AGE en Europa
  • Inicio
  • Actualidade
  • Xornadas
  • Publicacións
  • Videos
  • Contacto
  • Inicio
  • /
  • ACTUALIDADE
  • /

A UE non pode seguir sendo insensible ás mortes que traerá o glifosato. Debe prohibilo xa

26 Xuño, 2016 AGEe, Anova, canceríxeno, Comisión Europea, glifosato, herbicida, Lidia Senra, Parlamento Europeo
  • Lídia Senra critica que a Comisión Europea siga avogando por prorrogar o permiso de uso deste herbicida a pesar de non lograr o consenso dos Estados 
  • Bruxelas decidirá este luns as pautas a seguir, despois de catro intentos fallidos e tendo en conta que o 30 de xuño expira a autorización actual 
Tren ao seu paso polo Irixo, fumigando de xeito intensivo con glifosato
Tren ao seu paso polo Irixo, fumigando de xeito intensivo con glifosato

“A Unión Europea non pode seguir sendo insensible á dor, o sufrimento e a morte que pode provocar o glifosato, por iso este luns debe tomar a decisión de prohibir este herbicida xa”. Así o asegura Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), despois de que o pasado venres, e por cuarta vez consecutiva nas últimas semanas, a Comisión Europea non lograra reunir, desta volta na reunión do Comité de Apelación, a maioría necesaria de apoios dos Estados membros para aprobar a prórroga de permiso de uso deste herbicida, cuxa autorización vixente expira o vindeiro xoves, 30 de xuño. Ante a actual falta de consenso –só 19 países manteñen unha posición favorable á prórroga do glifosato-, este luns, 27 de xuño, está prevista unha nova reunión no Parlamento Europeo para decidir as pautas a seguir.

Lídia Senra critica que a pesar da falta de consenso, a Comisión Europea, en lugar de retirar a súa proposta e prohibir xa esta substancia cualificada no seu día pola Axencia Internacional para a Investigación sobre o Cancro (IARC), dependente da Organización Mundial da Saúde (OMS), como probablemente canceríxena para os seres humanos, continúe a defender unha moratoria que posibilite seguir utilizando glifosato “a costa da saúde das persoas”.  “A proposta defendida pola Comisión de conceder unha moratoria é unha manobra máis para dar tempo aos grupos de presión para seguir fabricando dúbidas e permitir que cale información favorable aos intereses das multinacionais do herbicida como se fora información científica. Ademais, é unha forma de violar o principio de precaución, cousa por outra parte bastante habitual na Comisión Europea e tamén nos grandes grupos presentes no Parlamento Europeo como son o Partido Popular Europeo ou os Socialistas&Demócratas, que salvo excepcións a nivel individual teñen apoiado no Parlamento Europeo a renovación da autorización do glifosato”, explicou.

Lídia Senra insiste nesta posición, máxime tendo en conta o elevado uso deste herbicida nas terras agrarias, cunetas, rotondas e parques galegos e a perigosidade que pode conlevar para a saúde. A eurodeputada leva meses pedíndolle ao Estado Español que vote en contra e non a favor, como está facendo, da prórroga do uso do perigoso glifosato, porque “coa saúde no se pode xogar”. “Dende AGEe  instamos ao Goberno español para que mude a súa postura e se posicione pública e claramente en contra da autorización do glifosato, facendo valer o principio de precaución fronte aos intereses de empresas como Monsanto”, principal comercializadora do glifosato e da industria dos transxénicos, recalcou.

A eurodeputada tamén insta ao Goberno galego para que deixe de actuar neste tema “de xeito tan frívolo”. “Non pode alegar o aforro de man de obra nos traballos de eliminación de herba como argumento para que se siga utilizando glifosato”, dixo, despois de que desde a Xunta de Galicia esta semana se defendese o uso do glifosato co argumento de que permite aforrar custos no erario público. “A  saúde non ten prezo, ten que ser prioritaria por enriba de todo, pero é que ademais tampouco é certo que se aforre nada, porque tratar as enfermidades asociadas ao glifosato, como é o cancro, ten enormes custos tamén para o erario público”, explicou Lídia Senra.

