- Lídia Senra defende que as forzas de esquerda deben tomar valentía, buscar solucións e oporse a que os Estados paguen a débeda
- Un cento de persoas participan na xornada organizada polo GUE/NGL en Santiago sobre o impacto das imposicións europeas
Santiago, 21 maio 2016. Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), asegurou onte que a chamada débeda pública, que, segundo os datos difundidos esta semana polo Banco de España, superou xa no Estado español o 100% do Produto Interior Bruto (PIB), é “unha estafa, un negocio para unhas poucas persoas e un elemento de chantaxe para os pobos e para manter de xeonllos ás clases populares”. Lídia Senra realizou estas afirmacións durante a xornada “Débeda pública. O impacto do memorando da Unión Europea”, organizada este sábado na Facultade de Filosofía de Santiago polo propio GUE/NGL e AGEe e na que participaron ao redor dun cento de persoas.
A eurodeputada realizou un chamamento ás forzas políticas de esquerda para “coller valentía, buscar solucións e facer pedagoxía” na sociedade de cara a que a poboación coñeza que estamos ante uns datos “alarmantes” sobre os que hai que reflexionar, xa que no 2015 a débeda do Estado español estaba en máis de 23.000 euros por persoa. A Comisión Europea esta semana xa advertiu de que se deberán realizar máis axustes e tamén reducir o déficit en 8.100 millóns de euros.
Senra cualificou de “ilexítima” a débeda e defendeu unha oposición ao seu pagamento por parte dos Estados e das clases populares. “Non é lexítimo nin ético que unha débeda provocada na súa inmensa maioría en orixe pola banca e as grandes empresas multinacionais se traspase ao conxunto da cidadanía e sexa utilizada para facer negocio”, exclamou. Por iso, chamou a “plantarse”, non pagar esta débeda ilexítima e desenvolver políticas a favor da maioría da poboación, non da minoría.
Lídia Senra foi a encargada de inaugurar a xornada, xunto co portavoz de AGE no Parlamento galego, Xosé Manuel Beiras, quen alertou, pola súa banda, de que a débeda é un exemplo máis da “deriva fascistizante” ante a que nos atopamos. Beiras asegurou que o poder conseguiu “acostumar á sociedade a asumir falsidades como se foran verdades” a través dun “continuo proceso de perversión”. Así, fronte ao nome de “débeda pública”, puxo a énfase en que “a orixe da débeda non é pública, senón privada”. “Non é unha débeda que contraese o Estado para atender á maioría da cidadanía”, explicou, senón para atender ás entidades financeiras. Por iso, defendeu, igual de Lídia Senra, que “non temos motivo para ter que pagar unha débeda así, que non é soberana”. “Temos que salvar á cidadanía, non ás entidades que provocaron a débeda”, engadiu, e por iso animou a levar a cabo un “combate a fondo, non a medias”, zanxou.
Na xornada participou a economista e responsable de Organización de Anova, Esther Duro, que aportou algúns datos ao respecto da débeda na Galiza. Duro tachou a débeda de “ferramenta de extorsión á soberanía dos Estados” e de “ferramenta de fomento da servidume, na medida en que somete á maioría social á vontade dos novos señores feudais, reencarnados hoxe na elite financeira que goberna o mundo”.
Duro explicou que cando Alberto Núñez Feijóo acadou a presidencia da Xunta, no 2009, a débeda pública galega era de 3.923 millóns de euros e representaba o 6,7% do PIB galego. Tras algo máis de 7 anos de goberno do PP, a débeda acadou os 10.375 millóns de euros, un 18,6% do PIB galego. A economista afirmou que o incremento da débeda ten un impacto importante no orzamento anual galego e que o seu crecemento descontrolado trasládase en forma dunha maior carga financeira polos xuros que se amortizan con cada vencemento. Neste sentido, no ano 2015 os xuros que pagou a Xunta ás entidades financeiras foron de 336 millóns de euros, partida que acada valores máximos cada ano que pasa. “A débeda é o xugo para garantir a supervivencia do capitalismo”, afirmou Esther Duro, quen defendeu, igual que Lídia, valentía por parte das forzas políticas de esquerda para esixir a cancelación da débeda. “Temos que reclamar unha auditoría pública da débeda e solicitar a súa cancelación. Non é unha débeda soberana e polo tanto non debe de valernos unha simple reestruturación ou reconversión”, concluiu.
No mesmo sentido, Iolanda Fresnillo, membro da Plataforma Auditoría Cidadá da Débeda, criticou que se estea a usar a débeda como “ferramenta de medo e ameaza” por parte dos “estados financeiros, que secuestraron a soberanía”. “A débeda é un negocio polo cal estamos pagando uns intereses que son os que realmente están rescatando á banca contra os dereitos sociais, ambientais, políticos e económicos da maioría”, denunciou. Fresnillo fixo fincapé na necesidade dunha resposta global e de auditorías para acumular argumentos compartidos coa poboación a favor do impago.
O membro da Plataforma Saír do Euro, Joan Tafalla, expuxo que resolver o problema da débeda non será posible sen recuperar a soberanía económica e política dos pobos do Estado español. “Por que motivo se deben aceptar as chantaxes da banca en forma de intereses brutais da débeda?”, preguntou, para facer un chamamento a non ter medo ao déficit e a recorrer ao Banco da República Confederal Española futura. “Todo vai depender de que sigamos acatando a servidume ou decidimos emanciparnos”, dixo.
Na última parte da mañá interviu o fundador e portavoz da rede internacional do Comité para a Anulación da Débeda do Terceiro Mundo, Éric Toussaint, quen definiu a débeda ilexítima como aquela débeda contratada a favor dunha minoría privilexiada; e a débeda insostible como aquela que impide aos gobernos garantir os dereitos fundamentais da cidadanía.