- “O peor da condición humana apoderouse das institucións europeas”, denunciou no hemiciclo Lídia Senra ao respecto do acordo UE-Turquía
- AGEe demandou o emprego de tódolos recursos posíbeis para “por fin á Europa neoliberal” e “a todo o sufrimento que está a causar”
Bruxelas, 28 Abril 2016. Durante a segunda xornada da sesión plenaria do Parlamento Europeo que está a ter lugar hoxe [ORDE DO DÍA], abordouse a primeira hora da mañá, en presenza do Consello e a Comisión Europea, os aspectos xurídicos, o “control democrático” e a aplicación do vergoñento acordo establecido entre a UE e Turquía para xustificar a través dun marco legal a flagrante vulneración de dereitos humanos que supón este indignante pacto.
A eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda, Lídia Senra, subliñou hoxe na Eurocámara que este pacto, “así como o maltrato e a humillación ca que se está a recibir ás persoas demandantes de asilo”, pon de manifesto “un novo prisma”, como sinalou o representante do Consello Klaas Dijkhoff no debate, mais un novo prisma que reflicte o feito de que “o peor da condición humana apoderouse das institucións europeas”. Senra tamén coincidiu con Klaas en que este acordo “non ten precedentes”, porque, matizou a eurodeputada galega, “nunca antes a Comisión e o Consello tiñan dado tanto aval a políticas contrarias aos dereitos humanos, violentas e ilegais contra as persoas que buscan asilo”.
“Pídolles que deixen de ser os sicarios do Capital, que poñan fin aos conflitos que vostedes mesmos provocan, alentan ou apoian para defender os intereses das transnacionais e que son a causa desta grave situación”, recriminou a eurodeputada galega. “Poñan fin a esta Europa neoliberal, recuperen a democracia e os valores de solidariedade e respecto aos dereitos humanos”, esixíu.
Fronte ao vergoñento espectáculo de legalización da vulneración dun dereito básico como é o de asilo[1], así recollido na Declaración Universal de Dereitos Humanos, Lídia Senra esixiu ao Parlamento Europeo “empregar todos os recursos para por fin a esta vergoña e a todo o sufrimento que está a causar”.
[1]Manual de lexislación europea sobre asilo, fronteiras e migración: http://fra.europa.eu/sites/default/files/handbook-law-asylum-migration-borders-2nded-0_pt.pdf