Este venres reuniuse o Comité de Apelación da Comisión Europea, formado por expertos dos 28 países membros, e na reunión, por cuarta vez no que vai de ano, non se logrou acadar o voto a favor da maioría de Estados membros necesaria para prorrogar o permiso de uso do glifosato. O 30 de xuño expira o permiso vixente e a Unión Europea debe tomar unha decisión antes desa data. Este luns, 27 de xuño, volverase reunir a Comisión Europea para deliberar sobre as pautas a seguir na toma de decisións sobre o herbicida. A súa pretensión é renovar entre 12 e 18 meses a licenza de uso, mentres a Axencia Europea de Substancias e Mesturas Químicas (ECHA) non presenta un informe ao respecto. Non obstante, se non se acadase unha decisión en firme e consensuada antes do próximo xoves 30 de xuño, en teoría todos os produtos que conteñan glifosato terían que ser retirados do mercado.

Máis alá da posición que se está a debater na Unión Europea, cada vez son máis os colectivos e institucións que se opoñen ao uso desta substancia. Decenas de concellos no Estado español decidiron nos últimos tempos establecer restricións ao uso do glifosato ou emprender accións para impulsar declaracións municipais contrarias ao uso deste herbicida, como xa pasou, aló menos, nos galegos de Ferrol, A Coruña, Santiago, Ames, Sada, Betanzos, Arzúa, Noia, Moraña, Poio, Marín, Vilaboa, Bueu, Cangas, Nigrán, Gondomar, Ponteareas, O Condado, Amoeiro, Ourense, Xinzo ou Baltar. No concello galego de Chantada, a plataforma cívica Non no noso nome leva semanas recollendo sinaturas para demandarlle ao Concello que non empregue “produtos químicos altamente contaminantes e prexudiciais para a saúde, como o glifosato, e para que actúe contra o emprego indiscriminado de produtos tóxicos na vía pública como o xofre en po”. Tamén desde a Federación Ecoloxista Galega se denunciou hai uns días, aportando material fotográfico incluso, que na rede ferroviaria galega se está a fumigar con este tipo de herbicida de xeito intenso.

anterior seguinte

Artigos relacionados

Lidia Senra no banco mais fedento do mundo con vistas ao vertedoiro de sogama

Lídia Senra: “Na Galiza urxe un modelo de xestión de residuos público 100%, descentralizado e baseado na redución, reciclaxe, reutilización e protección do medio ”

14 Maio, 2019
Comprobando o estado da contorna da Lanzada_2656x1494

Lídia Senra denuncia ante a CE a invasión de especies exóticas na Lanzada e as obras que danan as dunas

12 Abril, 2019
VdMRXGtM

Lídia Senra reclama na CE solucións para que unha muller poida acceder sen barreiras á súa casa en Abadín

9 Abril, 2019

Últimas novas

  • Lidia votando hoxe en San Miguel de Sarandon, Vedra
    Lídia Senra votou ás 10:30 no seu colexio electoral en Vedra, e anima a participar nunhas Europeas nas que todas as persoas nos xogamos moito 26 Maio, 2019
  • Lidia Senra comprando no mercado de teo
    Lídia Senra acude ao Mercado do Alimento Labrego na xornada de reflexión electoral para apoiar o comercio local, que é “con quen sempre estiven e estarei” 25 Maio, 2019
  • Vista xeral_2592x1460
    Lídia Senra pide o voto para seguir defendendo outros 5 anos os salarios dignos, o medio ambiente e a igualdade 24 Maio, 2019

Etiquetas

acordos comerciais actividades AGEe agricultura bruxelas Comisión Europea comité de emerxencia da Ría de Ferrol compromiso por europa contaminación crise agrícola europea crise de dereitos dereito a decidir dereitos humanos economía rural eleccions europeas emerxencia social En Marea estafa bancaria estafa financieira feminismo GUE/NGL leite liberalización liberalización comercial liberalización sector lácteo libre mercado Lidia Senra marisqueo mariñeiros mulleres OMC Organización Mundial do Comercio PAC Parlamento Europeo pensións pesca pesca artesanal pleno políticas públicas rural soberanía alimentaria sustentabilidade transxénicos UE Unión Europea

Calendario

Xullo 2025
M T W T F S S
« Mai    
 123456
78910111213
14151617181920
21222324252627
28293031  
Aviso legal

Este sitio web utiliza cookies para dar unha mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das cookies mencionadas e a aceptación da nosa política de cookies, faga clic na ligazón para obter máis información. .

ACEPTAR
Aviso de cookies