGE en Europa
  • Inicio
  • Actualidade
  • Xornadas
  • Publicacións
  • Videos
  • Contacto
  • Inicio
  • /
  • ACTUALIDADE
  • /

AGEe aposta por facer pedagoxía social ante unha “débeda que non é lexítima nin soberana nin ética”

21 Maio, 2016 AGE, AGEe, Anova, débeda, Éric Toussaint, Esther Duro, GUE/NGL, Iolanda Fresnillo, Joan Tafalla, Lidia Senra, Unión Europea, Xosé Manuel Beiras
  • Lídia Senra defende que as forzas de esquerda deben tomar valentía, buscar solucións e oporse a que os Estados paguen a débeda 
  • Un cento de persoas participan na xornada organizada polo GUE/NGL en Santiago sobre o impacto das imposicións europeas

Eric Toussaint, Beiras e Lídia Senra na Xornada da Débeda 210516

Santiago, 21 maio 2016. Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), asegurou onte que a chamada débeda pública, que, segundo os datos difundidos esta semana polo Banco de España, superou xa no Estado español o 100% do Produto Interior Bruto (PIB), é “unha estafa, un negocio para unhas poucas persoas e un elemento de chantaxe para os pobos e para manter de xeonllos ás clases populares”. Lídia Senra realizou estas afirmacións durante a xornada “Débeda pública. O impacto do memorando da Unión Europea”, organizada este sábado na Facultade de Filosofía de Santiago polo propio GUE/NGL e AGEe e na que participaron ao redor dun cento de persoas.

A eurodeputada realizou un chamamento ás forzas políticas de esquerda para “coller valentía, buscar solucións e facer pedagoxía” na sociedade de cara a que a poboación coñeza que estamos ante uns datos “alarmantes” sobre os que hai que reflexionar, xa que no 2015 a débeda do Estado español estaba en máis de 23.000 euros por persoa. A Comisión Europea esta semana xa advertiu de que se deberán realizar máis axustes e tamén reducir o déficit en 8.100 millóns de euros.

Senra cualificou de “ilexítima” a débeda e defendeu unha oposición ao seu pagamento por parte dos Estados e das clases populares. “Non é lexítimo nin ético que unha débeda provocada na súa inmensa maioría en orixe pola banca e as grandes empresas multinacionais se traspase ao conxunto da cidadanía e sexa utilizada para facer negocio”, exclamou. Por iso, chamou a “plantarse”, non pagar esta débeda ilexítima e desenvolver políticas a favor da maioría da poboación, non da minoría.

Lídia Senra foi a encargada de inaugurar a xornada, xunto co portavoz de AGE no Parlamento galego, Xosé Manuel Beiras, quen alertou, pola súa banda, de que a débeda é un exemplo máis da “deriva fascistizante” ante a que nos atopamos. Beiras asegurou que o poder conseguiu “acostumar á sociedade a asumir falsidades como se foran verdades” a través dun “continuo proceso de perversión”. Así, fronte ao nome de “débeda pública”, puxo a énfase en que “a orixe da débeda non é pública, senón privada”. “Non é unha débeda que contraese o Estado para atender á maioría da cidadanía”, explicou, senón para atender ás entidades financeiras. Por iso, defendeu, igual de Lídia Senra, que “non temos motivo para ter que pagar unha débeda así, que non é soberana”. “Temos que salvar á cidadanía, non ás entidades que provocaron a débeda”, engadiu, e por iso animou a levar a cabo un “combate a fondo, non a medias”, zanxou.

Iolanda Fresnillo, Joan Tafalla, Mar Blanco e Esther Duro na Xornada sobre a Débeda 210516Na xornada participou a economista e responsable de Organización de Anova, Esther Duro, que aportou algúns datos ao respecto da débeda na Galiza. Duro tachou a débeda de “ferramenta de extorsión á soberanía dos Estados” e de “ferramenta de fomento da servidume, na medida en que somete á maioría social á vontade dos novos señores feudais, reencarnados hoxe na elite financeira que goberna o mundo”.

