- O acordo comercial UE-MERCOSUR negociase dende fai máis de vinte presentándose a agricultura e a gandaría os puntos máis sensíbeis
- Dende o neoliberalismo europeo estase tentando dar un pulo ao proceso de liberalización, esta semana debateuse en sesión plenaria
Bruxelas, 20 Maio 2016. As negociacións entre a Unión Europea e MERCOSUR remóntanse ao Acordo Marco Interrexional de Cooperación UE-MERCOSUR[1] de 1995 -en vigor dende 1999-. No ano 2000 abríronse negociacións para un Acordo de Asociación, que foron paralizadas no 2004, principalmente por desacordos no plantexamento das relacións comerciais, especialmente nos sectores agrogandeiros. No marco do IV Cumio Unión Europea-MERCOSUR celebrada no ano 2010 en Madrid decidiuse retomar os contactos, permanecendo abertos dende entón, inda que sen avances significativos[2].
Nestas últimas semanas o neoliberalismo europeo, no que o Estado español xoga un papel diferenciado debido á súa histórica tradición de espolio en América Latina, amosou a súa vontade de acelerar o proceso de de negociación, en consonancia co actual recrudecemento da liberalización comercial identificada en tratados como o CETA (UE-Canadá) ou o TTIP (UE-Estados Unidos). Nesta mesma liña, durante a sesión plenaria do Parlamento Europeo que tivo lugar até hoxe en Estrasburgo (Francia), a Comisión Europea foi consultada ao respecto do desenvolvemento das negociacións a través dunha pregunta oral orientada a instar a aceleralas.
Como responsábel na Comisión de Agricultura para o Grupo da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), a eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), Lídia Senra[3], advertiu de que, neste caso “os negociadores están a dicir que o punto máis problemático das negociacións é o agrogandeiro, e aquí o que xa temos aprendido é que a liberalización favorece á agroindustria e perxudica ao campesiñado de ámbolos dous lados da negociación”.
Por outra banda, a día de hoxe, o 19.8% das importacións agrícolas da UE proveñen xa do MERCOSUR[4] e, “ao estar negociando con Brasil e Arxentina sabemos que un dos puntos máis sensíbeis é precisamente a entrada na UE de grandes cantidades de carne de vacún, algo que pode afectar directamente á Galiza“, abondou a eurodeputada galega.
Ademais, reflexionou, independentemente de quen sexan os socios comerciais nos tratados de liberalización comercial, “quen perde seguro é a sociedade e o medioambiente, porque ao tratarse de grandísimas áreas de negocio afondan no actual sistema irracional de distribución de mercadorías ao longo de todo o mundo; non esquezamos que as actuais políticas agrarias e alimentarias son as responsábeis do 50% das emisións de gases de efecto invernadoiro”.
Por último, lembrou Senra, “a estas alturas as consecuencias dos procesos de liberalización comercial son xa de sobra coñecidas: destrución do emprego, redución dos salarios, impactos negativos nos sistemas públicos de educación e saúde… Se o que queremos é o benestar social e non os beneficios duns poucos, tanto na UE como nos países do MERCOSUR, cómpre avogar por políticas agrogandeiras orientadas cara a soberanía alimentaria dos pobos e garantir políticas sociais que blinden os servizos públicos de ámbolos dous lados do Atlántico”.
[1]MERCOSUR está integrado por Brasil, Argentina, Uruguay y Paraguay: http://www.usc.es/gl/catedras/bolivar/mercosur.html
[2]A traxectoria das negociacións UE-MERCOSUR dende o punto de vista do Banco Interamericano de Desarrollo: https://publications.iadb.org/bitstream/handle/11319/7126/La_negociacion_MERCOSUR_Union_Europea_a_veinte_anos_del_acuerdo_marco_de_cooperacion.pdf
[3]A eurodeputada de AGEe foi consultada recentemente ao respecto do Acordo UE-Mercosur tamén polo grupo mediático alemán Deutsche Welle: http://www.dw.com/es/ue-mercosur-temores-europeos/a-19240142
[4] http://www.bilaterals.org/?vazquez-viaja-a-bruselas-para