- Presentará preguntas dirixidas á CE en materia de Agricultura, Sanidade e Medio Ambiente denunciando o dano deste proxecto
- A eurodeputada defende que a solución do lixo en Galiza pasa por mudar o modelo de xestión de residuos, maior reciclaxe e redución
Santiago, 2 setembro 2016. Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), reuniuse este venres coa Asociación de Afectadas e Afectados do Vertedoiro de Lesta, unha parroquia do concello de Ordes, na que se proxecta construír un novo vertedoiro de residuos. Senra desprazouse ata o Local da propia Asociación, e tamén visitou os terreos onde se ubicaría o vertedoiro, unha zona de 14 hectáreas situada en Lesta, a única parroquia eminentemente gandeira que queda na comarca ordense.
Na xuntanza, as veciñas e veciños puxeron de manifesto o seu maior temor: “O vertedoiro de Lesta realmente é que é un pé que Sogama está metendo no concello de Ordes”, xa que a zona está situada xusto ao lado do vertedoiro da Areosa, zona do concello de Cerceda onde actualmente Sogama verte os residuos de toda Galiza. “O vertedoiro da Areosa está ao límite da súa capacidade e o novo vertedoiro que pretende construír en Lesta encóntrase ao lado do da Areosa e non se contempla nin no Plan de Xestión de Residuos Urbano de Galicia nin cumpre as condicións establecidas no Plan de Xestión de Residuos Industriais de Galicia que se está a tramitar”, denuncia a veciñanza.
De ir adiante este proxecto, estariamos falando de que entre unha e outra zona, daríase lugar ao “vertedoiro de lixo máis grande de toda Europa”, aumentando as consecuencias na agricultura, sanidade e medio ambiente da zona que xa levan anos padecéndose. Unhas consecuencias que non son só para esta comarca, xa que estamos a falar dun problema que vai máis alá como é a xestión de residuos de toda Galiza.
Recollendo as demandas da Asociación, Lídia Senra comprometeuse a “traballar desde xa” e a dar todo o seu apoio para impedir que este proxecto vaia adiante e se instale o novo vertedoiro en Lesta. Neste sentido, a eurodeputada presentará en Bruxelas diferentes preguntas á Comisión Europea denunciando a situación e continuará en diálogo permanente coas persoas afectadas para establecer novas liñas de actuación a defender na Eurocámara.
A xuízo de Lídia Senra, a solución non pasa só por impedir que este novo vertedoiro se instale en Lesta, senón por debater, facer forza e mudar o actual modelo que representa Sogama, realizando unha aposta decidida pola reciclaxe e a redución de lixo. Na visita realizada ao actual vertedoiro, Lïdia Senra comprobou como directamente chegaban camións de Sogama e descargaban todo o lixo na Areosa, sen tratamento previo nin selección de ningún tipo. “Esta é a verdadeira Sogama, non a que a Xunta nos di que é”, zanxou Lídia Senra.