- Debate en sesión plenaria do PE sobre a trazabilidade dos produtos da pesca e acuicultura no sector da restauración e do comercio minorista
- Un estudo da ONG OCEANA alerta de que 1 de cada 3 peixes servidos en Bruxelas non se corresponden ca especie sinalada na etiquetaxe
Estrasburgo, 10 Maio 2016. Onte deu comezo a sesión plenaria do Parlamento Europeo en Estrasburgo [ORDE DO DÍA] que terá lugar até o vindeiro xoves. Entre os temas a debater, abordouse a primeira hora da noite a polémica suscitada polas deficiencias no etiquetado do peixe, constatadas recentemente de xeito paradigmático precisamente no “corazón lexislativo” da UE: Bruxelas.
O debate deu inicio a través dunha pregunta oral rexistrada polo Presidente da Comisión de Pesca do Parlamento, Alain Cadec, na que pon sobre a mesa os resultados do estudo realizado pola ONG OCEANA[1] a través do cal averiguouse que o 31.8% das 280 mostras analizadas non se correspondían co indicado na etiqueta.
A eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa, Lídia Senra -que xa se pronunciara públicamente sobre este caso concreto-, interveu para sinalar o feito de que estas conclusións, moi posíbelmente extrapolábeis a máis cidades europeas, “poñen de manifesto a frecuente connivencia da Comisión Europea con intereses contrarios aos dereitos das consumidoras e consumidores”. Fronte a esta situación, Senra insta á Comisión a “actuar con contundencia”, e lembroulle que “o etiquetado incorrecto intencional e fraudulento de especies de peixes é unha violación do regulamento da UE, incluída a Política Pesqueira Común”.
Dende AGEe reiteramos que é realmente urxente garantir un etiquetado do peixe “claro, transparente, fiábel e comprensíbel, incluíndo o país de procedencia, tanto no mercado de fresco, como nos restaurantes ou nas conservas e transformados”.
Cómpre rematar xa ca confusión que causan os actuais requisitos de identificación, “mediante os cales as capturas de Galiza, por exemplo, etiquétanse como procedentes de augas portuguesas, ou que as capturas da Bretaña se etiqueten como procedentes do Golfo de Bizkaia”, exemplificou a eurodeputada galega.
Tamén é necesario actuar contundentemente para evitar co engano ás consumidoras/es que supón que marcas de conservas asociadas a un territorio, poidan envasar produtos pesqueiros procedentes doutros lugares sen indicar a orixe, “como veu sucedendo por exemplo co mexillón na Galiza”, lembrou Senra.
A día de hoxe, tódalas persoas temos unha significativa responsabilidade e capacidade de acción como consumidoras, xa que en función de a quen ou que merquemos, estaremos apoiando distintos modelos produtivos, é dicir, máis ou menos respectuosos co medioambiente, máis ou menos respectuosos cas condicións laborais das traballadoras/es… por iso é necesario “ter garantido o dereito a decidir que tipo de economías queremos apoiar”, porque “hoxe, máis que nunca, mercar é un acto político”, aseverou Lídia Senra.
[1]Estudo completo: http://eu.oceana.org/sites/default/files/421/oceana_factsheet_seafood_fraud_brussels_eng.pdf
Intervención en sesión plenaria.