Valoración da eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa, Lídia Senra, Coordenadora para o Grupo da Esquerda Verde Nórdica-Esquerda Unitaria Europea (GUE/NGL) na Comisión de Agricultura do Parlamento Europeo.
- A Comisión Europea elude activar medidas estructurais e redunda no incentivo económico para facer desaparecer ás gandeiras e gandeiros
- Senra alerta da connotación “propagandísitica” das medidas económicas que agochan o desmantelamento do sector produtor
Bruxelas, 19 Xullo2016. Tras a xuntanza mantida onte polo Consello de Ministras/os de Agricultura da UE co obxectivo de abordar, entre outros aspectos, medidas para supostamente paliar a crise no sector leiteiro, na mañá de hoxe o Comisario Phil Hogan compareceu na Comisión de Agricultura do Parlamento Europeo para expor os puntos principais acordados.
En relación ao sector leiteiro, na xornada de onte acordouse a presentación aos Estados membro dun continxente de 500 millóns de euros, dos que 150 millóns irían destinados á fomentar que o sector leiteiro reduza a súa produción, e os 350 millóns restantes a medidas de “axuste” xestionadas polos propios países.
A eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), Lídia Senra, coordenadora para o Grupo da Esquerda Verde Nórdica-Esquerda Unitaria Europea (GUE/NGL) na Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural do Parlamento Europeo, denunciou que a presentación dunha nova partida económica supón “incidir nas medidas que xa fracasaron”, en alusión aos máis de mil millóns de euros activados xa entre setembro de 2015 e marzo 2016.
“Unha vez máis asistimos á redundante estratexia neoliberal da Comisión Europea de tentar convencernos de que todo se amaña parcheando con cartos”, abondou, “cando en realidade trátase dun colchón para tentar amortiguar a crise mentres vai chegando a xubilación de moitas produtoras e produtores, sabendo perfectamente que relevo xeracional non vai haber ningún”.
Ademais, alertou, a estratexia de publicitar grandes cantidades económicas dirixidas ao sector constitúe “unha medida propagandística máis ante os contribuíntes, aos que se lles tenta facer crer que as gandeiras e gandeiros son os beneficiados, cando en realidade o que se está a beneficiar é o traspaso da súa produción leiteira cara grandes unidades de produción industrial de leite, aproximándose a modelos como o dos EEUU en lugar de apostar polo mantemento de pequenas e medianas explotacións”. Neste tipo de modelo, 10.000 explotacións con 1.000 vacas de media cada unha e un alto grao de mecanización substituirían ás aproximadamente 650.000 explotacións que traballan actualmente na UE.
Diante desta situación, a eurodeputada de AGEe acusou á Comisión de “trasladar ás gandeiras e gandeiros as responsabilidades do desastre que crearon ca liberalización do sector ao por fin ao sistema de cotas”.
Por último, a eurodeputada galega lamentou que unha vez máis non haxa por parte da UE unha proposta de política leiteira pública, e alertou de que a redución voluntaria da produción pola que apostan as institucións comunitarias vai implicar a desaparición de moitas explotacións na Galiza, e no territorio europeo en xeral: “Precisamos políticas públicas con medidas de regulación da produción e dos mercados; o carácter voluntario non vai garantir para nada a redución dos volumes de producións, so vai garantir sacar do medio explotacións labregas”, criticou.
Intervención na Comisión de Agricultura.