- Solicita tamén ao Comité Europeo para a Prevención da Tortura que inclúa o penal galego na visita que realizará ao Estado español este ano
- A eurodeputada toma como base o informe realizado por Esculca que detalla as denuncias presentadas por persoas presas nos últimos anos
Bruxelas, 6 xuño 2016. Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), ven de rexistrar unha pregunta por escrito á Comisión Europea para que se pronuncie ao respecto da vulneración de dereitos humanos fundamentais que se está a dar no cárcere de Teixeiro por parte do persoal funcionario e da propia Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias do Ministerio do Interior.
Tomando como base o informe realizado por Esculca, Observatorio para a Defensa dos Dereitos e Liberdades, as denuncias rexistradas por persoas presas neste penal e noticias aparecidas nos medios de comunicación nos últimos anos ao respecto de mortes, golpes, atención sanitaria deficiente, condicións das celdas, ausencia de actividades en algúns módulos, etc, a eurodeputada decidiu levar este tema ante as autoridades da Unión Europea e facer que estas se manifesten e sintan o deber de tomar medidas.
Na pregunta rexistrada á Comisión Europea, Lídia Senra fai referencia ás continuas denuncias presentadas por presas e presos do Centro Penitenciario de Teixeiro sobre casos que, segundo a definición da Organización de Nacións Unidas (ONU), estarían encadrados dentro da categoría de tortura, ou contra a integridade moral, rigor desnecesario e lesións por parte do persoal funcionario dese penal.
Tendo en conta que na Resolución de 15 de decembro de 2011 sobre as condicións de privación de liberdade na Unión Europea (2011/2897 RSP), o Parlamento Europeo destacaba a importancia de garantir o respecto dos dereitos fundamentais e lle facía unha serie de observacións á Comisión Europea para que supervise a situación relativa ás condicións de privación de liberdade na UE, Lídia Senra pregúntalle a este organismo “que medidas pensa tomar” para garantir que casos como os denunciados de forma periódica no cárcere de Teixeiro non sigan acontecendo.
Igualmente, a eurodeputada de AGE enviou unha carta ao Comité Europeo para a Prevención da Tortura e das Penas ou Tratos Inhumanos ou Degradantes (CPT) para chamar a súa atención sobre a grave situación que recolle o informe de Esculca e que dá conta do que se vive no macro-cárcere galego de Teixeiro. Na misiva, Lídia Senra pídelle ao CPT que inclúa esta prisión na axenda da visita que o Comité Europeo ten previsto realizar ao Estado español este ano para coñecer de primeira man a situación na que se atopa este centro e as súas reclusas e reclusos.
Ademais destas iniciativas xa presentadas, Senra ten previsto nos vindeiros días solicitarlle por escrito á Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias unha autorización para poder visitar ela mesma como eurodeputada o Centro Penitenciario de Teixeiro e así poder ver as instalacións e as condicións nas que están as persoas internas. Tendo en conta que na resolución citada de 2011 o Parlamento Europeo opinaba que “deberían tomarse medidas a nivel da UE para que se garanta” ás deputadas e deputados nacionais o dereito de visitar prisións e que “se conceda idéntico dereito” ás deputadas e deputados ao Parlamento Europeo dentro do territorio da UE, Senra considera que non hai motivo para que o Ministerio do Interior impida, tal e como pasou nos últimos anos, visitas a representantes políticos.