AGE en Europa
  • Inicio
  • Actualidade
  • Xornadas
  • Publicacións
  • Videos
  • Contacto
  • Inicio
  • /
  • ACTUALIDADE
  • /

A CE está a atentar contra a saúde pública vulnerando a súa propia lexislación e sentenzas xudiciais

8 Xuño, 2016 AGEe, Comisión Europea, contaminación, crise de dereitos, dereitos humanos, disruptores endócrinos, emerxencia social, Lidia Senra, Organización Mundial do Comercio, políticas públicas, soberanía alimentaria, sustentabilidade, transxénicos

 

  • O aumento das taxas de cancro, infertilidade, fibromialxia, esclerose ou autismo están vinculadas a substancias alteradoras endócrinas
  • A CE négase a regular, incumprindo sentenzas do TXUE, e priorizando os beneficios económicos das empresas que producen e comercializan

 

Estrasburgo, 08 Xuño 2016. Esta mañá procedeuse á aprobación en sesión plenaria do Parlamento Europeo da resolución conxunta Alteradores endócrinos: estado da cuestión tras a sentenza do Tribunal de Xustiza de 16 de decembro de 2015, co obxectivo de recriminar á Comisión Europea a súa neglixente inoperancia en relación a un dos factores que actualmente máis están a afectar á saúde pública no territorio comunitario: as substancias químicas que actúan como disruptores endócrinos[1].

Estes alteradores hormonais, son responsábeis da alta incidencia nos países industrializados de enfermidades do sistema reprodutor (infertilidade, malformacións, pubertade precoz, etc.), cancro (nomeadamente de ovarios, mama, próstata ou tiroides), enfermidades neurolóxicas (déficits cognitivos ou de conducta), neuroinmunolóxicas (síndrome de fatiga crónica, fibromialxia ou esclerose múltipla) e metabólicas (síndrome metabólico, obesidade, diabetes).

Ditas doenzas, se ben adoitan visibilizarse na idade adulta, están significativamente vinculadas á exposición, especialmente durante o desenvolvemento embrionario e fetal[2], a contaminantes[3] presentes tanto no medioambiente (herbicidas como o glifosato, praguicidas, biocidas, fungicidas), como no aire dos fogares (disolventes, aparatos eléctricos, pinturas, lacas ), auga e alimentos (tanto polos envases como polos restos de substancias químicas) ou artigos de consumo (plásticos, deterxentes, produtos cosméticos, xoguetes con textura flexíbel, mordedores infantís, roupa, material clínico). A día de hoxe téñense identificado máis de 1.500 substancias na UE capaces de provocar graves alteracións do sistema endócrino.

No marco da III Conferencia Internacional sobre o Enfoque Estratéxico para a Xestión Internacional de Produtos Químicos (Nairobi,2012), representantes de 120 países e da industria, así como organizacións sociais, concluíron que os alteradores hormonais constitúen un asunto político global emerxente. Mesmo a Organización Mundial da Saúde (OMS), malia a estar fortemente influenciada polos lobbies da industria química, asume que máis do 25% da morbilidade humana mundial está relacionada a factores mediambientais evitábeis, como a exposición aos produtos químicos que alteran o sistema endócrino[4].

Sen embargo, pese a ser totalmente consciente desta situación, a Comisión Europea leva anos dilatando a adopción de actos delegados para desenvolver medidas para o control destas substancias.

De feito, a CE obcécase en non regular contra estas substancias mesmo incumprindo o Regulamento (UE) n.º 528 do ano 2012, que sinala especificamente no Artigo 5.3 que a Comisión tiña a obriga de adoptar, a máis tardar en decembro de 2013, actos delegados que incorporaran os criterios científicos elaborados polo Grupo Consultivo de Expertos en Alteradores Endócrinos que estivo traballando por orde da Comisión entre os anos 2010 e 2013.

Á vista da negativa da CE a aplicar controis sobre estas sustancias que atentan contra a saúde pública, o Tribunal Xeral da Unión Europea (TXUE) sentenciou en decembro de 2015 (Asunto T-521/14), que a Comisión vulnerou o Dereito da Unión, infrinxindo o Artigo 266 do propio Tratado de Funcionamento da Unión Europea (TFUE).

“Resulta grotesco que a Comisión Europea argumente, como fixo o Comisario Andriukaitis en febreiro deste ano no PE[5], que non vai protexer a saúde da poboación até garantir antes que esa decisión non afectará aos intereses de grandes multinacionais que producen e comercializan substancias alteradoras endocrinas, como Monsanto, Walmart, Nike, P&G, Johnson&Johnson ou Inditex”, valorou a eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda, Lídia Senra, hoxe dende a sesión plenaria en Estrasburgo (Francia). “É arrepiante constatar cada día que as institucións europeas están financiadas cos cartos públicos para garantir os intereses das empresas privadas; sen importarlles o máis mínimo a saúde de todas e todos nós, e moito menos as repercusións económicas nos sistemas sanitarios dos países membro”.

