AGE en Europa
  • Inicio
  • Actualidade
  • Xornadas
  • Publicacións
  • Videos
  • Contacto
  • Inicio
  • /
  • ACTUALIDADE
  • /

A xestión pública e democrática é fundamental para acadar un sector enerxético xusto

14 Novembro, 2018

 

  • A eurodeputada votou en contra dos tres informes sobre enerxía aprobados onte en sesión plenaria do PE e critica a súa deriva neoliberal
  • Lamenta que se perdera a oportunidade de avanzar en materia de redución do consumo, enerxías renovábeis limpas e gobernanza social

Estrasburgo, 14 de Novembro de 2018. No marco da sesión plenaria do Parlamento Europeo que está a  ter lugar durante esta semana en Estrasburgo (Francia), onte procedeuse á votación e aprobación de tres informes de especial relevancia en materia de xestión enerxética na UE, ao abordar precisamente a cuestión da eficiencia, a promoción de fontes renovábeis e a propia gobernanza do que se está a denominar como “A Unión da Enerxía”, un dos dez obxectivos principais establecidos no 2014 polo presidente da Comisión Europea, Jean Claude Juncker, en consonancia co expresado tamén por Donald Tusk, Presidente do Consello Europeo.

A eurodeputada galega Lídia Senra, que durante esta lexislatura estivo a facer un seguimento exhaustivo desta liña de traballo, ten amosado a súa preocupación pola deriva neoliberal que o ente comunitario está imprimindo a unha cuestión básica para a calidade de vida da cidadanía e tan directamente relacionada co empobrecemento das clases populares europeas como é a enerxía[1]. Na votación de onte pronunciouse en contra dos tres informes.

“O primeiro problema que se prantexa é que estes informes non cuestionan para nada o actual modelo de desenvolvemento e de consumo altamente despilfarrador de enerxía. Pensar en abordar a situación simplemente dende a perspectiva de substituír o consumo de enerxías fósiles por enerxías renovábeis e totalmente inviábel, cómpre facer fincapé na redución do consumo”, valorou.

Malia o emprego de verbas e expresións amábeis, cando nestes informes aborda a cuestión da eficiencia a UE está eludindo asumir que todas fontes de enerxía teñen un impacto sobre o medio ambiente. “Ademais de reducir ese impacto facendo un consumo eficiente da enerxía, hai que establecer obxectivos claros de redución do consumo, tal e como propuxemos a través dunha das emendas presentadas na que apostabamos pola redución  nun 20% daquí ata o 2030 e que foi rexeitada. Todas sabemos que a enerxía máis limpa é a que non se consume. Pero claro, é moi difícil alcanzar unha mellora na eficiencia enerxética no actual modelo liberalizado, onde as empresas andan máis pendentes de competir ou acordar prezos que de realmente propor modelos eficientes”, analiza Senra.

De feito, para mellorar a eficiencia o informe votado onte establecía como obxectivo unha redución  de alomenos o 32,5% para o ano 2030, con unha revisión ascendente para o ano 2023, o cal directamente supón un retroceso respecto da posición inicial. Ademais, se ben abordaba cuestións ineludibles como a pobreza enerxética, non aportaba ningunha garantía real para os sectores máis desfavorecidos da poboación. “En definitiva, a política enerxética da Unión segue empeñada en apoiar ás grandes corporacións en lugar de afrontar os problemas do cambio climático e o acceso universal á enerxíá”.

Tamén decepcionante resultou o informe sobre enerxías renovábeis. Para comezar, se ben afirmaba apoiar a participación da cidadanía no mercado, sexa como autoconsumidoras ou como comunidades de enerxía renovábel, o certo é que o texto establece excepcións que permiten que as grandes empresas seguan a facer negocio á costa das necesidades da poboación.

Outro punto controvertido deste informe é que, inda  que propón que a partir de 2023 os agrocombustíbeis considerados de alto risco -aqueles que son extraídos a grandes profundidades embaixo do mar ou de area petrolífera-, sigan unha traxectoria descendente ata alcanzar o 0% en 2030, o texto segue apoiando o uso de agrocombustibles de denominados “de primeira xeración”, é dicir, aqueles que veñen de biomasa, especialmente de cultivos agrícolas. “Isto é unha confrontación directa co uso da terra para producir alimentos e non podemos aceptalo. A prioridade da terra agrícola ten que ser a produción de alimentos, tanto no norte como no sur, e non producir enerxía para alimentar os coches nos países ricos”.

