- Lídia Senra rexistra dúas preguntas para a CE sobre a ausencia de impacto ambiental do proxecto e a balsa de residuos industriais no río
- A eurodeputada atende as demandas veciñais de Lousame, das comunidades de montes e de colectivos da rede ContraMINAcción
Bruxelas, 9 xuño 2016. Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), ven de rexistrar dúas preguntas por escrito á Comisión Europea para que se pronuncie sobre a situación na que se atopa o proxecto mineiro de San Finx, no concello coruñés de Lousame, situado na comarca de Noia. Concretamente, a eurodeputada quere saber se o ente comunitario europeo vai iniciar accións ante o aparente incumprimento da lexislación europea por parte da empresa Tungsten San Finx, SL, tendo en conta que no 2015 reiniciou a exploración mineira na zona sen estudo de impacto ambiental. Senra tamén pregunta sobre o perigo potencial das balsas de residuos industriais que están situadas no río de San Finx derivadas da actividade extrativa realizada na zona na etapa anterior da mina.
Despois de reunirse con persoas afectadas e escoitar de primeira man as demandas da veciñanza da Lousame, das comunidades de montes e de colectivos integrados na rede ContraMINAcción, que levan anos denunciando publicamente supostas irregularidades que rodean o proxecto mineiro de San Finx, Lídia Senra decidiu tomar a iniciativa e facer que estas denuncias se escoiten tamén no Parlamento Europeo.
As Minas de San Finx comezaron a súa actividade de extración de tungsteno e estaño no ano 1897, realizando o tratamento dos minerais ao pé do río do mesmo nome ata 1990, cando se paralizou a actividade. Durante case un século, acumuláronse materiais, incluíndo metais pesados, nunha enorme balsa represa que acabou ocupando máis de 2 hectáreas do val fluvial. As comportas da represa rebentaron na década dos 50 inundando as zonas da ribeira con lodos mineiros. A día de hoxe, a represa continúa alí e os materiais que nela se acumulan representan un risco potencial enorme, xa que de romper esa balsa, os lodos irían dar directamente á ría de Noia, afectando á pesca, marisqueo e contorna natural.
Despois de case dúas décadas de inactividade, no 2008 retomouse en Lousame a extración de tungteno e estaño da Mina de San Finx. O novo proxecto mineiro presentado e aprobado pola Administración non incluía estudo de impacto ambiental nin proceso de información público como esixen as Directivas 2011/92/UE, 2001/42/CE, 97/11/CE e 84/337/CEE. No ano 2015, a empresa Tungsten San Finx S.L, ligada ás filiais mineiras do Grupo Sacyr Valoriza Minería S.L. e European Tungsten Company S. L., reiniciou a exploración da zona subrogándose ao proxecto aprobado no 2008 que, segundo denuncian os colectivos afectados, carece de estudo de impacto ambiental e ademais a empresa tamén declinou calquera tipo de responsabilidade sobre a citada represa no río.
Ante esta preocupante situación, a eurodeputada pregúntalle á Comisión Europea se vai solicitar informes en relación ao abandono desta instalación mineira e da perigosa balsa, feito que podería estar supoñendo unha violación da Directiva 2006/21/CE relativa á xestión dos residuos de industriais extractivas.
Lídia Senra tamén lle pregunta á CE se considerando os riscos inherentes ao proceso de tratamento do estaño e tungsteno, asociado neste caso ao arsenio e outros metais pesados e sulfuros, así como a disposición das balsas de residuos e planta de tratamento ao pe dun río, non vai iniciar accións para porlle fin a esa ausencia de estudio de impacto ambiental no que está a día de hoxe ese proxecto.
Se ben estas dúas foron as preguntas que polo de agora rexistrou a eurodeputada de AGEe no Parlamento Europeo, a súa idea é continuar a pescudar o que hai realmente detrás deste proxecto mineiro e realizar nun futuro próximo unha terceira pregunta que tería que ver cun posible caso de financiamento de minaría especulativa en San Finx.
Segundo datos dos colectivos afectados, entre o 2008 e o 2013, unha empresa recibiu 1,9 millóns en subsidios públicos para reactivar a extracción de tungsteno na Mina de San Finx, entrando en insolvencia nese último ano e sendo liquidada en 2014. Os seus activos pasaron á empresa Tungsten San Finx, S.L, en cuxos consellos continúan responsables da empresa liquidada. Lídia Senra quere indagar, preguntándolle á Comisión Europea, se lle consta que algunha das empresas referidas teña solicitado fondos europeos para proxectos mineiros e se poden solicitalos sen o cumprimento rigoroso da normativa ambiental e de residuos.