- Denunciaron que nin Comisión Europea nin Estados están aplicando as novas metodoloxías de avaliación de risco tóxico dos pesticidas
- Esixiuse unha implicación institucional contundente e solicitouse a posta en marcha de axudas económicas para os sectores afectados
Bruxelas, 03 Marzo 2016. A quenda de tarde da xornada “Afrontando retos para a supervivencia das abellas en Europa“, que está a ter lugar hoxe no Parlamento Europeo (PE) en Bruxelas a iniciativa da europarlamentaria de AGEe Lídia Senra tras ter mantido distintas xuntanzas ca Asociación Galega de Apicultura (AGA), estivo orientada a analizar outra das principais ameazas para as abellas: o impacto dos pesticidas neonicotinoides.
Senra, encarregada de moderar as mesas da tarde, fixo unha pequena introducción destacando que xa nos anos 90, nos que se comezou a conformar un movemento coordenado das labregas e labregos en Europa, “había unha grande preocupación en Francia polo descenso do número de abellas, nomeadamente pola presenza de pesticidas”.
Etienne Bruneau, da organización belga de apicultores CARI, continuando con esta idea, relatou cómo na década dos noventa do século XX os apicultores e apicultoras franceses comezaron a percibir o descenso do número de abellas e, ao cabo duns anos, “decatándose de que era algo que estaba acontecendo na súa zona”, polo que “atoparon unha caracterísitca común: todos mudaran o tipo de sementes de xirasol”, optando por unha do xigante agrofarmacéutico Bayer, recubertas de pesticidas neonicotinoides. Diante desta situación, procuraron asesoramento científico, mais afirmáronlle que non estaba relacionado. Como o problema continuaba, no ano 1997 creouse unha coordenación de apicultores e apicultoras franceses para aclarar este aspecto. No 1998 “en Bélxica comezou a pasar o mesmo, os mesmos síntomas”. “A industria dicía nun prinicipio que era só un problema de países francófonos”, sinalou con sarcasmo, “se as abellas morren é porque se fala francés, parecía que nos decían; tratáronnos como paiasos”. Foi entón cando comezaron a convocarse grandes manifestacións e incrementouse a cobertura en medios de comunicación. Fíxéronse estudos científicos, e inda que non houbo resultados até 2003, á vista dos mesmos decidiuse suspender en tres departamentos franceses o emprego deste tipo de sementes de xirasol. O problema foi que se substituíu por outro neonicotinoide igual de negativo. No ano 2000, “de Francia e Bélxica o problema exténdese tamén a Italia, e entón o problema foi o millo”. Foi moi difícil visibilizalo porque as abellas non acoden ao millo a recoller polen, polo que custaba atopar a relación, “pero esta afección chegaba a todos os insectos polinizadores”. Logo averiguouse no ano 2003 que o polvo de millo tamén estaba contaminado, que os neonicotinoides non só se espallaban polas sementes. “Parece que en Europa dende que comezan a estudalo, precísase 5 anos para saber a orixe dun problema; dez dende que comeza”, criticou. Cómpre asumir que “patoloxía e insecticidas son dous temas relacionados”, afirmou o apicultor belga, “a inmunidade das abellas descendeu dramáticamente a raíz da entrada dos pesticidas neonicotinoides”.
Noa Simón, da coordenadora apícola europea Bee Life (Bélxica) -onde está tamén integrada a Asociación Galega de Apicultura-, salientou a importancia de que “as apicultoras e apicultores sexan os ollos, os que avisan do que está pasando no terreo”. Simón centrou a súa intervención nas avaliacións de risco sobre pesticidas nas abellas. Dende Bee Life realizaron nestes últimos anos unha investigación e déronse conta de que “quenes facían os estudos que argumentaban a defensa do emprego de praguicidas neonicotinoides era a propia industria”, así que presentáronlle estes resultados á Comisión criticando que se deixaran asesorar por unha parte interesada. No ano 2012 a Comisión preguntou á Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria(EFSA) se a metodoloxía de avaliación dos pesticidas era boa. No 2013 a EFSA afirmou que non o era, polo que propuxéronse unhas liñas de mellora a través dunha proposta metodolóxica máis eficaz para as avaliacións de risco, “pero estamos no 2016 e nin os Estados nin a Comisión as puxeron en práctica”. Afirmou tamén Noa Simón que a día de hoxe a nova metodoloxía “non é aceptada polos países da UE debido ao bloqueo político”, para o que os Estados da UE argumentan que implantala sería caro e que non é unha metodoloxía validada oficialmente. A industria dos pesticidas, pola súa banda, “din que as recomendacións propostas pola EFSA son difíciles de aplicar na práctica” e amósase contraria a un plan que “ten mellor metodoloxía para as pobas de campo, con plan estatístico, demostración da exposición real, avaliación de efectos, etc.”.
Mesa redonda: Políticas para preserver as abellas en Europa
A xornada finalizou ca mesa redonda “Políticas para preservar as abellas en Europa”, que contou ca participación da Comisión Europea a través de Enmanuel Petel, da Dirección Xeral de Agricultura e Desenvolvemento Rural e Vujadin Kovacevic, da Dirección Xeral de Medio Ambiente, quenes optaron por exposicións significativamente sinxelas, eludindo pronunciarse nas mesmas ao respecto do papel que a Comisión Europea debería asumir en relación á problemática da vespa velutina, cuestión sobre a que foron interpelados durante o turno de debate aberto.
