- A xefa do Servizo de Patrimonio Cultural da Delegación Territorial de Lugo asegura que os seus técnicos comprobaron que o denunciado por Lídia Senra e Paula V. Verao é certo
- A Administración valora iniciar os trámites para incoar un expediente sancionador aos presuntos responsables destes feitos acontecidos en Monforte tras os lumes do ano pasado
Santiago, 11 de decembro de 2018. Os técnicos do Servizo de Patrimonio Cultural da Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Lugo comprobaron que nos últimos meses se realizou unha corta de arboredo e remocións de terra, que afectan á área de protección integral e ao contorno de protección do castro da Coroa ou castro de Cabo (catalogado coa referencia GA27031013, adscrito á Idade do Ferro e reocupado na época sueva), situado no lugar de Chavaga, en Monforte de Lemos. Así o asegura Ana María Carril Cuesta, xefa do Servizo de Patrimonio Cultural da Delegación da Xunta, que remitiu un escrito[1] á eurodeputada Lídia Senra, no que explica que estas actuacións de corta de árbores e remocións de terra se levaron a cabo a pesar de que “non contan coa previa e preceptiva autorización da Consellería de Cultura”.
Carril Cuesta contesta desta forma á denuncia cursada por Senra no pasado mes de agosto[2], cando a eurodeputada informou de que na zona afectada polos incendios forestais do outubro do ano pasado, se estaban levando a cabo traballos para talar e retirar a madeira queimada, con maquinaria pesada que chegou a abrir pistas que non respectan os camiños existentes e nin sequera os muros perimetrais que existen nas cotas do monte, orixinando desperfectos no castro e nos muros de pedra antigos, o que constataba adxuntando fotografías do día da visita que realizou ao lugar acompañada pola deputada de En Marea no Parlamento Galego Paula Vázquez Verao[3].
Agora, o Servizo de Patrimonio Cultural da Xunta en Lugo informa de que tramitou un expediente (o 26104) referente á denuncia por estes feitos referidos a labores forestais que terían afectado ao xacemento arqueolóxico citado. A Xefa do Servizo tamén explica que lle remitiu á Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural, en Santiago de Compostela, unha copia en papel deste expediente de denuncia, para se “consideran procedente iniciar os trámites para a incoación dun expediente sancionador aos presuntos responsables destes feitos”.
Senra exixe que o expediente sancionador se abra canto antes, unha vez que os propios técnicos da Xunta corroboran que o que ela e a deputada Paula Vázquez Verao denunciaron é certo, e reclama que se adopte unha solución efectiva xa, para protexer o xacemento arqueolóxico, recuperar a zona dos danos causados e evitar que isto volva a acontecer.
Para a europarlamentaria, é gravísimo que houbera quen, seguindo os intereses da industria da madeira e aproveitando a habitual deixadez de funcións da Xunta na práctica diaria, non dubidara un momento en facer estes estragos, pasando por riba a Lei 5/2016 do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, que no capítulo IV recolle que “as intervencións que se realicen no contorno da protección dos bens declarados de interese cultural e catalogado deberán contar coa autorización da consellería competente en materia de patrimonio cultural cando teñan por obxecto”, entre outras, “a implantación ou os cambios de uso que poidan ter incidencia sobre a apreciación dos bens no territorio, incluídas as cortas e as repoboacións forestais” e “as remocións de terras de calquera tipo no contorno de protección dos bens integrantes do patrimonio arqueolóxico”.
Lídia Senra reclama que todas as Administracións velen pola conservación do noso patrimonio cultural e natural e que rematen o Ano Europeo do Patrimonio Cultural, que é este 2018, cun verdadeiro cambio nas políticas que faga que os intereses da industria madeireira non estean nunca por riba do noso patrimonio.
A maiores da loita pola defensa do patrimonio cultural, a eurodeputada tamén está inmersa nun arduo traballo de denuncia para que non se planten eucaliptos no Distrito Forestal VIII, no sur lucense, como xa comezou a acontecer tras os incendios do ano pasado en Monforte. A introducción de eucaliptos nestas terras vulnera a Orde de 19 de Maio de 2014, pola que se establecen os modelos silvícolas ou de xestión forestal orientativos e referentes de boas prácticas forestais para os distritos forestais de Galicia, xa que esa Orde recolle que o eucalipto queda excluído do Distrito forestal VIII, Terra de Lemos. Lídia Senra e Paula Vázquez Verao están impulsando a constitución dunha plataforma que defenda os Distritos VII, VIII e IX da plantación de eucaliptos[4].
_____________________
[1] Aquí o escrito que acaba de recibir Lídia Senra por parte da xefa de Servizo:
[2] Aquí o escrito remitido en agosto por Lídia Senra a Patrimonio Cultural da Xunta:
[3] Aquí información sobre a visita realizada por Lídia Senra e Paula V. Verao á zona afectada o pasado agosto:
E aquí información da rolda de prensa na que ambas as dúas deran conta das accións que levaron a cabo ante a Xunta e ante o Parlamento Europeo e o Galego:
[4] Aquí a reunión que tivo lugar a finais de outubro en Monforte para abordar esta cuestión: