- Até as 23.30hrs. de hoxe, e mañá entre as 08.30 e as 13.30hrs. desenvólvese a sesión plenaria do Parlamento Europeo en Bruxelas
- Adiantamos declaracións da eurodeputada de AGEe esta noite na quenda libre de turno de palabra para denunciar a estafa da débeda
Hoxe de 15.00hrs. a 23.00hrs., e mañá dende as 08.30 e até as 13.30hrs., o Parlamento Europeo está en sesión plenaria en Bruxelas [ORDE DO DIA e SEGUIMENTO EN DIRECTO].
Esta noite, durante a quenda de intervención libre dun minuto de duración, a eurodeputada de AGE, Lídia Senra, refirirase á crise da débeda no Estado español -que a día de hoxe supera o 100% do Produto Interior Bruto (PIB)-, identificándoa como “o eixe central das reformas antisociais realizadas polos Gobernos nos últimos anos”.
As clases populares estanse a ver abafadas nunha situación na que teñen máis gastos que ingresos, situación que se explica atendendo, por unha banda, á débeda pública e, por outra, ás “políticas neoliberais que nestes últimos anos levaron á deslocalización da produción, á eliminación de postos de traballo, á privatización de empresas públicas e a políticas fiscais regresivas que fan que o Estado ingrese menos”. No ano 2013 o 25% do orzamento do Estado foise para pagar os xuros da débeda.
Durante a súa intervención Senra lembrará que “a pobreza, o desemprego, a precarización laboral e das pensións e a exclusión social non deixan de aumentar”. Na Galiza, seis de cada dez fogares teñen dificultades para chegar a fin de mes, e un terzo da nosa mocidade vive en risco de pobreza ou exclusión social.
Nestes días soubemos que o presidente da Comisión Europea, o conservador Jean Claude Juncker, cómprice necesario na evasión de impostos a través de Luxemburgo cando era Primeiro Ministro, “ten a desfachatez de pedir un novo axuste fiscal de máis de 8.000millóns de euros e ameaza con multa de 2.200 millóns”, é dicir, o 0.2% do PIB; “iso si, despois das eleccións no Estado, para podelo empregar como arma política contra a cidadanía no caso de que os resultados non lles gusten”.
“Sras. deputadas/os, Sr. Juncker, os pobos do Sul esiximos que deixen de enganarnos”, reivindicará Senra en alusión á carta de Rajoy a Juncker filtrada recentemente, unha misiva que para a eurodeputada galega constitúe “unha burla e un engano ás persoas que o próximo día 26 están chamadas a votar no Estado Español”.
“Nas seguintes eleccións agardamos a chegada dun Goberno de esquerdas que poña fin á chantaxe e ao negocio duns poucos negándose a pagar a débeda polo que ten de ilexítima, ilegal e oidosa”, concluirá.
Para analizar a actual situación económica e debullar propostas de resposta, o pasado sábado 21 de maio o grupo parlamentario da Esquerda Verde Nórdica-Esquerda Unitaria Europea (GUE/NGL), do que AGEe fai parte, desenvolveu en Compostela a xornada “Débeda pública. O impacto do memorando da Unión Europea”.