AGE en Europa
  • Inicio
  • Actualidade
  • Xornadas
  • Publicacións
  • Videos
  • Contacto
  • Inicio
  • /
  • ACTUALIDADE
  • /

A UE está preparándose cada vez máis para a guerra coa escusa da seguridade

8 Novembro, 2018 armamento, Die Linke, GUE/NGL, Lidia Senra, marco financeiro plurianual, migrantes, militarismo, paz, refuxiadas, sabine lösing, Unión Europea, Xavier Vence

20181108_115432(0)_2656x1494

  • Senra e Sabine Lösing denuncian que máis de 60.000 millóns dos orzamentos da Unión irán no 2021-2027 para militarización e reforzo armamentístico 
  • A eurodeputada galega e a alemá chaman a desenmascarar a dulcificación das intervencións militares de Europa e a traballar nas políticas da paz 

Santiago, 8 de novembro de 2018. A UE estase preparando para a guerra co argumento de escusa de protexer a seguridade da cidadanía europea e do aumento das persoas migrantes e refuxiadas. Iso estase plasmando a través de partidas de diñeiro cada vez maiores que se están recollendo por exemplo directamente no Marco Financeiro Plurianual (MFP). En efecto, no MFP para o período 2021-2027 prevese que máis de 60.000 millóns de euros irán destinados a capítulos que teñen que ver coa militarización e o reforzo armamentístico. Así o denunciaron este xoves pola mañá en rolda de prensa en Santiago de Compostela a eurodeputada galega Lídia Senra, acompañada pola súa compañeira do Die Linke alemán no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) e vicepresidenta da Subcomisión de Seguridade e Defensa do Parlamento Europeo, Sabine Lösing.

Sabine Lösing está estes días na Galiza por primeira vez, convidada por Lídia Senra, para dar a coñecer á sociedade esta preocupante situación que está sendo ocultada e dulcificada polos poderes do neoliberalismo. “A UE estase armando en nome da seguridade e de defender un estilo de vida europeo, pero o certo é que a guerra non trae seguridade senón todo o contrario. Preparándose para a guerra é imposible cultivar a paz. O que nos están é enganando para favorecer o negocio redondo do capitalismo que supón a venda de armas e o acaparamento dos recursos naturais dos países empobrecidos a través de intervencións armadas no exterior”, asegurou Lídia Senra esta mañá. Por iso, chamou a confrontar este discurso, a desenmascaralo e a traballar na cultura e nas políticas de paz. “A guerra non se pode xustificar con nada, nin cos postos de traballo da industria armamentística. Se todos os orzamentos que van investir en industria armamentística se empregaran en relanzar a economia e os postos de traballo noutras actividades económicas civís, responsables e sustentables teriamos moitos máis postos de traballo”, engadiu. Así, criticou que “mentres a UE pretende seguir mantendo o control dos recursos nos países empobrecidos, preténdeselle pechar as portas de entrada en Europa á xente destes lugares. Trátase de manter a riqueza duns cantos europeos a costa de empobrecer os países do sur e de estar armados para que despois non poida entrar aquí a xente deses lugares”, dixo.

Senra ve fundamental debater publicamente sobre estes aspectos para que a sociedade acade unha maior concienciación do que significan as guerras. “Hai que denunciar que o neoliberalismo usa termos eufemísticos como ‘guerra humanitaria’ cando o que provoca é un sufrimento da poboación que non podemos consentir e un avance da política autoritaria que pretende controlar a loita social e enfrontar a pobres contra pobres, ás vítimas do sistema capitalista en Europa coas víctimas do mesmo sistema no resto do mundo.

20181108_111054_2656x1494

Seguindo o exposto pola eurodeputada galega, Sabine Lösing criticou que o presidente da Comisión Europea (CE), Jean Claude Juncker, se parabenizou na Conferencia de Seguridade de Múnich de que nos últimos dez meses a UE ten feito máis avances nas súas capacidades militares que nos últimos 10 anos. “Que significa isto? Que se están reducindo cartos doutras liñas orzamentarias para investilos en cuestións que teñen que ver coa industria militar e de armas, fondos estruturais e de desenvolvemento para xestionar conflitos, o que implica un preocupante cambio de política europea a longo prazo e a supresión, por exemplo, de moitos proxectos civís en beneficio de proxectos militares, o que fará que se dispare a violencia tamén”, denuncia Lösing. “Se están desenvolvendo as capacidades militares, será porque porque pensan poñelas en práctica e iso terá tamén un impacto negativo aínda maior nos países de orixe das persoas refuxiadas”, engadiu.

ESTA EVOLUCIÓN DA UE É ILEGAL PORQUE ESTÁ PROHIBIDO USAR ORZAMENTO EUROPEO PARA FINS MILITARES

A eurodeputada alemá asegurou ademais que esta evolución europea é “ilegal” atendendo a que no Tratado de Lisboa se especifica que hai unha prohibición de utilizar o orzamento europeo para fins militares. A pesar diso, estanse a incrementar os gastos neste tipo de actividades sen que teña lugar un coñecemento público nin un debate aberto coa cidadanía.