Á vista da posición da Comisión Europea, “o camiño máis efectivo para acadar a concienciación con respecto a este problema, así como para conseguir que as empresas sintan presión e modifiquen a composición nociva dos seus produtos, segue a ser a mobilización”, apuntou Senra. Campañas de presión social teñen acadado até o momento o compromiso de algunhas destas empresas de eliminar a presenza de disruptores endocrinos nos seus produtos antes do ano 2020.

A nivel institucional, dende AGEe esiximos que a Comisión fixe xa os actos delegados aos que está obrigada. Ademais, “cómpre aplicar inmediatamente o principio de precaución e adoptar medidas urxentes para eliminar a exposición constante da poboación a substancias que alteran o nosos sistema endocrino, é dicir, o noso sistema nervioso e inmunitario, responsábel de funcións vitais como a estabilidade interna do organismo, regular o crecemento ou a reprodución. A protección ten que ser ademais exhaustiva para nenos, nenas, mulleres en idade reproductiva, embarazadas e lactantes”, esixiu a eurodeputada galega.

 

[1]Informe de Ecoloxistas en Acción: “Substancias que alteran el desarrollo hormonal”: https://www.ecologistasenaccion.org/IMG/pdf/cuaderno-23_alteradores_hormonales.pdf

[2] Artigo “Disruptores endocrinos: cómo afectan en el embarazo y la infancia”: http://fundrogertorne.org/salud-infancia-medio-ambiente/2014/11/11/disruptores-endocrinos-como-afectan-en-el-embarazo-y-la-infancia/

[3]Lista ampliada de substancias disruptoras do sistema endócrino: http://endocrinedisruption.org/endocrine-disruption/tedx-list-of-potential-endocrine-disruptors/chemicalsearch

[4]Annette Prüss-Ustün y Carlos Corvalán, Preventing Disease through Healthy Environments: towards an estimate of the environmental burden of disease, Organización Mundial da Saúde, 2006: http://apps.who.int/bookorders/anglais/detart1.jsp?sesslan=1&codlan=1&codcol=15&codcch=680.

[5] No Pleno de febreiro deste ano Vytenis Andriukaitis, Comisario de Saúde e Seguridade Alimentaria, declarou que, peses as sentenzas xudiciais, la Comisión non ía aplicar ningún tipo e control até realizar unha avaliación de impacto socioeconómico.

anterior seguinte

Artigos relacionados

Lidia Senra no banco mais fedento do mundo con vistas ao vertedoiro de sogama

Lídia Senra: “Na Galiza urxe un modelo de xestión de residuos público 100%, descentralizado e baseado na redución, reciclaxe, reutilización e protección do medio ”

14 Maio, 2019
Comprobando o estado da contorna da Lanzada_2656x1494

Lídia Senra denuncia ante a CE a invasión de especies exóticas na Lanzada e as obras que danan as dunas

12 Abril, 2019
VdMRXGtM

Lídia Senra reclama na CE solucións para que unha muller poida acceder sen barreiras á súa casa en Abadín

9 Abril, 2019

Últimas novas

  • Lidia votando hoxe en San Miguel de Sarandon, Vedra
    Lídia Senra votou ás 10:30 no seu colexio electoral en Vedra, e anima a participar nunhas Europeas nas que todas as persoas nos xogamos moito 26 Maio, 2019
  • Lidia Senra comprando no mercado de teo
    Lídia Senra acude ao Mercado do Alimento Labrego na xornada de reflexión electoral para apoiar o comercio local, que é “con quen sempre estiven e estarei” 25 Maio, 2019
  • Vista xeral_2592x1460
    Lídia Senra pide o voto para seguir defendendo outros 5 anos os salarios dignos, o medio ambiente e a igualdade 24 Maio, 2019

Etiquetas

acordos comerciais actividades AGEe agricultura bruxelas Comisión Europea comité de emerxencia da Ría de Ferrol compromiso por europa contaminación crise agrícola europea crise de dereitos dereito a decidir dereitos humanos economía rural eleccions europeas emerxencia social En Marea estafa bancaria estafa financieira feminismo GUE/NGL leite liberalización liberalización comercial liberalización sector lácteo libre mercado Lidia Senra marisqueo mariñeiros mulleres OMC Organización Mundial do Comercio PAC Parlamento Europeo pensións pesca pesca artesanal pleno políticas públicas rural soberanía alimentaria sustentabilidade transxénicos UE Unión Europea

Calendario

Maio 2025
M T W T F S S
« Mai    
 1234
567891011
12131415161718
19202122232425
262728293031  
Aviso legal

Este sitio web utiliza cookies para dar unha mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das cookies mencionadas e a aceptación da nosa política de cookies, faga clic na ligazón para obter máis información. .

ACEPTAR
Aviso de cookies