A Comisión Europea tomou a palabra a través de Enmanuel Petel, Coordinador de Políticas sobre Ecoloxización na Dirección Xeral de Agricultura e Desenvolvemento Rural, quen enmarcou a súa ponencia na Política Agraria Común (PAC), dando continuidade á proposta comunitaria denominada “reverdecemento da PAC“. Baixo os parámetros desta proposta, a Comisión aspira a “apoiar as poboacións de insectos clave en campos agrícolas de néctar, en áreas de cultivo e pasto”, por medio da “optimización da produción” de plantas de flores que producen néctar. Desenvolveu tamén unha ampla explicación sobre os pagos da PAC, e a vontade de “ecoloxización” da agricultura europea, un aspecto que dende Alternativa Galega de Esquerda en Europa non estamos a percibir nese sentido, habida conta das recentes polémicas por exemplo co emprego do glifosato.
Vujadin Kovacevic, Responsábel de políticas na Unidade de Biodiversidade na Dirección Xeral de Medio Ambiente, centrou a súa intervención en insistir na preocupación que a Comisión Europea manifesta ter ao respeito da biodiversidade en Europa, e na importancia dela para a vida das abellas. Na liña do exposto durane toda a xornada, Kovacevic afirmou que “a biodiversidade é clave para a preservación das abellas”, en tanto que a agricultura intensiva -que, como ben sabemos, a Unión Europea non ten obxección en promover- “é a súa principal ameaza”. Baixo estas claves de análise, avogou por seguir reforzando a Estratexia de Biodiversidade Europea 2020, ao tempo que aputou que “o 9% das especies de abellas na UE están en perigo de extinción”. A diversidade de ecosistemas e hábitats son fundamentais para as abellas, lembrou, “porque proporcionan alimentación e refuxio ás abellas”.
Tras a intervención da Comisión Europea, o Secretario Xeral da Asociación Galega de Apicultura (AGA), Xesús Asorey, reiterou unha premisa central para todo o sector: “a abella é indispensable para a vida na Terra, xa que é a responsable do 80% da polinización das prantas con flores”, ao tempo que reivindicou a importancia doutros polinizadores como vespas, formigas, bolboretas… A continuación desenvolveu o abano de ameazas exitentes para os animais polinizadores en xeral, que “nos últimos trinta anos sufreron un forte retroceso por mor da actividade humana”. Comezou co exemplo do parásito asiático varroa, chegado na década dos 80, mais tamén abordou prácticas que contan coas administracións públicas como cómplices necesarias, como o monocultivo do eucalipto na Galiza, que provocou a chegada na década dos 90 do gonipterus Scutellatus, “comezando a empregarse fumigacións aéreas que tamén eliminaron moitos polinizadores, contaminando augas e cultivos”. Foi tamén nesta década cando apareceron no mercado os insecticidas, sistémicos, neonicotinoides… adoptando un uso masivo, “tanto recubrindo sementes como nos demais usos habituais”, causando “unha gran catastrofe de baixas de abellas e también doutros polinizadores; pasamos dunha mortalidade anual de colonias de abellas dun 8-10% a un 30-40 %”. Esta situación estase a ver ademais fortemente agravada debido ao cambio climático, e exemplificou “este ano houbo zánganos nas colmeas todo o invierno en moitos lugares, algo impensábel fai pouco tempo”.
Asorey puxo tamén sobre a mesa as medidas que cómpre adoptar para poñer fin a esta situación, destacando a importancia de “prohibir totalmente os insecticidas neonicotinoides e outros perxudiciais para os polinizadores”. Aliás, dende AGA valoran como fundamental “promover unha agricultura compatible coa presenza de polinizadores nos nosos campos”, xa que a agricultura industrial “non ten esta compatibilidade nin é sostenible, sernón que é tóxica y xa está afectando á saúde das persoas”.
Carlos Javier Valcuende de Cos, Presidente da Confederación en Defensa da Abella na Cornisa Cantábrica(CODACC), foi o encarregado de pechar esta mesa redonda en clave propostiva. Valcuende expuso un resumen da evolución da vespa velutina en territorio europeo, para posteriormente centrarse en compilar as medidas que dende o sector se solicita á Unión Europea. Así, tomando como guía a carta enviada por la Confederación en Defensa de la Abeja en la Cornisa Cantábrica (CODACC) al Parlamento Europeo, reiterou como medida imprescindíbel “desenvolver e por en marcha unha estratexia de xestión, control e posíbel erradicación da Vespa velutina en Europa, establecendo un grupo de traballo ou mesa sectorial”. Para iso, precísase “máis implicación por parte dos Estados membro”, que deberían “realizar campañas de divulgación e concienciación” ao tempo que haberían realizar “investigacións e actuacións conxuntas de xestión e control”. Deste xeito, poderíanse “reunir recursos económicos e experiencias para investigar de xeito coordenado e global, priorizando os métodos de control más eficaces, como feromonas e inhibidores específicos para a vespa velutina”. Aliás, namentras estas medidas se foran poñendo en marcha, e até dar controlado esta plaga, o presidente da CODACC subliñou que “sería necesaria a adopción de axudas aos apicultores polos danos ocasionados”.