Duro explicou que cando Alberto Núñez Feijóo acadou a presidencia da Xunta, no 2009, a débeda pública galega era de 3.923 millóns de euros e representaba o 6,7% do PIB galego. Tras algo máis de 7 anos de goberno do PP, a débeda acadou os 10.375 millóns de euros, un 18,6% do PIB galego.  A economista afirmou que o incremento da débeda ten un impacto importante no orzamento anual galego e que o seu crecemento descontrolado trasládase en forma dunha maior carga financeira polos xuros que se amortizan con cada vencemento. Neste sentido, no ano 2015 os xuros que pagou a Xunta ás entidades financeiras foron de 336 millóns de euros, partida que acada valores máximos cada ano que pasa. “A débeda é o xugo para garantir a supervivencia do capitalismo”, afirmou Esther Duro, quen defendeu, igual que Lídia, valentía por parte das forzas políticas de esquerda para esixir a cancelación da débeda. “Temos que reclamar unha auditoría pública da débeda e solicitar a súa cancelación. Non é unha débeda soberana e polo tanto non debe de valernos unha simple reestruturación ou reconversión”, concluiu.

No mesmo sentido, Iolanda Fresnillo, membro da Plataforma Auditoría Cidadá da Débeda, criticou que se estea a usar a débeda como “ferramenta de medo e ameaza” por parte dos “estados financeiros, que secuestraron a soberanía”. “A débeda é un negocio polo cal estamos pagando uns intereses que son os que realmente están rescatando á banca contra os dereitos sociais, ambientais, políticos e económicos da maioría”, denunciou. Fresnillo fixo fincapé na necesidade dunha resposta global e de auditorías para acumular argumentos compartidos coa poboación a favor do impago.

O membro da Plataforma Saír do Euro, Joan Tafalla, expuxo que resolver o problema da débeda non será posible sen recuperar a soberanía económica e política dos pobos do Estado español. “Por que motivo se deben aceptar as chantaxes da banca en forma de intereses brutais da débeda?”, preguntou, para facer un chamamento a non ter medo ao déficit e a recorrer ao Banco da República Confederal Española futura. “Todo vai depender de que sigamos acatando a servidume ou decidimos emanciparnos”, dixo.

Na última parte da mañá interviu o fundador e portavoz da rede internacional do Comité para a Anulación da Débeda do Terceiro Mundo, Éric Toussaint, quen definiu a débeda ilexítima como aquela débeda contratada a favor dunha minoría privilexiada; e a débeda insostible como aquela que impide aos gobernos garantir os dereitos fundamentais da cidadanía.

David Rodríguez e Toussaint na Xoranda da Débeda 210516

anterior seguinte

Artigos relacionados

Lidia Senra no banco mais fedento do mundo con vistas ao vertedoiro de sogama

Lídia Senra: “Na Galiza urxe un modelo de xestión de residuos público 100%, descentralizado e baseado na redución, reciclaxe, reutilización e protección do medio ”

14 Maio, 2019
Comprobando o estado da contorna da Lanzada_2656x1494

Lídia Senra denuncia ante a CE a invasión de especies exóticas na Lanzada e as obras que danan as dunas

12 Abril, 2019
VdMRXGtM

Lídia Senra reclama na CE solucións para que unha muller poida acceder sen barreiras á súa casa en Abadín

9 Abril, 2019

Últimas novas

  • Lidia votando hoxe en San Miguel de Sarandon, Vedra
    Lídia Senra votou ás 10:30 no seu colexio electoral en Vedra, e anima a participar nunhas Europeas nas que todas as persoas nos xogamos moito 26 Maio, 2019
  • Lidia Senra comprando no mercado de teo
    Lídia Senra acude ao Mercado do Alimento Labrego na xornada de reflexión electoral para apoiar o comercio local, que é “con quen sempre estiven e estarei” 25 Maio, 2019
  • Vista xeral_2592x1460
    Lídia Senra pide o voto para seguir defendendo outros 5 anos os salarios dignos, o medio ambiente e a igualdade 24 Maio, 2019

Etiquetas

acordos comerciais actividades AGEe agricultura bruxelas Comisión Europea comité de emerxencia da Ría de Ferrol compromiso por europa contaminación crise agrícola europea crise de dereitos dereito a decidir dereitos humanos economía rural eleccions europeas emerxencia social En Marea estafa bancaria estafa financieira feminismo GUE/NGL leite liberalización liberalización comercial liberalización sector lácteo libre mercado Lidia Senra marisqueo mariñeiros mulleres OMC Organización Mundial do Comercio PAC Parlamento Europeo pensións pesca pesca artesanal pleno políticas públicas rural soberanía alimentaria sustentabilidade transxénicos UE Unión Europea

Calendario

Maio 2025
M T W T F S S
« Mai    
 1234
567891011
12131415161718
19202122232425
262728293031  
Aviso legal

Este sitio web utiliza cookies para dar unha mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das cookies mencionadas e a aceptación da nosa política de cookies, faga clic na ligazón para obter máis información. .

ACEPTAR
Aviso de cookies