- A eurodeputada Lídia Senra vota en contra da resolución conxunta aprobada hoxe no pleno extraordinario do Parlamento Europeo sobre o Brexit
- A galega chama a respectar a vontade do pobo inglés, escocés e irlandés nos seus diferentes resultados acadados no referendo
Bruxelas, 28 xuño 2016. Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), votou hoxe, no pleno extraordinario do Parlamento Europeo, en contra da resolución conxunta acordada polos grupos do PPE, S&D, ALDE e Verdes/ALE, sobre a decisión do Reino Unido de saír da Unión Europea como consecuencia do referendo celebrado a semana pasada.
Lídia Senra quixo destacar o seu “máis profundo respecto á decisión tomada tanto polo pobo inglés, como polo escocés e irlandés” a semana pasada no referendo e considerou que este pobos amosaron “a través de resultados diferentes segundo as diferentes nacións británicas, un sentimento único que é a vontade dos pobos a seren donos dos seus sentidos”.
A eurodeputada destacou que en Inglaterra, o malestar expresouse especialmente en zonas desindustrializadas onde pervive unha clase traballadora depauperada, optando pola saída da UE. En Escocia e Irlanda, o malestar expresouse a través da vontade de soberanía respecto de Inglaterra. “Nos tres casos, estamos ante pobos que usaron un referendo para dicir alto e claro que están fartos de que lles subtraian a súa soberanía popular para decidiren o seu futuro”. “A canalización de parte dese malestar a través do chauvinismo e a xenofobia é só o síntoma de que a democracia non está a funcionar correctamente”, dixo.
Senra explicou que se hoxe votou en contra da resolución que saiu adiante hoxe no pleno do Parlamento Europeo foi porque “non sirve só manifestar –como fan os grupos asinantes PPE, S&D, ALDE e Verde/ALE- a necesidade de reformar a Unión Europea”. “Iso sona igual que cando dixeron que había que reformar o capitalismo e a solución foi reformalo en beneficio do propio capitalismo e tomar por exemplo a decisión de que a sociedade asumira en forma de débeda pública os desmans da banca privada”.
Neste sentido, a eurodeputada defendeu que a UE “hai que refundala para construír unha Europa dos pobos, onde o dereito a decidir de cada pobo sexa respectado, e onde os valores da democracia, a paz, a xustiza social, a tolerancia, o progreso, a cooperación, a igualdade, o feminismo, o respecto á nai terra, o dereito ás soberanías nacional, enerxética e alimentaria, etc, sexan a guía para a construción desta nova Europa”.
“Non é boa práctica que a chanceler alemana Ángela Merkel se reúna co seu pequeño clube para seguir impondo as políticas neoliberais máis axeitadas para os seus intereses. Por ese camiño, imos mal”, dixo.
Para a eurodeputada galega, “cómpre actuar xa retirando as políticas de austeridade, eliminando a débeda que hoxe ten totalmente hipotecados aos pobos dos sur, actuando para relocalizar as producións e as industrias, rematando coas imposicións do Euro e recuperando e fortalecendo os servizos públicos básicos como o ensino e a sanidade, así como os servizos socias públicos”.
Neste sentido, desde AGEe urximos a retirada do coñecido como “documento dos cinco Presidentes” –asinado por Jean -Claude Juncker (presidente da Comisión Europea), Donald Tusk (presidente do Consello Europeo), Jeroen Dijsselbloem (presidente do Eurogrupo), Mario Draghi (presidente do Banco Central Europeo) e Martin Schulz (presidente do Parlamento Europeo)- no que propoñen medidas para seguir avanzando nestas políticas de austeridade e asfixia das clases populares da Unión Europea.
“Compre tamén proceder a poñer fin ás negociacións dos tratados como o TTIP, o CETA ou o TISSA porque siguen sendo uns instrumento para traspasar a soberanía dos pobos ás corporacións transnacionais”, dixo Senra.
“Só iniciando un proceso de reflexión e profundo debate sobre medidas deste tipo, seremos capaces de avanzar. A UE é un proxecto fracasado porque non é capaz de dar resposta a ningunha das grandes crises da actualidade, polo que permanecer coa situación actual ou profundizar nas medidas neoliberais so conlevará máis sufrimento aos pobos e un forte avance das dereitas populistas, da extrema dereita, do racismo e da xenofobia, tanto dentro como fóra da Unión Europea. Cómpre recordar a perigosa política racista e xenófoba que hai detrás de acordos como o da UE-Turquía”, zanxou a eurodeputada.