- Lídia Senra inaugura a xornada “A problemática da contaminación no medio mariño nas pescas e o marisqueo da UE”
- A eurodeputada critica a “desfachatez” das Administracións á hora de incumprir normativas e leis para beneficiar ás grandes empresas
Ferrol, 4 xuño 2016. Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), foi este sábado a encargada de abrir en Ferrol a xornada “A problemática da contaminación do medio mariño nas pescas e o marisqueo da UE”, un evento organizado polo propio GUE/NGL e AGEe e que durante todo o día reúne no Centro Cultural Carvalho Calero (Ferrol) a representantes do sector da Galiza e do Estado español, así como persoas expertas na materia.
A eurodeputada aproveitou a súa intervención inicial para denunciar a “desfachatez” coa que as diferentes Administracións saltan leis e normativas en materia ambiental para beneficio das grandes empresas. Un dos últimos casos máis claro: o de Reganosa, na propia Ría de Ferrol. Senra enmarcou esta xornada no ciclo de eventos deste tipo que desde o 2014 organiza AGEe co obxectivo de ser punto de encontro e de debate nos diferentes ámbitos nos que a organización política está a traballar no Parlamento Europeo, para coñecerse, poñer en común loitas e poder defendelas na institución comunitaria.
Na inauguración da xornada tamén interveu a actual concelleira de Medio Ambiente de Ferrol, María Esther Leira, quen afirmou que foi “o desleixo das Administracións o que trouxo os problemas derivados do saneamento moi tardío da Ría de Ferrol”. Leira defendeu que só haberá unha saída razoábel para salvar a pesca e o marisqueo da zona “se se lle pon freo á locomotora de acumulación do capital”. “Para iso estamos as e os responsábeis políticas/os e pedímosvos á sociedade que nos esixades que así o fagamos”, exclamou.
Na primeira mesa programada dentro da xornada, pola mañá, baixo o título “Radiografía xeral da situación medioambiental do noso mar”, tomaron a palabra Guillermo Díaz Agras, Xefe da Estación de Bioloxía Mariña da Graña; José Luis Rodríguez, Presidente da Asociación de Armadores de Artes Menores de Galicia (Asoar-Armega); e Isabel Maroño, Patroa Maior da Confraría de Ferrol.
Díaz Agras, que fixo un repaso polo excepcional patrimonio natural que existe na Galiza e nomeadamente na comarca de Ferrolterra, puxo a énfase da súa intervención en criticar a construción do porto exterior de Ferrol, que provocou o corte de renovación da auga da ría. “As Administracións están levando a cabo actuacións sen consenso ambiental que están afogando as rías galegas”, dixo. Neste sentido, aportou o dato de que a construción do porto exterior acabou con 16 especies naturais protexidas ou en perigo de extinción, e que a de Ferrol, xunto coa Ría do Burgo, na Coruña, “bate marcas mundiais en cantidade de metais pesados”. Para facerlle fronte a esta situación, o Xefe da Estación de Bioloxía Mariña da Graña apostou por ensinarlle ás nenas e nenos a realidade desde as escolas, para que se poida tomar conciencia do problema da contaminación desde a infancia.
Na súa quenda de intervención, José Luis Rodríguez tamén atacou a “nefasta xestión política e desinterese con respecto ao litoral” que amosan a maioría das Administracións. “Sobra lexislación e sobran normativas para que se poidan aplicar medidas que protexan o medio. O problema é que son as propias Administracións quen as incumpren. Son elas, non os pescadores nin a cidadanía”, asegurou. O presidente de Asoar-Armega chamou a sancionar a quen incumpre a Lei: “Non se pode compensar a quen está contaminando impunemente e que salta a normativa como lle ven en gana”, dixo en referencia a grandes empresas. “É urxente e necesario cambiar o sistema de xestión ambiental xa”. Rodríguez lembrou o intento da Xunta de Galiza de “colar pola porta de atrás” o anteproxecto de Lei de Acuicultura intensiva, que suporía, dixo, “un auténtico destrozo ecolóxico, biolóxico, social e ambiental”.
Pola súa banda, Isabel Maroño, aportou algunhas cifras claves que demostran que a Ría de Ferrol “está morrendo a pasos”. No ano 2005 extraéronse máis de 250.000 quilos de marisco na ría de Ferrol; no ano 2015, foron 160.000 quilos. Se traducimos esta cifra en cantidade económica, a diferenza é de máis dun millón de euros menos. “A Consellería dinos, sen embargo, que este último ano foi fabuloso. Igual para eles non é nada esta diferenza, pero para a Confraría é demasiada cantidade de diñeiro”, explicou. A patroa maior pediu ás representantes políticas presentes na xornada que “non nos deixen na estacada e que leven as nosas peticións aos organismos nos que teñen presenza para que a Ría volva ser rica como era antigamente”.
A xornada continuará até as 19.30hrs. Tras a finalización da segunda mesa da mañá –A contaminación das rías galegas e as actuacións das institucións da UE-, a quenda de tarde dará comezo ás 16.00hrs. afondando na temática A economía azul no contexto da política da Unión Europea e mundial e a súa repercusión para o sector pesqueiro na Galiza. Concluiremos este encontro a través dunha mesa final de carácter esencialemente propositivo baixo o título Facendo fronte á contaminación mariña para preservar os recursos pesqueiros. Algunhas experiencias dende o Estado español.