- O GUE/NGL e AGEe desenvolverán mañá, 16 de abril, unha xornada de debate aberto a prol de medidas que permitan unha montaña “viva”
- Introdución ás medidas de protección, así como a aplicación práctica na Galiza e a nivel da UE e a difusión de experiencias, puntos principais
Bruxelas, 15 Abril 2016. Dende as 10.30 e até as 19.30hrs. de mañá, sábado 16 de abril, o Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), do que Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe) forma parte no Parlamento Europeo, desenvolverá a través de AGEe a xornada aberta “As figuras de protección medioambiental da Unión Europea en zonas de montaña”[1], que terá lugar na Casa da Cultura da Pobra de Trives -Auditorio Julio Vázquez- (Ourense).
Este espazo aberto de encontro e debate celebrarase a iniciativa da eurodeputada de AGEe, Lídia Senra, quen destacou a importancia de “reivindicar dende todas as institucións proxectos que permitan a protección da montaña como lugar de conservación da biodiversidade”. “Queremos desenvolver todo o potencial que hai na montaña, dentro das figuras de protección medioambiental”, explicou ao tempo que reivindicou a necesidade de “vontade política” para que este potencial sexa impulsado con medidas específicas.
Co obxectivo de poñer en valor as figuras de protección, analizalas e debater sobre elas como unha vía máis para contribuír a manter a montaña viva, estas xornadas estarán estruturadas en torno a catro mesas de debate.
Tras a APERTURA DA XORNADA (10.30hrs.) a cargo de Lídia Senra, o alcalde de Manzaneda, Davide Rodríguez, introducirá e moderará a primeira mesa de debate, na que Guzmán Ouro Vilariño -traballador da Consellaría de Medio Ambiente da Xunta de Galicia- achegará unha INTRODUCIÓN ÁS FIGURAS DE PROTECCIÓN MEDIOAMBIENTAL (11:00hrs.).
O deputado de AGE no Parlamento Galego, Antón Sánchez, introducirá e moderará o segundo panel, adicado á APLICACIÓN PRÁCTICA DAS MEDIDAS DE PROTECCIÓN MEDIOAMBIENTAL NA GALIZA (12.30hrs.). A Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), Isabel Vilalba; o traballador da Consellaría de Medio Rural, Víctor Andrés Álvarez Arias e o traballador forestal da Consellaría de Medio Rural e membro do Consello Forestal de Galiza en representación de grupos ambientalistas, Xosé Santos Otero, serán as persoas encargadas de debullar esta análise.
A quenda da tarde ampliará a visión práctica introducida na última mesa da mañá abordando EXPERIENCIAS DE ACTIVIDADES PRODUTIVAS EN ZONAS DE PROTECCIÓN AMBIENTAL (16.00hrs.) a través de Neves Fernández, labrega e pastora de ovellas galegas e ecolóxicas -explotación O Pico das Bouzas, Viana do Bolo- e Manuel García, labrego activista ecoloxista membro de Labregos Daiquí Sociedade Cooperativa Galega. Vanessa Garrido, membro de ANOVA na montaña luguesa, conducirá esta mesa de experiencias.
Na perspectiva de seguir afondando na aplicación das figuras medioambientais na práctica, ampliando a súa contextualización, o deputado de En Marea no Parlamento do Estado español, Miguel Ánxo Fernán-Vello, moderará o debate da MESA DE EXPERIENCIAS DE ZONAS DE PROTECCIÓN EN DISTINTOS ESPAZOS DA UNIÓN EUROPEA (18.00hrs.), que correrá a cargo do Alcalde de Somiedo e Presidente da Rede Asturiana de Desenvolvemento Rural, Belarmino Fernández Fervienza.
Reivindicando o valor das zonas de montaña e alta montaña
A xornada que terá lugar mañá non é a primeira que o GUE/NGL organiza sobre esta temática no País a través de AGEe. Baixo o título “As áreas de alta montaña na Unión Europea: Unha perspectiva dende a esquerda”, en febreiro de 2015 púxose sobre a mesa en Becerreá a necesidade de impulsar unha Lei Galega de Alta Montaña e normativas dentro da Unión Europea acompañadas de partidas orzamentarias.
Cara finais dese mesmo ano, no mes de outubro, unha delegación integrada por once persoas residentes en zonas de montaña da Galiza acudiron ao Parlamento Europeo a iniciativa de Senra, onde mantiveron contactos con Dermot Ryan, representante da Dirección Xeral de Agricultura da Comisión Europea, e ca eurodeputada Mercedes Bresso, presidenta do Intergrupo Parlamentario de Áreas Rurais, Montañosas e Remotas, no que a AGEe está inscrita.