- A estas alturas aproximadamente 160.000 persoas refuxiadas deberían ter sido acollidas nos Estados da UE pero apenas chegan ás 3.000
- A Garda Europea de Fronteiras ou os desaloxos forzosos de Idomeni e Calais, constatan o retroceso en Dereitos Humanos do proxecto UE
Bruxelas, 16 de Xullo 2016. A eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), Lídia Senra, amosou o seu apoio á inciativa solidaria “Caravana a Grecia: abrindo fronteiras” que partirá hoxe dende Barcelona cara Tesalónica (Grecia) co obxectivo de visibilizar o desleixo da Unión Europea diante das violacións de dereitos humanos ás que se está a someter a milleiros de persoas demandantes de asilo que foxen da violencia e dos conflitos armados.
“A cidadanía ten que ser consciente de que as políticas inhumanas que está a desenvolver a Unión Europea están extremando a vulnerabilidade das persoas refuxiadas. Non é unha situación na que non se poda facer nada para mellorar as cousas, senón que é parte do plan disuatorio das autoridades europeas crear impedimentos e dificultades para que estas persoas desboten a idea de chegar até aquí”, subliñou Senra.
Segundo os programas de acollida aprobados pola Unión Europea, a día de hoxe aproximadamente 160.000 deberían ter sido ubicadas nos Estados membro, sen embargo, as cifras máis optimistas denuncian que só arredor de 3.000 persoas foron acollidas. “A actuación da UE está sendo tan contraditoria cos valores que di defender que nestes momentos, se a UE fose un país, non podería ser admitida dentro do propio proxecto da UE tal e como foi concibido inicialmente”, lembrou a eurodeputada de AGEe.
Cómpre sinalar ademais que, lonxe de mellorar, a atención á poboación refuxiada dentro da UE está empeorando, procedéndose ao desmantelamento violento de campamentos como o de Idomeni (Grecia) en febreiro deste mesmo ano, no que máis de 8.000 persoas foron expulsadas forzosamente logo dun previo cerco gobernamental que impediu o acceso das ONG’s ao campamento e, polo tanto, da alimentación ou medicinas necesarias para a súa mera supervivencia. Nesas mesmas datas o Goberno francés procedeu de igual xeito ao desaloxo pola forza do campamento de Calais, onde se acubillaban 4.000 persoas.
As medidas que está a aprobar a Unión Europea, como por exemplo a Axencia da Garda Europea de Fronteiras e Costas, á que nos opuxemos dende AGEe no Parlamento, “deixa claro que a solidariedade non entra dentro das políticas da UE, senón que as forzas neoliberais apostan por un cinismo descarnado que lles permite obviar que precisamente as institucións europeas e dos Estados están detrás de moitas das situacións de violencia extrema que está obrigando a estas persoas a fuxir dos seus países ou resignarse a morrer”, abondou a eurodeputada galega. “É repulsivo observar á UE tratar como ameaza ás nenas, nenos, mulleres e homes que son precisamente as vítimas dos seus propios intereses xeopolíticos e económicos”, abondou.
Está previsto que a caravana solidaria, que partiu onte de distintas partes do Estado para concentrarse hoxe en Barcelona, chegue a Tesalónica (Grecia) o 20 de xullo –percorrido-, onde coincidirá ca celebración da acampada convocada pola organización No border do 15 ao 24 de xullo.
Imaxe: Lídia Senra participando na mobilización en contra da Garda Europea de Fronteiras e Costas convocada ás portas do Parlamento Europeo en Estrasburgo neste mes de xullo.