Así, por exemplo, a reforzar as fronteiras exteriores destinaranse 21.300 millóns de euros, fronte aos 5.600 do período anterior. A chamada Frontex, a Axencia Europea para a Xestión da Cooperación Operativa nas Fronteiras Exteriores dos Estados membros da Unión, terá a 10.000 persoas traballando nestes aspectos fronte ás 1.200 actuais. No capítulo de seguridade e defensa da Unión investiranse 27.515 millóns de euros, cunha partida para crear un fondo novo de Defensa de 13.000 millóns. E no capítulo de infraestruturas, por poñer outro exemplo, o facilitamento da mobilidade militar financiarase con 6.500 millóns de euros dentro do Mecanismo Conectar Europa.

“Case sempre, a UE cando fala deste tipo de proxectos, inclúe a palabra paz neles e case sempre son proxectos para todo o contrario, para a militarización en África, por exemplo, para evitar a chegada de persoas refuxiadas a Europa”. “Para nós é importante que haxa unha politica e unha cultura da paz verdadeira e sustentable e para iso hai que cambiar esta evolución política da UE e camiñar cara ao comercio comercio xusto, a loita contra a pobreza neses países e políticas que promovan o coidado do medio. Para nós o significado de seguridade é outro, defendemos unha seguridade desde o punto de vista social, da xustiza, e temos que dar un sinal moi claro contra estas políticas de militarización”, engadiu Lösing. A europarlamentaria alemá reclamou tamén que cese esa imaxe das persoas migrantes como inimigas que a UE dá continuamente e que cese a loita militar contra elas. “A guerra e a militarización son como o Conde Drácula, que cando sae á luz, desfaise. Temos que sacar á luz e denunciar todo isto que está acontecendo. Os miles de millóns de euros que se van investir en militarización vanse quitar dos cartos públicos para proxectos civís importantes. A xente ten que sabelo”, concluiu.

Sabine e Lídia Senra ofrecerán esta mesma tarde, ás 19:00 horas, na Facultade de Ciencias Políticas da Universidade de Santiago de Compostela, unha charla-coloquio baixo o título ‘Con esta Europa non hai paz. Non ao gasto militar’, que será presentada ademais polo catedrático de Economía Aplicada da USC Xavier Vence.

20181108_110452_2656x1494

anterior seguinte

Artigos relacionados

Lidia votando hoxe en San Miguel de Sarandon, Vedra

Lídia Senra votou ás 10:30 no seu colexio electoral en Vedra, e anima a participar nunhas Europeas nas que todas as persoas nos xogamos moito

26 Maio, 2019
Lidia Senra comprando no mercado de teo

Lídia Senra acude ao Mercado do Alimento Labrego na xornada de reflexión electoral para apoiar o comercio local, que é “con quen sempre estiven e estarei”

25 Maio, 2019
Vista xeral_2592x1460

Lídia Senra pide o voto para seguir defendendo outros 5 anos os salarios dignos, o medio ambiente e a igualdade

24 Maio, 2019

Últimas novas

  • Lidia votando hoxe en San Miguel de Sarandon, Vedra
    Lídia Senra votou ás 10:30 no seu colexio electoral en Vedra, e anima a participar nunhas Europeas nas que todas as persoas nos xogamos moito 26 Maio, 2019
  • Lidia Senra comprando no mercado de teo
    Lídia Senra acude ao Mercado do Alimento Labrego na xornada de reflexión electoral para apoiar o comercio local, que é “con quen sempre estiven e estarei” 25 Maio, 2019
  • Vista xeral_2592x1460
    Lídia Senra pide o voto para seguir defendendo outros 5 anos os salarios dignos, o medio ambiente e a igualdade 24 Maio, 2019

Etiquetas

acordos comerciais actividades AGEe agricultura bruxelas Comisión Europea comité de emerxencia da Ría de Ferrol compromiso por europa contaminación crise agrícola europea crise de dereitos dereito a decidir dereitos humanos economía rural eleccions europeas emerxencia social En Marea estafa bancaria estafa financieira feminismo GUE/NGL leite liberalización liberalización comercial liberalización sector lácteo libre mercado Lidia Senra marisqueo mariñeiros mulleres OMC Organización Mundial do Comercio PAC Parlamento Europeo pensións pesca pesca artesanal pleno políticas públicas rural soberanía alimentaria sustentabilidade transxénicos UE Unión Europea

Calendario

Maio 2025
M T W T F S S
« Mai    
 1234
567891011
12131415161718
19202122232425
262728293031  
Aviso legal

Este sitio web utiliza cookies para dar unha mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das cookies mencionadas e a aceptación da nosa política de cookies, faga clic na ligazón para obter máis información. .

ACEPTAR
Aviso de cookies