- A eurodeputada Lídia Senra realizará dende Bruxelas un seguemento continuado á tramitación da solicitude presentada por SOS Panadeira
- En febreiro AGEe presentou unha pregunta á Comisión Europea denunciando a contaminación provocada polo pantalán do RC Náutico
Bruxelas, 16 Marzo 2016. As praias urbanas de A Iriña e A Panadeira (Sanxenxo) están fortemente afectadas pola contaminación provocada pola ampliación do pantalán da entidade privada Real Club Náutico (RCN) -vinculada ao influínte empresario Pedro Campos Calvo Sotelo, director do equipo de vela Team Telefónica e estreitamente ligado á Casa Real-, ameazando ademais con secuestrar para o desfrute privado estas dúas praias urbanas de grande valor ecolóxico e social.
Durante a visita realizada por representantes do colectivo SOS Panadeira de Sanxenxo o pasado mes de febreiro ao Parlamento Europeo (Bruxelas) a iniciativa da eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa Lídia Senra, observamos que, aliás de presentar á Comisión Europea unha pregunta parlamentaria centrada en denunciar a contaminación provocada pola ampliación do Real Club Náutico de Sanxenxo, habida conta da multidimensionalidade desta problemática, que abarca dende o ambiental até o económico e o social, cumpría rexistrar tamén esta denuncia a través da Comisión de Peticións do Parlamento Europeo, “a fin de poñer en coñecemento do maior número de institucións posíbeis a actitude que o RC Náutico está manifestando contra a propia veciñanza, provocando o deterioro e impulsando a privatización dun ben público como son estas praias”, explicou hoxe dende Bruxelas a eurodeputada galega, “queremos que tanto a Comisión Europea como o Parlamento se pronuncien ao respecto”.
A día de hoxe, ademais do colectivo social SOS Panadeira, o propio Concello de Sanxenxo, o Colexio Oficial de Biólogos e mesmo a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor amosaron a súa oposición a este proxecto que, ademais, incumpre o Plan de Utilización de Espazos Portuarios de Sanxenxo e o Plan de Ordenación do Litoral de Galicia e, por se fora pouco, foi construído sen previa declaración de impacto medioambiental.
En consonancia co procedemento habitual da Comisión de Peticións, logo de terse adxudicado un número de rexistro, nestes vindeiros meses o Parlamento irá avanzando a tramitación desta denuncia. “Durante todo este proceso dende Alternativa Galega de Esquerda ocuparémonos de ir tendo información periódica para saber en que punto exacto se atopa esta petición”, sinalou Lídia Senra.