O informe tamén apoia os agrocarburantes  considerados “avanzados” -obtidos de materias primas como a resina, bagazo ou materias celulósicas non alimentarias -, redundando novamente no impacto na agricultura tradicional e na produción de alimentos. “A implementación destas fontes enerxéticas non se realiza dunha forma sostible, se non a través da sobreexplotación de recursos (hídricos, forestais, etc.), da perda de biodiversidade e da  xeración de residuos”, abonda a eurodeputada galega.

Mención especial merece o informe que abordou a cuestión da gobernanza, habida conta das implicacións no control e xestión do conxunto do modelo enerxético da UE. Para Senra, “este proxecto de regulamento era unha oportunidade para chegar a un acordo ambicioso sobre os aspectos enerxéticos e climáticos, pero finalmente non foi así”.

Se ben é certo que o informe introducía algunha cuestión positiva, como definir obxectivos para a eliminación gradual das subvencións enerxéticas, en particular aos combustibles fósiles, non presentaba ningún mellora a toma de decisións dentro das competencias de cada Estado membro, nin en relación cos obxectivos climáticos e medioambientais nin con respecto á obriga de informar sobre os obxectivos de cada Estado membro para reducir o número de persoas afectadas pola pobreza enerxética.

“A enerxía debe considerarse un ben público e un sector estratéxico. Polo tanto, o control e xestión pública e democrática é un requisito fundamental para garantir un sector enerxético social, mais sostíbel e xusto. Sen embargo o modelo de Unión Enerxética que se está a pór enriba da mesa avanza en dirección contraria. Ademais non ten en consideración que o desenvolvenento dos proxectos de enerxías renovábeis se faga respectando a paisaxe, o medio ambiente e os asentamientos das poboacións no medio rural, como están pondo en evidencia os proxectos de eólicos na comarca de Ordes ou Cabana de Bergantiños, Laxe e tantos outros aos que a cidadanía está a facer fronte no noso País”, alertou Lídia Senra.

 

[1] Lídia Senra coordenou o 23 de abril de 2016 na Estrada as xornadas “Presente e futuro enerxético da Galiza no contexto europeo”. Pódese acceder á publicación resultante deste encontro neste enlace: https://lidiasenra.gal/wp-content/uploads/2018/05/Presente-e-futuro-enerxetico-de-Galiza-no-contexto-europeo-2016.pdf

anterior seguinte

Artigos relacionados

Lidia Senra, cos carteis contra o PEPP, no pleno do Parlamento Europeo hoxe

Lídia Senra vota contra o Produto Paneuropeo de Pensións Individuais: “É un insulto para a maioría social”

4 Abril, 2019
Plenary session - Minimum requirements for water reuse

A reutilización de augas no actual modelo industrial é un risco para as persoas e o medioambiente

12 Febreiro, 2019
150119_AngelaVallina-coordinadora do GUE-NGL en FEMM e Senra--

Temos que conseguir que os avances institucionais en materia de igualdade cheguen á vida real

15 Xaneiro, 2019

Últimas novas

  • Lidia votando hoxe en San Miguel de Sarandon, Vedra
    Lídia Senra votou ás 10:30 no seu colexio electoral en Vedra, e anima a participar nunhas Europeas nas que todas as persoas nos xogamos moito 26 Maio, 2019
  • Lidia Senra comprando no mercado de teo
    Lídia Senra acude ao Mercado do Alimento Labrego na xornada de reflexión electoral para apoiar o comercio local, que é “con quen sempre estiven e estarei” 25 Maio, 2019
  • Vista xeral_2592x1460
    Lídia Senra pide o voto para seguir defendendo outros 5 anos os salarios dignos, o medio ambiente e a igualdade 24 Maio, 2019

Etiquetas

acordos comerciais actividades AGEe agricultura bruxelas Comisión Europea comité de emerxencia da Ría de Ferrol compromiso por europa contaminación crise agrícola europea crise de dereitos dereito a decidir dereitos humanos economía rural eleccions europeas emerxencia social En Marea estafa bancaria estafa financieira feminismo GUE/NGL leite liberalización liberalización comercial liberalización sector lácteo libre mercado Lidia Senra marisqueo mariñeiros mulleres OMC Organización Mundial do Comercio PAC Parlamento Europeo pensións pesca pesca artesanal pleno políticas públicas rural soberanía alimentaria sustentabilidade transxénicos UE Unión Europea

Calendario

Xuño 2025
M T W T F S S
« Mai    
 1
2345678
9101112131415
16171819202122
23242526272829
30  
Aviso legal

Este sitio web utiliza cookies para dar unha mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das cookies mencionadas e a aceptación da nosa política de cookies, faga clic na ligazón para obter máis información. .

ACEPTAR
Aviso de cookies