No pleno do Parlamento Europeo desta semana debateuse un relatorio que intenta buscar instrumentos na PAC para reducir a volatilidade dos prezos nos mercados agrícolas, pero esquece que a volatidade dos prezos é unha consecuencia da propia PAC, que cando prioriza a exportación, liberaliza os mercados agrícolas, desregulariza as producións e destrúe calquera posibilidade de permitir unha renda decente para as agricultoras e agricultores a través dos prezos dos seus productos.
A eurodeputada galega Lídia Senra tomou a palabra no debate do pleno para, entre outras cousas, dicir que é inaceptable que se propoña traspasar como medio para a xestión da crise e dos riscos, parte do diñeiro que hoxe preciben os agricultores e agricultoras a outros sectores como por exemplo as aseguradoras.
“Se de verdade se quere reducir a volatidade, señor comisario Phil Hogan, a Comisión, o Consello e o Parlamento Europeos deben implementar unha Política Agrícola Común Pública que priorice o mercado interno, que se dote dos instrumentos precisos para regular a produción e os mercados, que equilibre oferta e demanda e que dote ao sector agrario dun cadro de negociación colectiva serio, que permita acordos de prezos mínimos que cubran custos de produción e que remuneren o traballo en todos os sectores, e que ademais devolva ás organización agrarias, das que se dotaran no seu día as agricultoras e agricultores, o seu papel negociador”, defendeu Lídia Senra.