- No marco do X aniversario do Grupo de Amizade co País Vasco presentáronse esta mañá as conclusións do informe sobre DDHH en EH
- Arnaldo Otegi, presente no evento, mantivo posteriormente un encontro cas eurodeputadas Lídia Senra, Gabi Zimmer e Malin Björk
Bruxelas, 26 Abril 2016. A eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa, Lídia Senra, participou esta mañá na presentación das conclusións dun informe sobre dereitos humanos realizado no País Vasco[1]. Dito documento foi elaborado a partir das informacións e testemuñas obtidas por unha delegación[2] do Parlamento Europeo integrada por sete eurodeputadas/os pertencentes a tres grupos políticos distintos[3] -entre as que se atopaba a propia Lídia Senra-, que se desprazaron a Euskal Herria (EH) no mes de febreiro.
A recollida de información levada adiante por esta delegación parlamentaria respostou a catro cuestións de interese principal para as eurodeputadas/os: a aplicación de políticas de dispersión, a atención ineficiente a persoas presas gravemente enfermas, as restricións á aplicación da liberdade condicional en Francia e o incumprimento da Decisión marco 2008/675 / JAI do Consello (24 de xullo de 2008).
As conclusións deste informe, indicou Senra, “articúlase en torno á premisa de que respectar os dereitos humanos das presas/os políticas/os vascas/ non e contrario ao respecto dos dereitos humanos das vítimas de ETA”, un punto de partida que semella sinxelo, mais que “á vista das informacións que obtivemos durante as entrevistas mantidas en febreiro, a día de hoxe inda segue sendo necesario reivindicar que os dereitos humanos son universais e que deben ser garantidos en tódolos casos”.
Por outra banda, proseguiu, “sabemos por outras experiencias, como por exemplo a irlandesa, que tiven a posibilidade de coñecela de perto o ano pasado, que os presos e presas son sempre unha parte imprescindíbel na resolución deste tipo de conflitos; se non se quere pechar en falso, precísase a implicación de tódalas partes”, polo que inda resulta máis importante “avanzar en vías que poderían ir dando pasos adiante nesta situación, como sería o achegamento das persoas presas”.
Tras a presentación deste informe, e no marco da conmemoración do X aniversario do Grupo de Amizade co País Vasco no Parlamento Europeo, o líder da esquerda abertzale Arnaldo Otegi, impulsou o relanzamento do manifesto internacional Freedom for Arnaldo Otegi. Bring Basque Prisoners Home[4].
Antes de dar inicio a esta presentación, tivo lugar un minuto de silencio para lembrar o 79 aniversario do bombardeo de Gernika, unha emotiva lembranza realizada por todas as persoas asistentes ao evento e que “é tamén para lembrar a todas as vítimas do conflito vasco”, sinalou Otegi antes de comezar a súa intervención.
Xuntanza con eurodeputadas
A eurodeputada galega, xunto ca Presidenta do Grupo da Esquerda Verde Nórdica-Esquerda Unitaria Europea (GUE/NGL), Gabi Zimmer, e a eurodeputada sueca Malin Björk, integrantes todas elas do Grupo de Amizade co País Vasco, mantiveron posteriormente unha xuntanza Arnaldo Otegi.
Durante este encontro as deputadas compartiron co político vasco as impresións xurdidas da súa viaxe a Euskal Herria, poñendo sobre a mesa tamén “a sorpresa de que a impresión maioritaria fora que dende o abandono das armas o proceso de paz está en certa maneira estancado, en lugar de apoiarse neste contexto para avanzar”, expuxo a eurodeputada de AGEe.
O líder abertzale fixo fincapé nas dificultades que están a atopar no proceso, pero recalcou que “a paz é unha opción que non ten estratexia alternativa” e reivindicou “a importancia das respostas colectivas para poder gañar as batallas”.
[1]Ver [NdP120216AGEe] Lídia Senra participará nunha delegación do PE a Euskal Herria para obter información sobre DDHH e [NdP280116AGEe] Delegación do Parlamento Europeo ao País Vasco. Dereitos Humanos.
[2]A Presidenta do Grupo da Esquerda Verde Nórdica-Esquerda Unitaria Europea (GUE/NGL), Gabi Zimmer (Die Linke); o Vicepresidente do Grupo Verdes/Alianza Libre Europea (Verdes-ALE), Josep-Maria Terricabras (Esquerra Republicana de Catalunya, ERC); e as eurodeputadas/os Lídia Serna (Alternativa Galega de Esquerda en Europa), Martina Anderson (Sinn Féin), Malin Björk (Vänsterpartiet), Tatjana Ždanoka (Latvijas Krievu Savienība) e Mark Demesmaeker (Nieuw-Vlaamse Alliantie, N-VA).