- Lídia Senra reiterou diante da Presidencia semestral da UE a “inxustiza” que para Galiza supón o actual reparto de cotas pesqueiras
- Non ratificar o CETA, establecer políticas públicas de regulación da produción e garantir un modelo sostíbel, demandas en materia agraria
Bruxelas, 13 Xullo 2016. Durante a mañá de hoxe e a tarde de onte tivo lugar no Parlamento Europeo a comparecencia da ministra eslovaca de Agricultura e Desenvolvemento Rural en calidade de presidenta do Consello de Agricultura e Pesca, ao respecto das prioridades das Presidencia eslovaca[1] do Consello da UE para este semestre.
Como coordenadora para o Grupo da Esquerda Verde Nórdica-Esquerda Unitaria Europea (GUE/NGL) na Comisión de Agricultura[2] do Parlamento Europeo, e suplente na Comisión de Pesca[3], a eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), Lídia Senra, tivo a posibilidade de trasladar as súas consideracións directamente á ministra Gabriela Matečná.
Necesidade de revisar os criterios do reparto de cotas pesqueiras
En relación ao sector pesqueiro, a eurodeputada de AGEe reiterou á ministra Matečná que o reparto de asignacións de cotas aos Estados en base ao principio de estabilidade relativa “supón unha inxustiza moi forte con países como o meu, Galiza, que é a maior zona pesqueira da Unión Europea”, polo que debe ser revisado urxentemente.
Unha das principais liñas de traballo que Alternativa Galega de Esquerda está a desenvolver dende a súa participación no Parlamento Europeo en relación ao sector pesqueiro é precisamente a procura do establecemento de criterios que garantan un reparto xusto dos totais admisíbeis de capturas (TAC’s) e cotas pesqueiras para Galiza, rexistrando varias preguntas parlamentarias[4] e levando adiante tamén iniciativas sectoriais no país.
Senra denunciou que actualmente a UE non está a garantir que no reparto que os Estados realizan das cotas se estean a respectar os criterios especificados no Artigo 17 da Política Pesqueira Común (PPC), interpelándoa directamente para coñecer se “durante o seu mandato vai haber posibilidade de que se abran estes debates”, algo totalmente necesario xa que, como especificou “penso que nesta Comisión de Pesca todo o mundo sabe que na Galiza está a haber fortes mobilizacións relacionadas con esta cuestión”. Aliás, Senra expresou a súa preocupación pola consecuente perda de postos de traballo no sector debido a esta situación.
Por último, en relación ao sector pesqueiro a eurodeputada galega inquiriu á Ministra ao respecto do impacto medioambiental que o desenvolvemento do plan de espolio multidimensional dos mares e océanos, impulsado pola Comisión Europea durante esta lexislatura baixo a denominación “crecemento azul”, vai ter sobre os recursos pesqueiros e de marisqueo. “Estou falando por exemplo da minaría submarina, a acuicultura industrial ou a construción de grandes infraestruturas amparadas por esta planificación de explotación de recursos”, especificou[5].
Reiteramos a demanda de control público da produción agraria
Durante o transcurso da comparecencia da ministra eslovaca de agricultura mantida esta mañá na Comisión de Agricultura, Senra esixiu que durante este mandato semestral sexan tomadas todas as medidas necesarias para “por fin á política de ‘deixar facer’ aos mercados”. Así, esixiu contundencia por parte da Unión Europea diante da volatilidade de prezos ea desregulamentación á que se está a ver sometida a produción de alimentos na UE.
“Precisamos regulación das producións, garantía de prezos xustos para as produtoras e produtores e modelos de produción sustentábeis dentro dunha política agroalimentaria pública”, reiterou unha vez máis a eurodeputada Lídia Senra.
Un dos obxectivos principais desta Presidencia, concretou, ten que ser precisamente “iniciar o debate de cara a avanzar nunha política pública que estableza mecanismos de regulación da produción para todos os sectores, primando a sostenibilidade e garantindo remuneracións xustas”.
Ao fío desta demanda, Senra alentou a Gabriela Matečná a que na reunión que o Consello de Agricultura e Pesca vai manter o vindeiro luns 18 [ORDE DO DÍA], e no que novamente van ser expostas as prioridades da Presidencia semestral eslovaca, “asuman dunha vez por todas que a liberalización do sector leiteiro está a ser un completo fracaso con gravísimas consecuencias para as gandeiras e gandeiros europeos, e que a solución pasa novamente por contaramos cunha política leitera pública forte e estábel”.
Por último, afondando no nivel global das relacións comerciais da UE, a deputada galega pediu directamente á Ministra que adopte unha posición contraria á ratificación do CETA –acordo de libre comercio entre a UE e Candá-, “porque ademais de ser fondamente antidemocrático, e tremendamente perxudicial para a agricultura europea”. Baixo este mesmo argumento Senra solicitou tamén á Presidendica eslovaca a paralización das negociacións do TTIP –tratado de liberación comercial entre EEUU e a UE-.
[1] Información xeral sobre a presidencia eslovaca da UE para o presente semestre: http://www.eu2016.sk/en
[2]Orde do día da Comisión de Agricultura: http://www.emeeting.europarl.europa.eu/committees/agenda/201607/AGRI/AGRI%282016%290713_1/sitt-2813027
[3]Orde do día da Comisión de Pesca: http://www.emeeting.europarl.europa.eu/committees/agenda/201607/PECH/PECH%282016%290711_1/sitt-2813030
[4]Preguntas parlamentarias rexistradas: Deguace e cotas, Colocar a pesca artesanal acidental fora dos TAC, Distribución das quotas de sarda pelo Estado espanhol, Reparto das cotas de pesca entre o cerco galego, Etiquetado produtos acuicultura e pesca, Prohibición da pesca de deriva con redes artesanais e tradicionais.
[5]Preguntas parlamentarias rexistradas: Recursos mineros en alta mar, Gobernanza dos océanos e enerxía. [NdP040616AGEe] AGEe pon sobre a mesa o elevado custe ambiental e para a pesca artesanal que supón a Economía Azul .